NOTA DE PRENSA
No debate de totalide da reforma do texto lexislativo anterior, o voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular salienta que coa súa presentación o novo Goberno de Galicia cumpre co compromiso electoral asumido cos homes e mulleres do mar
BALSEIRO CONTRAPÓN A LEI DE PESCA ACTUAL, QUE NACE DO CONSENSO E O DIÁLOGO CO SECTOR, CO TEXTO ELABORADO POLO BIPARTITO, QUE NACEU DA IMPOSICIÓN E DA DESCONFIANZA
* O máximo órgano asesor da Xunta en materia pesqueira, o Consello Galego de Pesca, rexeitou por unanimidade a lei aprobada por socialistas e nacionalistas e, pola contra, refrenda a reforma proposta polo PPdeG
* Coa nova lei acádase un dobre obxectivo: modernizar o texto anterior, que data de 1993, adaptándoo á realidade actual do mundo do mar, e actuar con responsabilidade e coherencia xa que de entrar en vigor a lei do bipartito sería lesiva para os intereses pesqueiros, marisqueiros e acuícolas
* Os argumentos empregados por socialistas e nacionalistas para opoñerse á nova lei son febles, pouco serios, forzados e “limítanse a discutir cuestións de forma, o que dá boa mostra da idoneidade e do acerto do novo texto”
Santiago, 10 de novembro de 2009.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, contrapuxo no transcurso do debate de aprobación da reforma de Lei de Pesca que o texto actual nace do consenso e o diálogo co sector a diferenza do acontecido coa normativa que tiña previsto poñer en vigor o bipartito, que nacía da imposición e da desconfianza do anterior Goberno fronte ás confrarías, os mariñeiros, as mariscadoras, os mexilloeiros e as empresas pesqueiras e acuícolas.
REFRENDO DO CONSELLO GALEGO DE PESCA
Balseiro subliñou que a lei do bipartito que hoxe quedará definitivamente derrogada e será substituída por un novo texto, contaba co rexeitamento unánime do Consello Galego de Pesca, o máximo órgano de consulta e asesoramento da Xunta e no que están representados todos os colectivos e organizacións relacionadas co mundo do Mar (Confrarías, organizacións de produtores, agrupacións de mariscadores, comercializadores, … etc). Pola contra, a nova lei que hoxe aprobou o Parlamento de Galicia conta co pronunciamento favorable deste órgano, que deu o visto e prace ao novo texto con data 4 de setembro de 2009.
“Mentres que socialistas e nacionalistas pretenderon cambiar a realidade de algo tan importante como é o mundo do mar, en Galicia, impoñendo unha norma de costas ao sector, o Partido Popular elabora unha nova lei, co refrendo do sector, e chamada a outorgar o apoio normativo necesario a todos eles para afrontar con éxito os desafíos do futuro”, sinalou o deputado.
AXEITAR A NORMATIVA Á REALIDADE ACTUAL
O voceiro do Mar dos populares galegos xustificou o cambio normativo coa conveniencia de acadar un dobre obxectivo: Por unha banda, modernizar o texto anterior, que data de 1993, adaptando a lei á realidade actual do mundo do mar e, en segundo lugar, pola necesidade de actuar con responsabilidade e coherencia coa posición mantida na pasada lexislatura, e cos compromisos electorais asumidos polo PPdeG “xa que de entrar en vigor a lei do bipartito –algo que tería lugar no vindeiro mes de decembro- o novo réxime xurídico sería gravemente lesivo para os intereses pesqueiros, marisqueiros e acuícolas do noso país”.
A Consellería do Mar impulsa, explicou Balseiro, unha nova lei con novas prioridades: recuperar a importancia e o papel das confrarías que o bipartito pretendía degradar, crear unha normativa moito máis operativa, que simplifica a burocracia, por exemplo, ampliando o permex á vida útil das embarcacións, ou apostando pola producción mexilloeira grazas a posta a cero do contador das concesións sobre bateas. O novo texto tamén aposta polas achegas da ciencia, impulsando o desaproveitado Comité Científico de Pesca, ou introducindo novidades importantes en materia de preservación dos recursos e de fomento da seguridade no mar. “Os galegos entenderon como urxente desaloxalos a vostedes do poder. E o mundo do mar ten o dereito a contar, con urxencia cunha normativa distinta da que vostedes propoñían”
ARGUMENTOS FEBLES E FORZADOS DA OPOSICIÓN
Balseiro Orol cualificou de febles, pouco serios e forzados os argumentos empregados por socialistas e nacionalistas para rexeitar a reforma legal que propón a Consellería do Mar. De feito, salientou que as críticas da oposición fundaméntanse sobre todo en cuestións de forma, sen entrar a discutir o fondo, “o que pon de relevo a idoneidade e o acerto do novo texto.”
Nesa liña, o voceiro do Mar do PPdeG quixo lembrar que a Asesoría Xurídica da Xunta avala a aprobación do proxecto de lei de Pesca antes de contar co dictame do Consello Económico e Social, xustificando este procedemento por razón da súa urxencia. Ademais o devandito informe insiste que, en ningún caso, a fórmula elixida invalidaría a lei.
Balseiro tamén quixo clarexar que para nada se trata dunha normativa sectaria, pois souberon aproveitar o bo que tiña da lei do bipartito, como foi o caso do réxime xurídico sobre comercialización. A maiores lembrou que coa presentación deste texto lexislativo o novo Goberno de Galicia, cumpre co compromiso electoral asumido cos homes e mulleres do mar pois a nova lei é a plasmación legal, letra por letra, do firme compromiso deste Goberno, o do PPdeG, coa nosa pesca, o marisqueo e a acuicultura























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



