Considera inadmisible que case a metade da eólica mariña prevista no Estado se instale na costa galega xusto enriba dos principais caladoiros
Santiago de Compostela, 16 outubro 2024. A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou dende Cedeira a retirada dos denominados Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) para defender o sector pesqueiro e marisqueiro da eólica mariña, cuxo desenvolvemento, tendo en conta as características da plataforma marítima galega, “é incompatible co mantemento da actividade económica vinculada co mar”, advertiu.
“Neste momento hai que escoller: ou se defenden os 31.000 empregos que dependen directamente do sector do mar ou se defende que as eléctricas sigan gañando miles de millóns de euros a costa de que a xente do mar non poida seguir traballando e tamén cun impacto medioambiental moi grande no noso territorio”, recalcou logo dunha reunión coa Confraría de Pescadores e Mariscadoras de Cedeira, un dos concellos máis afectados por proxectos eólicos mariños.
A líder nacionalista denunciou deste xeito a preocupante intención de que Galiza “sexa un territorio de sacrifico” para incrementar os beneficios das eléctricas, mesmo a costa dun sector estratéxico para o País como é o da pesca e o marisqueo.
“No BNG témolo moi claro, se hai que escoller entre as eléctricas ou a xente do mar, nos imos seguir defendendo que os nosos mariñeiros e mariñeiras teñan dereito a seguir vivindo do seu traballo porque iso é o que está en xogo neste momento”, advertiu logo de lembrar que o sector mar-industria supón no seu conxunto o 5% do PIB.
Neste sentido, considerou que non se pode permitir que case a metade da eólica mariña que hai prevista no Estado se instale nas costas galegas “xusto enriba dos principais caladoiros nos que pescan cada día miles de persoas que se dedican a esta actividade” e avogou por defender a un sector que estrutura a economía e que fai que vilas como Cedeira poidan seguir tendo futuro.
“Non podemos sacrificar todo iso única e exclusivamente pola rapiña das eléctricas”, incidiu, para exemplificar a continuación o efecto devastador que tería a instalación de eólica mariña en Galiza na propia Cedeira, un dos concellos máis afectados en Ferrolterra, onde están previstos tres parques dos que tan só un, o denominado Nordés e que é o que está máis avanzado, ocuparía 268 quilómetros de medio mariño con 80 aeroxeneradores de 261 metros de altura.
“Isto tería un impacto brutal que vai supoñer a desaparición da pesca e non queremos que ese sexa o futuro do noso País”, indicou para avogar por un desenvolvemento das enerxías renovables que non impliquen “sacrificar outros sectores” que son importantes para a economía galega.
Nesta liña, criticou o deseño que defenden tanto o PP como o PSOE e que, recalcou, “significa expulsar do mar” a todas as persoas que neste momento están pescando en Galiza, “única e exclusivamente para seguir beneficiando ao lobby eléctrico”.
De aí que insistira na necesidade de retirar o POEM que, ademais, non ten “informes económicos e ambientais que certifiquen que non eses plans non van afectar á actividade pesqueira”, advertiu. “Hai que facer as cousas ben e iso significa que hai que ter estudos que demostren que non vai afectar ao sector pesqueiro, porque hai que aplicar ese principio de precaución e, polo tanto, o máis sensato neste momento é que se retire o POEM e que se defenda un sector tan importante na nosa economía como é o sector de todo que ten que ver coas actividades derivadas do mar”, concluíu.























A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.
Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.



