As plantacións galegas de eucalipto representan máis do 54 % do total do Estado e superan o 27 % do conxunto do continente europeo, subliña
Santiago de Compostela, 27 de outubro. Logo dun proceso de diálogo e contraste con diversas entidades do sector forestal galego, o BNG vai demandar no Parlamento a ampliación até o ano 2030 da moratoria para novas plantacións de eucalipto en Galiza, unha especie que non deixou de medrar nos últimos cincuenta anos, pasando de ocupar 131.000 hectáreas en 1973 a máis de 413.000 hoxe en día, o 14 % do total do territorio do País, segundo os datos máis recentes do Inventario Forestal Continuo de Galiza.
A proposta do Bloque implicaría poñer en marcha as reformas legais necesarias (modificación da Lei de Recuperación de Terra Agraria) para aumentar en cinco anos a prohibición vixente para novas plantacións desta especie, que remata a finais de 2025. Unha moratoria que entrou en vigor en xullo de 2021 e que agora se fai necesario ampliar, entre outras razóns, para evitar a plantación masiva de eucaliptos que se produciría en amplas zonas do territorio galego no caso de levantarse a prohibición.
Para a portavoz de Montes e Política Forestal do BNG, Montse Valcárcel, “unha decisión deste calado debe facerse con suficiente antelación, e ten que ir acompañada doutras medidas de fomento da diversidade e da multifuncionalidade do monte”.
A deputada nacionalista sinala que outra das razóns de peso para xustificar a ampliación da moratoria é acompasala coa que rexe no veciño Estado de Portugal, outro gran produtor, con 646.000 hectáreas, que xa aplica dende 2018 unha norma que prohibe a plantación desta árbore até o 2030. Como consecuencia desta medida incrementouse de maneira exponencial a demanda de eucalipto de orixe galega para as grandes pasteiras portuguesas.
“A realidade é que o eucalipto leva anos converténdose nun monocultivo en amplas zonas de Galiza, polas grandes plantacións e os convenios entre os propietarios do monte e empresas pasteiras, polo abandono e pola forma de expandirse naturalmente, mesmo despois dos incendios, facendo que non existan outras especies”, explica Montse Valcárcel, autora da iniciativa que vai rexistrar o BNG.
A deputada nacionalista subliña o efecto que o incremento da superficie forestal (o 60,7% do territorio galego) e sobre todo do eucalipto ten na perda de superficie agraria útil e lembra, neste sentido, que Galiza xa superou amplamente o límite que establecía o Plan Forestal galego de 1992, no que se fixaba para 2032 un máximo de 245.000 hectáreas para plantacións de eucalipto, unha especie que esgota os nutrientes do solo e a diversidade, o que dificulta a recuperación e o cultivo futuro nas áreas afectadas.
As plantacións galegas de eucalipto representan hoxe en día -explica Valcárcel para argumentar a dimensión da situación- o 54,3 % do total do Estado e o 27,5 % do conxunto do continente europeo, malia que, xunto á Península Ibérica, só hai eucalipto en Italia (70.000 h) e Francia (10.000).
Ademais, destaca Valcárcel, a superficie ocupada por esta especie foránea de crecemento rápido supera en Galiza a extensión doutros estados considerados grandes produtores, como Chile (232.000 hectáreas), Uruguai (217.000), Nova Zelanda (150.000) ou Sudáfrica (100.000).
Outras medidas de recuperación de terras ocupadas ilegalmente por eucaliptos
Ademais da ampliación da moratoria ata o 2030, o BNG considera urxente implantar medidas de conservación activas e sostibles para protexer os ecosistemas naturais e promover a biodiversidade para os espazos protexidos, onde o eucalipto avanzou a gran velocidade nos últimos anos.
A iniciativa nacionalista considera así mesmo urxente a redución gradual da presenza do eucalipto en terras agrarias forestadas ilegalmente, zonas de protección de augas, zonas de protección do patrimonio cultural, zonas de protección de infraestruturas e zonas de protección de costas.
Ademais, o BNG defende a reconversión de terreos forestais con plantacións de eucaliptos nas que esta especie non ten aproveitamento produtivo ou poden ter outra vocación, unha medida que debe impulsar o Goberno galego nas máis de 300.000 hectáreas de montes que xestiona mediante convenios, consorcios e outras figuras.
“Galiza necesita un verdadeiro uso multifuncional dos montes, unha industria forestal potente, diversificada, sostible e respectuosa coa nosa idiosincrasia, non unha baseada soamente no eucalipto”, conclúe.



















Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.



