Ribadeo, 22 de setembro de 2021. O salón de plenos do Concello de Ribadeo acolleu unha recepción aos irmáns Antonio e Vicente Acuña, dous piragüistas veteranos de Lugo que compiten con club Altruán, e que veñen de conseguir as medallas de ouro e bronce no Campionato de España Máster de Sprint en 50 K2 200 e 1000 metros, celebrado en Verducido. No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, o presidente do club Altruán, José Ángel Fernández, Vicente Acuña, un dos veteranos homenaxeados hoxe, e Iván López, técnico de Deportes.
O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, dixo: “quero agradecer que viñera Vicente a este acto, Antonio non puido vir pero está Fefo, en representación do club Altruán, que xa ten veteranía e é a súa alma máter. Agradecemos o seu esforzo diario para manter este club a flote con eses nenos e esas nenas que practican todos os días ou no seu tempo libre este deporte. Este é un agasallo que se lles dá en recoñecemento, neste caso aínda que non son de Ribadeo pero que compiten co club Altruán de Ribadeo, como facemos con todos os outros clubs, cando compiten nun campionato nacional e quedan nas primeiras prazas. É un recoñecemento e esperemos que aínda que son veteranos sigan tendo estes éxitos tan importantes para o club Altruán”.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, salientou que “quero recoñecervos varias cousas. Primeiro a fortaleza física que demostrades nestas categorías seniors e o esforzo que significa chegar a estas cotas tan altas, medallas de ouro e de bronce de Campionatos de España, que é un mérito para vos e tamén para o club que vos ampara aquí en Ribadeo, e sodes un exemplo a seguir para toda esta xente nova que está empezando con este deporte, que é minoritario, pero que temos vocación para que vaia saíndo desa minoría”.
O rexedor subliñou que “estamos traballando estreitamente coa directiva do club Altruán para poder mellorar as instalacións na praia dos Bloques para que, entre outras cousas, os deportistas non se teñan que seguir duchando en auga fría, algo que creo que xa ningún deporte en Ribadeo o ten. Ata hai pouco así estaban os de remo, agora xa están moito mellor afortunadamente, pero temos unha débeda pendente co mundo do piragüismo e imos satisfacela o máis axiña posible con ou sen axuda externa que espero que a haxa tamén, pero imos levala adiante o máis breve posible. Grazas polo exemplo que dades de fortaleza con estes largos de 200 metros que non é igual facelo con vinte anos que con corenta e pico, e os vosos tempos son admirables. Animámosvos e querémosvos dar este pequeno recoñecemento que será un máis dos que teñades no voso palmarés, pero este é de todo corazón e con todo o ánimo para que sigades defendendo o pavillón de Ribadeo por aí adiante”.
O presidente do club Altruán, José Ángel Fernández, sinalou que “o club é o exemplo que temos aquí de esforzo, dedicación e abnegación que temos aquí en Vicente. Os resultados obtéñense a base de compromiso e esforzo e esta alegría que nos deron os irmáns Acuña con este Campionato de España é a proba diso. Eles son veteranos, pero neste momento no club temos un montón de nenos e nenas pequenas, moitísimas nenas, que están con moitísimas ganas de seguir pola senda que teñen aberto Antonio e Vicente, e outros tantos no pasado”. Altruán agradeceulle ao Concello a súa colaboración.
O piragüista Vicente Acuña dixo: “quero dar as grazas ao Concello de Ribadeo e ao club Altruán por acollernos deportivamente, e estamos encantados de levar o nome do pobo de Ribadeo por toda España”.




















Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándio Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
A xornada comezou cun aperitivo no bar O Colorado, onde os socios se reuniron para o tradicional brinde previo ao xantar. O encontro continuou no Restaurante Asturias nun ambiente de fraternidade, gozando dun cocido digno de exaltación e dunha longa sobremesa. Durante a velada, os asistentes compartiron lembranzas e falaron das actividades que a asociación prepara para o futuro, nun ano no que Os Cacholeiros se achegan ao seu 35º aniversario. A entidade aproveita esta celebración para reivindicar unha vez máis os pratos tradicionais, elaborados con produtos locais e de tempada, e o labor dos establecementos hostaleiros do concello e da comarca.
A cita terá lugar ás 14.30 horas no Restaurante Louzao, en Area. A actividade, promovida polo Centro de Información á Muller e pola Delegación Municipal da Muller do Concello de Viveiro, está concibida como un encontro de convivencia e participación arredor do 8M. O prezo do xantar é de 50 euros. O Concello de Viveiro publicará nos vindeiros días a programación completa organizada con motivo do 8M.
A presidenta da Deputación, Carmela López, e outros cargos do PSdeG destacaron o valor do grelo como produto emblemático e subliñaron que iniciativas como esta impulsan a economía local, apoian ao sector produtor e reforzan a identidade do rural lucense.
O distintivo, concedido por ADEAC, recoñece a excelencia ambiental e a xestión sostible do territorio.En 2026 o programa acada cifras récord, con máis de 1.200 km de sendeiros en 154 municipios. A senda franquía destaca pola súa calidade paisaxística e ambiental, ao unir Castello e Porcía a través de acantilados, praias e espazos de alto valor ecolóxico. Este recoñecemento reforza o compromiso de El Franco cun modelo que combina conservación, educación ambiental e turismo sostible, situando o concello na rede estatal de itinerarios de excelencia. A entrega oficial das bandeiras será o 6 de marzo no Castelo de Cullera.


