O vindeiro 7 de maio de 2026 Escocia e Gales celebran cadansúas eleccións nacionais para elixir cadanseu Parlamento, canda o territorio da Irlanda do Norte para elixir o seu. E esta primavera imos asistir a unha xornada que non é unha mera cita coas urnas, senón un auténtico test de resistencia das democracias plurinacionais fronte á pulsión dun autoritarismo recentralizador que, baixo o disfrace do “populismo de rúa“, ameaza con devalar as costuras institucionais do Reino Unido. A irrupción de Reform UK, a marca electoral de Nigel Farage, nas eleccións territoriais de Gales, Escocia e Irlanda do Norte, non debe lerse como un fenómeno illado, senón como o síntoma dunha desafección profunda que as opcións soberanistas están chamadas a canalizar cara a parámetros de radicalidade democrática, fronte ao supremacismo excluínte de Farage.
En Gales, a situación ten unha relevancia singular. Os nacionalistas do Plaid Cymru, liderados por Rhun ap Iorwerth, conseguiron o que parecía unha quimera: situar o debate non xa no terreo da identidade simbólica, senón na xestión alternativa fronte ao esgotamento dun laborismo galés que, logo de décadas de hexemonía, amosa signos de clarísimo devalo. Varias enquisas recentes sitúan ao soberanismo galés por riba do 35%, converténdose no muro de contención principal contra un Reform UK que busca captar o descontento das zonas post-industriais. O Plaid Cymru opera aquí como un “soberanismo do benestar“, opoñendo á retórica divisiva de Farage un proxecto de reconstrución dos servizos públicos e unha soberanía fiscal que impida que Gales sexa o patio traseiro dun Westminster á deriva.
Pola súa banda, na Escocia o Scottish National Party (SNP) do first minister John Swiney, a quen todas as enquisas sitúan como primeira forza e a poucos escanos da maioría absoluta, —aproveitando o devalo dos laboristas— enfronta o reto de blindar o Parlamento de Holyrood contra a penetración dunha dereita radical que nega, por definición, a propia existencia da nación escocesa. Malia que o SNP transite por un período de redefinición estratéxica logo da era Sturgeon, a súa forza reside na identificación da institución parlamentaria coa vontade de autogoberno. O autoritarismo de Farage, que propugna unha sorte de “centralismo panbritánico” sen matices, choca frontalmente coa cultura política escocesa, moito máis achegada ao contrato social europeo. O SNP freará a Farage dende a afirmación de que o único antídoto contra o autoritarismo metropolitano é a plena capacidade de decisión. Haberán ter en conta os soberanistas escoceses, porén, da necesidade de vencellar continuamente no seu discurso os valores da independencia e do reintegramento na Unión Europea co benestar económico na loita polo voto nos sectores obreiros que históricamente votaron laborista e aos que arestora se dirixe o supremacismo extremista de Farage. No horizonte, a medio prazo, a reclamación dun segundo referéndum de independencia (indyref2) se as forzas pro autodeterminación (SNP, os verdes e a escisión soberanista Alba) quitan unha maioría absoluta no Parlamento de Holyrood.
Máis complexo, se cadra, é o escenario na Irlanda do Norte. Alí, o Sinn Féin de Michelle O’Neill ten ante si a responsabilidade de manter a estabilidade dunhas institucións de poder compartido que o discurso do Reform UK —aliñado co unionismo máis extremo— ameaza con dinamitar. O Sinn Féin, hoxe partido de goberno e primeira forza, actúa como o garante dunha nova normalidade e onde o autoritarismo de corte populista non ten cabida. A súa estratexia de “pragmatismo republicano” habería ser quen de neutralizar Farage ao centrar a axenda na vivenda e na sanidade, demostrando que a unidade da illa se constrúe desde a eficacia e non desde o conflito estéril que o líder do Reform UK tenta sementar con todas e cada unha das súas accións e intervencións. No horizonte a medio prazo a posibilidade dun referéndum de integración da Irlanda do Norte na República de Irlanda, que volte reunificar toda a illa, consonte co previsto para o efecto nos Acordos do Venres Santo de 1998.
O substancial e continuado devalo dos conservadores e laboristas, a progresión do Reform UK e a fortaleza relativa dos soberanistas galeses, escoceses e irlandeses permite prognosticar que é moi probábel que sexa o dique das nacións o que free a extrema dereita de Farage o vindeiro maio. Se non o fan os soberanistas non haberá quen a pare.





















Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
En concreto, o sinistro ocorreu na N-634, en Vilaframil. Neste caso, un dos vehículos implicados envorcou e o único ocupante quedou atrapado, polo que necesitou axuda dos Bombeiros de Barreiros para poder saír do coche. Cando foi liberada, a persoa recibiu os primeiros coidados dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazado no lugar dos feitos. En relación ao outro condutor implicado no accidente, cómpre destacar que tamén era o único ocupante, resultou ileso e estaba liberado e accesible.
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.



