Lugo, 29 de febreiro de 2016.- Turismo de Galicia investirá preto de 1,5 millóns de euros no fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos do medio rural galego, continuando cunha actuación iniciada o pasado ano e que pretende dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para que sexa un recurso turístico accesible para todos.
A delegada territorial, Raquel Arias, invitou aos concellos da provincia a participar neste programa de axudas e lembrou que na anterior convocatoria financiáronse actuacións en 14 concellos por importe total de 234.236 euros.
Arias sinalou que o turismo é un sector fundamental no desenvolvemento de moitas zonas rurais e puxo de relevo o esforzo que está a realizar a Xunta, a través de Turismo de Galicia, para consolidar un destino turístico atractivo, de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sostibilidade.
Segundo datos de Turismo de Galicia, o turismo rural rexistrou un incremento de demanda o pasado ano, superando nun 20,8% a súa cifra de viaxeiros aloxados e nun 16% o seu nivel de pernoitas do anterior ano 2014.
A Xunta, afirmou Arias, “potencia o turismo valorizando ao mesmo tempo os nosos recursos como un factor de crecemento económico e un instrumento de reequilibrio territorial”. Proba delo son estas axudas, engadiu, que propician accións tales como a construción, ampliación ou mellora de aparcamentos, pasarelas, ramplas e eliminación de barreiras arquitectónicas, aseos adaptados para persoas con diversidade funcional, nova sinalización en estradas e instalación de paneis interpretativos, así como a implantación de ferramentas tecnolóxicas, entre elas aplicacións para teléfonos intelixentes, códigos QR, tecnoloxía NFC ou audioguías, entre outras actuacións posibles.
En canto aos criterios de valoración, priorizaranse as axudas para a realización de obras complementarias que melloren a actuación de accesibilidade ou sinalización, tales como demolición e retirada de estruturas construídas que non harmonicen co recurso, acondicionamento de muros, fachadas e balaústre e outras similares que melloren a estética do recurso; as actuacións levadas a cabo en espazos xeográficos de relevancia turística; as intervencións postas en marcha por entidades locais que acrediten unha boa xestión; as iniciativas que se atopen no ámbito territorial de Administracións locais que promoven políticas urbanísticas destinadas a mellorar, conservar e recuperar a súa calidade paisaxística e medio ambiental; e as actuacións realizadas nos municipios declarados de Interese Turístico de Galicia.