Olga García: “ á veciñanza de Castro de Rei precisa accións concretas non bulos, mentiras e desinformación que é o que parece que se dedica este alcalde”
Castro de Rei, 19 de febreiro de 2026. O BNG de Castro de Rei denuncia a falta de rigor, as contradicións e as continuas mudanzas de versión do goberno municipal do PP arredor das actuacións anunciadas para solucionar os graves problemas da traída municipal de auga, unha situación que leva anos afectando á veciñanza, á hostalaría e ao tecido empresarial do concello.
A portavoz municipal do BNG, Olga García, critica que “o alcalde Francisco Balado leve máis dun ano anunciando solucións que nunca chegan mentres a realidade é que hai veciños e negocios que continúan sen poder facer uso da auga municipal con normalidade”.
Desde o BNG lembran que xa en marzo de 2025 o goberno municipal anunciou un proxecto para mellorar o abastecemento, asegurando que sería a solución definitiva aos problemas existentes. Porén, apenas un ano despois, en febreiro de 2026, o propio alcalde volvía realizar un novo anuncio tras unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, presentando outro proxecto diferente e falando agora dun investimento millonario para resolver a mesma situación.
“Ou ben o proxecto de 2025 non era real ou ben o de agora tampouco o é. O que non pode ser é que cada poucos meses apareza un novo anuncio sen que a veciñanza vexa unha soa obra executada nin unha mellora efectiva no servizo, non se pode vender fume”, sinalou García.
A nacionalista lembra ademais que no último pleno municipal, e a preguntas do BNG, o propio alcalde asegurou que o único que faltaba era a sinatura entre o Concello e a Confederación Hidrográfica para executar un arranxo valorado en 3 millóns de euros, unha afirmación que entra en clara contradición cos novos anuncios realizados posteriormente.
“Estamos diante dun auténtico caos informativo. Primeiro falan dun proxecto, logo doutro distinto, despois dunha actuación que só estaba pendente dunha sinatura e agora anuncian investimentos millonarios como se todo comezase de cero. A veciñanza merece explicacións claras e non propaganda constante”, afirmou Olga García.
O BNG considera especialmente grave que se xogue coa preocupación dunha parte importante da poboación que leva tempo sufrindo problemas de subministro e de calidade da auga. “Non estamos falando dunha obra secundaria, senón dun servizo básico esencial para vivir, traballar e desenvolver actividade económica en Castro de Rei”, engadiu.
Por iso, o grupo municipal nacionalista esixe ao goberno local que explique con transparencia cal é o proxecto real, en que fase administrativa se atopa, que administración vai asumir o financiamento e cales son os prazos reais de execución, así como que deixe de facer anuncios reiterados sen resultados.
“O que precisa Castro de Rei non son titulares nin fotos, senón obras executadas e solucións reais para a traída municipal”, concluíu Olga García



























Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.



