Teatro, danza, propostas familiares, iniciativas de asociacións, actividades do comercio local e grandes celebracións marcarán as próximas semanas na vila
Burela, 10 de decembro do 2025. A chegada das datas de Nadal trae consigo un calendario cheo de propostas que combina cultura e celebracións abertas á veciñanza en Burela.
O primeiro encontro terá lugar o sábado 13 de decembro na praia da Marosa, onde o Burela Surf Club convoca unha actividade aberta a partir das 16:30. Haberá unha pequena sesión de surf con gorro de Papá Noel acompañada de chocolate quente, unha proposta gratuíta á que pode sumarse calquera persoa, aínda que non practique surf.
O mércores 17 ás 20:00 horas o Auditorio Municipal acollerá o Concerto de Nadal da Escola de Música de Burela e o 19 de decembro, ás 21:00, o Grupo de Teatro A Adala porá en escena o espectáculo para adultos “Marina Club”. O día 20 celebraranse dúas citas destacadas: o Concerto de Panxoliñas da Coral Polifónica de Burela e o Pasarrúas de Nadal polas rúas comerciais, organizado por ACIA Burela, a cargo da Asociación Cultural Musical Dambara. Ese mesmo sábado funcionará ‘O Tren dos Elfos’ entre as 12:00 e as 21:00, e Papá Noel estará recibindo á cativada no quiosco da Praza da Mariña, dúas actividades enmarcadas na colaboración entre ACIA Burela e o Concello.
O 21 será a quenda do Festival de Nadal do CEIP Os Castros, protagonizado polo alumnado de 6º curso. O 22 chegarán as ‘Alfombras de baile interactivo’, para todas as idades, e o 23 ás 18:00 Trécola Producciones ofrecerá o teatro infantil ‘The Piccole Theatre’.
Despois de Nadal, o 26 de decembro ás 20:00 representarase “Romeo e Xulieta de Prokófiev”, unha proposta de danza clásica dirixida por Aleksey Bogutsky. Ese mesmo día e tamén o 27 e 28 poderá gozarse do Deslizador Tubby, unha atracción deslizante para todos os públicos.
O 29 de decembro, en horario de mañá, Xogando nas Nubes instalará unha ludoteca de xogos xigantes. O 30, ás 18:00, Tarabela Creativa traerá o teatro infantil ‘A Tarabela Ambulante: IDEA’ e, o 31 de decembro, tamén pola mañá, volve Xogando nas Nubes cun taller creativo de Nadal.
A noite do 31 converterase nun dos momentos máis agardados destas datas. A Praza da Mariña acollerá a Festa de Fin de Ano, unha celebración que se prolongará dende as 00:30 ata as 05:30 coa música de Conxuro Discomóbil, que ofrecerá unha selección de clásicos e éxitos actuais para recibir o 2026 con festa e alegría.
Xa en xaneiro, os días 2, 3 e 4 estará dispoñible un chan interactivo, unha experiencia sensorial para todas as idades. O día 3 sumarase ademais un espectáculo de maxia organizado pola Asociación Saúde Mental A Mariña.
O 5 de xaneiro terá lugar a Cabalgata de Reis e a programación rematará ese mesmo día coa Rosconada de Premios con chocolatada, que incluirá roscón, opcións sen glute e sen lactosa e diversos agasallos sorpresa. Nese momento celebrarase o Sorteo do Gran Premio de Nadal promovido por ACIA Burela na Praza da Mariña, cun premio de 3.000 euros para a persoa que resulte gañadora e se atope presente no momento do sorteo.
As diferentes propostas que enchen o calendario destas semanas reflicten a diversidade de iniciativas culturais, sociais e comerciais que converten Burela nun punto de encontro activo e dinámico para despedir o ano e darlle a benvida ao novo.






















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



