Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2016.- Esta fin de semana a Consellería de Cultura e Educación leva ata os municipios de Verín, Vilalba, Viana do Bolo, O Pereiro de Aguiar, Celanova e Burela as propostas de dinamización lingüística do programa ‘FalaRedes’, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Nestes derradeiros días da primavera, os protagonistas serán Os Bolechas, que seguen a espallar o espírito olímpico polo país, e o ‘Todo me fala de ti’, un tributo musical ao poeta Manuel María.
Citas co ‘FalaRedes’ na fin de semana
A primeira función de ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ terá lugar o sábado en Verín (Auditorio Municipal, 12:30 horas). Ese mesmo día, os personaxes de Pepe Carreiro pasarán por Viana do Bolo (Casa da Cultura, 19:30 horas).
Ao día seguinte, domingo, Os Bolechas paran no Pereiro de Aguiar (Centro de Día dos Gozos, 12:00 horas). Pola tarde pecharán actividades en Celanova (Auditorio Municipal Ilduara, 18:30 horas).
Concurso olímpico para dinamizar o galego
O espectáculo ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ está pensado para gozar en familia. Os seis famosos irmáns requirirán a axuda dos rapaces e rapazas asistentes para superaren unha serie de probas e deste xeito venceren o seu antagonista Romualdo. Se, co apoio do público, o conseguen, terán garantido o seu pase para as Olimpíadas de Río 2016.
A participación promovida por esta actividade non se limita ao día do espectáculo, pois ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ ten continuidade a través das novas tecnoloxías, no web www.osbolechas.gal/olimpiadas.
Tributo musical a Manuel María
Pola súa parte o espectáculo musical ‘Todo me fala de ti’ despídese do ‘FalaRedes’ 2016 despois dunha xira que os levou por 15 municipios de Galicia. O sábado o espectáculo musical estará no Auditorio Municipal de Vilalba (18:00 horas) e o domingo baixará o pano en Burela, concretamente no Auditorio da Casa da Cultura (19:30 horas).
‘Todo me fala de ti’ é un proxecto musical liderado por tres coñecidas figuras da música galega: Uxía, Magín Blanco e Santi Cribeiro. O espectáculo é unha homenaxe ao poeta Manuel María pensado para compartiren pequenos e grandes. Partindo dos versos do chairego, con ‘Todo me fala de ti’ percorremos un universo de ritmos, que van dende o pop ata o tango.
Próximas citas: Viveiro e Fene
Na vindeira fin de semana, a derradeira do mes de xuño, o ‘FalaRedes’ achegará Os Bolechas ata as comarcas da Mariña e de Ferroterra: o sábado, día 25 de xuño, o espectáculo ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ poderá verse no Teatro Pastor Díaz de Viveiro (18:00 horas); ao día seguinte, domingo 26, os amantes das aventuras bolecheiras teñen unha cita no municipio de Fene, concretamente no Local do CCRD de Perlío (12:30 horas).
‘FalaRedes 2016′
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolven ao longo de todo o ano nos concellos da RDL. En todos os casos as actividades son de entrada libre e de balde ata completar a capacidade das salas.
Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.






















Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
O Deputado de Promoción Económica e Social, xunto ao Alcalde meirego e o músico berciano, presentaron no Pazo de San Marcos este concerto especial que acollerá a igrexa Monasterial de Santa María, o vindeiro 6 de agosto, ás 21:00 horas.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.
Será o sábado 9 de maio ás 20 horas na Casa da Cultura. Homenaxeado: Xesús do Breogán, pola súa contribución á cultura e ao concello. Organiza: Son’s Varadero Foz. Colabora: Concello de Foz
O acto será este venres, 8 de maio, ás 20.30h na biblioteca El Viejo Pancho, conducido por Xermán Viluba.
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.
Foi promovida polo ximnasio ABFitness en colaboración co Concello de Ribadeo para promover a vida activa e o deporte neste municipio. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, declarou: “agardamos seguir a colaboración e que cheguen a este concello máis actividades e propostas para impulsar a vida activa e o estilo de vida saudable”.



