Burela, 11 de abril de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, realizou xestións en diferentes áreas da Deputación de Lugo para levar a cabo investimentos no municipio en materia de asfaltado de rúas e mellora de instalacións deportivas ademais de execución de plans de emprego e formación.
O rexedor contou que “fun visitar varios departamentos da Deputación. Un deles foi o de Recursos Humanos para falar da valoración de postos de traballo, de dous postos de traballo, que agora mesmo por xubilación imos precisar en pouco tempo. Un deles é o de contable, unha praza que agora ten que ser cuberta por unha persoa do grupo A e que sexa homologada para servizos en todo o Estado. Outra é a de arquitecto, que vai substituír ao actual arquitecto técnico cando sexa preciso”.
Alfredo Llano explicou que “tamén aproveitei a ocasión para falar dos orzamentos da Deputación. Hai unha serie de urxencias que eu xa lle expuxen ao presidente da Deputación varias veces e agora queremos que xa se vaian conformando e se vaian dando prazos. Un deles é asinar un convenio para o asfaltado de varias rúas en Burela. Queremos asfaltar a avenida Arcadio Pardiñas e outras que o precisan. E queremos aproveitar ese convenio para facer obras en instalacións deportivas como pode ser en pavillóns ou nos campos de fútbol”.
O alcalde burelés subliñou que “hai algo que nos parece moi importante que son os plans de emprego. Aí tamén imos facer convenios e vai haber unhas charlas sobre dinamización e plans de emprego. Tamén queremos facer algo con respecto á formación a base de cursos e facelo moi diverso para que cubra determinados estamentos e idades, e para diferentes colectivos. Moitos deles irán orientados a persoas da terceira idade para mellorar moitos aspectos tanto sociais como sanitarios ou de coñecemento, que xa noutras ocasións tiveron moita acollida”.
Alfredo Llano rematou dicindo que “basicamente agora o que agardamos é que se asinen xa os orzamentos da Deputación e estean dispostos para ser aplicados, que non haxa nada que os complique para poñerse a elo e traballar duramente. A ver se podemos empezar moitas destas obras antes das festas de Burela para que estea todo en marcha nesas datas”.