Foz, 17 de outubro de 2022. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, recibiu á directora da UNED en Lugo, Ana Traseira, e presentaron a campaña de matrícula para o curso 2022-23 e as novas titulacións que se impartirán no centro lucense.
Ana Traseira explicou que “este curso vamos implantar tres novas titulacións: a de Maxisterio en Educación Infantil, o Grao en Enxeñería da Enerxía e Ciencias Ambientais. A primeira viña sendo demandada de xeito insistente polo alumnado da UNED dende hai moito tempo e por fin podemos ofertarlla aos nosos estudantes de xeito semipresencial, e polo tanto tamén aos do concello de Foz e da área da Mariña. A segunda acaba de ser creada pola UNED e aprobada pola ANECA e esta titulación creo que moi acaída nos momentos de crise enerxética que estamos a vivir e todo este inverno ao que nos temos que enfrontar supón a necesidade de revisar os nosos consumos enerxéticos e os tipos de enerxía que estamos a empregar; así que formar a persoas que poidan profundar nestes aspectos e mellorar o noso aproveitamento enerxético e tamén, polo tanto, diminuír estes problemas que temos coas facturas da luz neste momento é fundamental. Doutra banda dende o ano 2019 estamos a desenvolver un proxecto que se chama Lugo Naturalmente, que traballa en tres eixos e un deles é a loita contra o cambio climático, a posta en valor do noso patrimonio ambiental e, por suposto, tamén o aliñamento da estratexia do centro cos obxectivos de desenvolvemento sostible. Por iso consideramos que a implantación de Ciencias Ambientais é moi positiva para o alumnado da provincia de Lugo e tamén para a sociedade e para o centro asociado”.
A directora da UNED en Lugo comentou tamén que “coma sempre, ao longo de curso imos ter unha variada actividade de extensión universitaria; a aula de Foz caracterízase por un gran dinamismo neste campo e iniciamos o curso cun montón de actividades vinculadas ao Dereito, á Constitución, aos idiomas, ao traballo social, etcétera. Creo que vai ser un curso moi interesante porque por fin estamos volvendo á normalidade e considero que isto tamén vai ser aproveitado polos nosos estudantes para achegarse á UNED. Poden matricularse ata o vindeiro venres, día 21 de outubro”.
Ademais Ana Traseira agradeceu “a colaboración do Concello de Foz, do seu alcalde, Francisco Cajoto, e o apoio incondicional á Aula Universitaria da UNED de Foz, polo que estamos moi agradecidos”.
A directora da UNED tamén salientou que “este curso estamos a celebrar os 50 anos da UNED, que se cumpriron o pasado 18 de agosto. A UNED naceu cun fin claramente social e creo que neste momento de celebración do 50 aniversario é interesante facer fincapé nesa función, que tratamos de desenvolver dun xeito amplo como Universidade”.
E o alcalde de Foz destacou: “estamos de celebración. Son 50 anos xa da UNED, da universidade pública a distancia, e nós en Foz temos unha aula desde a cal as nosas veciñas e veciños teñen a posibilidade de sacar un título universitario. Iso temos que agradecerllo ao noso centro de referencia, ao centro asociado da UNED de Lugo e á súa directora, Ana Traseira, polo gran traballo que están a facer porque ademais este ano temos novas formacións que podemos estudar desde a casa. Estamos a falar de carreiras como o Grao en Educación Infantil, que está a ter gran éxito; de estudos no ámbito enerxético, dentro desa rama de Industriais, que ten gran futuro; e tamén para o Grao en Ciencias Ambientais agora xa se pode facer a matrícula desde o centro de Lugo, o que antes non era posible. Pouquiño a pouco vaise ampliando esa oferta educativa para que todas aqueles persoas que por motivos laborais, porque non é compatible cos seus horarios, ou simplemente por desprazamento teñan a posibilidade de estudar desde a casa”.
Fran Cajoto engadiu que a aula da UNED de Foz “non só ten as titulacións oficiais senón que tamén a través da súa coordinadora, Fuensanta Otero, ofrece cursos para formarnos por exemplo na Constitución, no Estatuto de Autonomía ou para ter o título acreditativo do Celga 4 en galego para optar a distintas oposicións. E este ano, ademais do inglés e do francés, temos un curso de introdución á linguaxe de signos porque tamén nos preocupamos da inclusión na sociedade destas persoas que teñen deficiencias visuais”.
O rexedor municipal focego rematou comentado que “é unha data para celebrar e todos os interesados deben saber que teñen a universidade aquí, na casa, no instituto de Foz, onde está a Aula Universitaria, que ofrece préstamos de libros e atención para resolver dúbidas a través dos profesores”.
























En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Onte, martes, estiveron operativos pola tarde e hoxe, mañá e o venres estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a achegarse á praia dos Bloques a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. Hóuboas para todos os gustos e idades tanto na pista multideporte como na praia dos Bloques. Agardamos que disfruten estes días cos deslizadores acuáticos, xogando e pasando un mes de agosto o máis divertido posible”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



