Ribadeo, 10 de maio de 2021. Do 14 ao 17 de maio terá lugar Letras no Campo, a sétima edición da feira do libro de Ribadeo, que organiza a Concellaría de Cultura. Ao longo desas xornadas haberá presentacións, música e divertimento. O evento foi presentado esta tarde no salón de plenos do Concello.
A edil Pilar Otero dixo que “despois do parón do ano pasado imposto pola covid e baixo o lema a cultura é segura, o Concello de Ribadeo organiza para esta fin de semana a sétima edición de Letras no Campo, feira ribadense do libro. Das outras veces este evento que implica librarías, editoriais, autores e autoras e lectores e lectoras facíase xa entrado o verán. Preténdese, ao programalo para mediados de maio, contribuír á desestacionalización das ofertas que axuden a dinamizar o concello”.
A concelleira de Cultura explicou que “Letras no Campo comezará na tarde do venres, 14 de maio, e desenvolverase ao longo dos días 15, 16 e 17. Un total de 6 casetas abrirán as súas portas o venres ás 17.30 horas, unha xornada marcada pola lectura do pregón. Neste caso é unha pregoeira, moza, compositora premiada, mais tamén con incursións na literatura, a ribadense Carme Rodríguez Rodríguez. Antes e despois da súa intervención acompañará o acto a sección de música tradicional da Escola Municipal de Música e Danza do Concello de Ribadeo”.
Otero Cabarcos indicou que “o horario para o resto das xornadas é de 11.30 a 13.30 e de 17.30 a 20.30 horas. O lugar elixido é o parque San Francisco e as presentacións dos libros faranse na sala de exposicións. Cada xornada rematará cunha actividade de lecer chamada Divertimento. A idea da feira é darlle visibilidade a autores/as locais, da comarca, e foráneos/as, e tamén que haxa diversidade de xéneros”.
A concelleira de Cultura relatou que “a mañá do sábado contará coa presentación da última obra do ribadense Chemi Lombardero, no ámbito do relato curto, A morte de Colasón e outros relatos, seguido do poeta Baldo Ramos con Porque te quero. Pola tarde, volvemos co xénero poético, neste caso da man de Paco Rivas e as súas Rosas envaiñadas e tocamos a narración e a ilustración con Neira Brochs e Antonio Reigosa con Cen historias máxicas pola Mariña encantada. Coma no resto das edicións Letras no Campo remata cada día coa sección chamada Divertimento. O sábado a protagonista será a Banda Municipal de Música de Ribadeo, que interpretará o Concerto das Letras Galegas no campo de fútbol de herba artificial do CEIP Gregorio Sanz”.
Pilar Otero contou que “o domingo presentamos a novela gráfica de Ana Moreiras Madia leva e recibimos a visita de Rosalía de Castro e Manuel Soto e Freire. Á tarde Aurora Marco presenta o ensaio centrado nas mulleres do Seminario de Estudos Galegos e de Irmandades da Fala, Irmandiñas, e rematamos cunha presentación diferente, a que da biografía de Xela Arias fai Yolanda Castaño, Xela quixo ser ela. Acabamos a xornada con outro divertimento, neste caso a compañía de teatro Os Quinquilláns representan no auditorio municipal A pluma viva de Rosalía. No propio Día das Letras Galegas a profesora da USC Beatriz Busto Miramontes presentará o ensaio Un pais a la gallega.
Galiza no NO-DO franquista. No resto da xornada Xoán Hermida falará do seu ensaio A saída da encrucillada, e, editados polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo presentarase o libro de banda deseñada de Primitivo Marcos Viveiro 1810. Augasmortais e o que ten como centro os anos no colexio Fingoi de Carvalho Calero, obra de Ramón Reimunde. A xornada remata coa lectura do ditame do xurado para a fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galega 2021 e o divertimento a cargo do dúo Corredores de Sombra, que ofrecerán un concerto recital”.
A edil ribadense tivo palabras de agradecemento para as asociacións e entidades colaboradoras: “como se ve á hora de deseñar o programa gústanos sempre facer partícipes a entidades ribadenses e persoas particulares. Agradecemos a colaboración da Banda Municipal de Música, da EMMeDR, do colexio Gregorio Sanz e tamén do obradoiro de nenas e nenos do Bosque Animado, que decoran con debuxos de mulleres escritoras a sala do parque San Francisco. E tamén á Agrupación Cultural Francisco Lanza, que este ano adianta Palabras no Balcón e leva as lonas con poemas de Xela Arias a 15 varandas da vila. Por último como non pode ser doutro xeito tamén agradecemos a Librería Galgo, Gráficas Santiago, Pícaros Mundi, Lar Libros e Bahía a súa participación nesta edición de Letras no Campo. E lembramos que farán un 10% de desconto a aquelas persoas que fagan compras eses días nas casetas do parque de San Francisco”.



























As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.
Familias, amizades e persoas de todas as idades viviron cada xogada e cada aplauso, evidenciando que o fútbol é tamén unha oportunidade para fortalecer a convivencia e a unión da veciñanza. O municipio felicitou á Selección Española polo seu título mundial, un éxito histórico que fixo vibrar a toda a comunidade.
O acto está organizado pola Asociación de Irmandade Locudy, nunha proposta cultural que pon o foco na relación entre Galicia e Bretaña a través da figura de Castelao.
Era o único ocupante do vehículo. O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente uns minutos despois das 10:00 horas deste domingo. Segundo indicou un particular, un coche caera por un desnivel duns 20 metros no quilómetro 2 da LU-P-6104. Desde a Sala de Operacións do 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Barreiros, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Trabada. Unha vez no punto, os servizos de emerxencias indicaron que había unha persoa falecida, único ocupante do vehículo, sen que nada se puidera facer por salvarlle a vida.
A cita, consolidada como un referente do verán cultural no municipio, reuniu na Praza dos Campos á formación anfitriona do encontro, a Agrupación La Sidrina, de Lugones (Asturias) e o Grupo Folklórico Estampas de México. A programación continuou o sábado coa celebración do Festival Folklórico Infantil. Villares puxo en valor o labor que o grupo Mistura desenvolve durante todo o ano na conservación e difusión do patrimonio cultural galego, así como a importancia de iniciativas coma este festival “para manter vivas as tradicións e dinamizar a vida social e cultural dos nosos concellos”.
A eucaristía, un dos actos centrais das festas patronais de Foz, continuou coa tradicional procesión e coa ofrenda floral en memoria das persoas falecidas no mar. A mandataria provincial formou parte da comitiva xunto a numerosos veciños e veciñas, visitantes, membros da corporación municipal e a pregoeira desta edición, María Nelle Castro Neira, focense moi vinculada ás festas desde a infancia.


