Outravolta a oficialidade na Unión Europea (UE) do galego, catalán e euskera ficou adiada na xuntanza da pasada terza, 28-M, do Consello da UE (de Asuntos Xerais). Esta caste de decisións requiren que os 27 Estados Membros (EM) presentes no Consello voten a prol ou se absteñan, é dicir, un só voto en contra determinaría o rexeitamento da proposta. EM como Alemaña, Austria, Italia, Francia ou Finlandia presentaban dúbidas, proceso que leva sendo continuado dende que o Goberno do Estado levou o asunto ao Consello da UE en setembro de 2023 e que ten determinado que a proposta nin se aprobe nin se rexeite, ficando dende hai vinte meses sempre riba da mesa.
Mais nesta ocasión as fontes sinalan que entre vinte e vinte e dous EM comprometeran xa o seu voto a prol e que o adiamento da votación veu dado por determinadas actitudes obstrucionistas de gobernos alicerzados en partidos adscritos ao Partido Popular Europeo (PPE) ou en partidos de extrema dereita que foron influídos directamente polas ordes de Núñez Feijóo (PP) e Abascal (Vox) dende cadanseus cuarteis xerais partidarios.
A guerra desenvolvida polo galego dos Peares amosou que o seu plan de futuro é, sen dúbida ningunha, partillar un futuro goberno co extremismo supremacista de Vox, desbotando calquera achegamento a JuntsxCat e PNV, partidos claramente soberanistas que priorizan o eixo nacional (e, xa que logo a lingua propia) por riba de calquera outra consideración, ademais de se situar nun amplo espazo de centro e centroesquerda ben afastado da dereita radical e da dereita extrema que ocupan PP e Vox. Ademais amosou que a súa única proposta a respecto da plurinacionalidade é teimar no españolismo, quer rexeitando, quer ignorando as linguas e culturas propias de Galicia, Catalunya, Euskadi, Nafarroa, les Illes e País Valencià. E, ao tempo, que o seu modelo político alicerzase no centralismo e na subordinación dos intereses dos paises e territorios do Estado aos intereses do capitalismo castizo do palco do Bernabeu e da hipertrofia dun Madrid que vai camiño de papar ao Estado todo, como xa papou case toda a Meseta.
Dende unha visión galega e non por abondo agardado (Núñez Feijóo sempre desenvolveu o seu rol de mandadiño desas oligarquías do Bernabeu e dos distintos sectores do deep state) segue a resultar chocante e falto de toda estética e de toda ética que un cidadán deste país, que tivo a honra de presidilo trece anos, sexa o comandante da forza de tarefas que atrasa (imos ver se realmente impide) o recoñecemento como oficial na UE da súa propia lingua que é lingua propia do seu País, para perpetuar a súa subordinación ao castelán. Que ninguén dubide que esta subordinación lingüística e cultural determinará a folla de ruta dun futuro Goberno do Estado canda a propia subordinación dos intereses galegos, dende a alta velocidade ferroviaria con Portugal e o eixo atlántico ferroviario coa Europa até a nosa autonomía enerxética ou os intereses dos nosos complexos agroalimentario ou mar-industria e, en xeral, os intereses das empresas galegas.
E, no medio de todo este balbordo, Alfonso Rueda non só non foi quen de exercer como Presidente de Galicia senón que mesmo chegou repenicar, a xeito de acólito, a mensaxe antigalega de Feijoo. Nun intre no que el mesmo, canda o seu conselleiro de Lingua, din defender un pacto polo galego, quixo demostrar que o pacto no que el acredita non é outro ca o pacto para enterrarmos o galego. Mais, a pouco que matinemos, é ben coherente naquel que partillou aquela malfadada demostración de febreiro de 2009 do extremismo supremacista de Galicia Bilingüe (hoxe Hablamos Español). Esa foto ha perseguir por sempre ao presidente Rueda se non é quen de rachar con ela e co que representa, o que semella que non é posíbel polo menos polo de agora.
Mais esta inequívoca escolla do PP e do PPdeG contra o galego anticipa un nidio distanciamento cando non certa ruptura, na Galicia entre as persoas que acreditan nas nosas forzas capacidades valores e futuro e queren por en valor as nosas vocacións e potencialidades empresariais, a nosa lingua e cultura e aqueles que só acreditan no dependentismo reflectido nunha vocación periférica e subordinada aos que sempre dirixiron a cousa dende que reinan os Borbóns.

















José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
Durante a xornada realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
O lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 10 axentes, 15 brigadas, 16 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.



