Ribadeo, 4 de setembro de 2017. Un total de 65.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo municipais en Ribadeo e As Catedrais durante o verán. No que vai de ano, de xaneiro ao 31 de agosto, achegáronse a estes puntos de información 92.000 persoas, case vinte mil máis que o ano pasado. Para a concelleira de Turismo, Ana Martínez, isto confirma que Ribadeo é un destino durante practicamente todo o ano. A edil tamén subliñou o importante número de peregrinos que durmiron nos albergues da vila e de Vilela e as máis de 200 embarcacións que chegaron ao porto deportivo.
Ana Martínez declarou que “rematado o mes de agosto en Ribadeo aínda temos por diante as festas da patroa, a semana grande na que moita xente, sobre todo con vínculos familiares á nosa vila e ao concello, volta para gozar destas xornadas con todos nós. Aínda así tamén setembro e outubro seguen sendo nos últimos anos, meses importantes de certa afluencia turística, quizais un turismo diferente pero estamos percibindo que queda moita xente por visitarnos”.
A concelleira nacionalista salientou que “estamos bastante satisfeitos dende o Concello porque en termos globais podemos resumir que durante estes meses se colgou, en practicamente todos os establecementos do noso concello, o cartel de completo. Esta afluencia de visitantes en certa medida vémola reflectida na praia de As Catedrais. Son moitos os que veñen a Ribadeo con esa referencia, e polo tanto debemos seguir traballando e coidando esa praia, que ademais é fonte de riqueza non soamente para o noso concello senón para toda A Mariña. Como todos os anos sigo demandando a necesidade de botar a andar ese plan especial no que desde o Concello estamos a traballar e a redactar para que, coa colaboración das administracións competentes, sexa unha realidade máis cedo que tarde”.
Martínez subliñou que “os datos estivais son moi salientables e en certa medida un pouco superiores ao ano anterior. Pero se falamos do cómputo global do ano, nos visitantes que veñen ata o día de hoxe dende xaneiro, temos que dicir que o incremento é bastante importante, polo tanto reflexa que non soamente somos un destino de verán senón que nas fins de semana e outras datas vacacionais importantes do ano, a xente elixe Ribadeo. En canto a números temos que dicir que durante este verán foron 65.464 viaxeiros os que utilizaron e demandaron información nas nosas oficinas municipais. Madrid é o principal lugar de procedencia como nos últimos tempos, pero tamén cun incremento sobrepasando o 25% dos turistas que se achegan a Ribadeo, seguido de Cataluña, Euskadi, Castela-León e Andalucía”.
A edil ribadense dixo que “en canto a cómputo global do ano, no 2016 de xaneiro a finais de agosto foron 75.008 persoas as que demandaron información nas nosas instalacións, e no que levamos de ano son 92.848. Creo que é un incremento salientable e como digo non soamente ven vinculado ao incremento do verán senón ás visitas que estamos a recibir durante todo o ano e que ademais son máis os grupos que veñen organizados a Ribadeo. Desglosado por meses, no de agosto solicitaron información nas oficinas de turismo municipais, 35.444 persoas, que creo que é un número máis que salientable. Todo isto, sumando os meses de xullo e agosto, dá os 65.464 viaxeiros que utilizaron a información das oficinas municipais de Ribadeo”.
A concelleira de Turismo comentou que “durante o mes de agosto, supoño que moita xente o puido ver, fixéronnos chegar a necesidade de acceder á praia de As Catedrais, e todos os días estivo o cupo cuberto, eses 4.802 pases que se poden retirar para acceder ao areal. A procedencia fundamentalmente é de dentro do territorio español, máis o menos o 90% é do territorio nacional, e como todos os anos as comunidades emisoras son Madrid, Cataluña, Euskadi, Castela-León, e incrementando tamén Andalucía e a comunidade valenciana. O punto de información turístico de As Catedrais ten un 86% de turismo nacional e polo tanto alí si se recibe unha porcentaxe un pouco maior de turismo internacional. Falamos dun 13´5% en As Catedrais, e dun 9´8% na oficina da vila. O número de nacionalidades é amplo, diverso e como todos os anos visítanos dende practicamente todos os puntos do mundo. Cada vez máis axencias promoven viaxes cara a Ribadeo, e o turismo organizado foi de 20 grupos no centro da vila, cun total de 885 persoas, e 29 grupos foron os que demandaron información na oficina de As Catedrais con 1.361 persoas”.
Ana Martínez lembrou que “este ano desde o Concello promovemos unha serie de visitas guiadas os martes e os xoves, nas que moita xente se apuntou para coñecer e disfrutar dese Ribadeo que en ocasións queda en certa medida esquecido como é o casco vello, a zona antiga, o Ribadeo dos comerciantes e o indiano, que como ben sabedes todos xa é tamén un referente para visitar Ribadeo. Sen esquecer as xeorutas que se organizan desde hai catro anos na praia de As Catedrais e que tamén son un punto importante para coñecer e gozar da praia quizais máis visitada do estado”.
A edil tamén se referiu á importan presenza de peregrinos en Ribadeo: “os peregrinos tamén son un referente porque somos porta de entrada a Galicia dese o Camiño Norte, aínda que coa demanda como fago todos os anos dun albergue algo máis grande porque en ocasións vivimos unhas situacións en certa medida caóticas, xa que o propio albergue do Xacobeo na vila ten doce prazas e nós, que tivemos en obras durante o mes de xullo o albergue municipal de Vilela, que conta con 22 prazas, e que tamén estiveron ocupadas practicamente todos os días durante este mes de agosto”.
A responsable de Turismo declarou que “o turismo que tamén chega aquí é o turismo en barco que recala no porto de Porcillán, e é atendido polo Real Club Náutico de Ribadeo, que tamén tivo un número importante de atraques. Foron 231 barcos os que transitaron por este porto durante o mes de agosto, a maioría deles un turismo estranxeiro que fundamentalmente chega de Francia, Inglaterra e Holanda”.
Ana Martínez quere mostrar o “agradecemento a todos cantos traballan durante todo o verán para que Ribadeo estea a funcionar dunha maneira organizada dentro do posible, a eses hostaleiros, a eses comerciantes, a eses traballadores municipais que en ocasións tampouco se ven, pero que están aí día a día desde o servizo de información turística, o servizo de limpeza, probablemente o seu traballo en ocasións non se recoñece, pero sen eles este verán Ribadeo sería moito máis complicado. Grazas a todos e a gozar destas festas da patroa que están a punto de comezar e que son un pouco o premio e a recompensa a un verán en certa medida magnífico”.



















A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.



