Ribadeo, 25 de outubro de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, ven de enviarlle un escrito ao servizo de recadación da Deputación de Lugo facéndolle chegar o malestar de moitos veciños aos que lles reclaman o pago do IBI a través do Boletín Oficial do Estado. Suárez Barcia subliña que se trata “dunha actuación allea ao Concello de Ribadeo”. O rexedor acusa ao PP de estar a facer oposición malévola con este asunto co único fin de enredar, lembra que a revisión catastral foi promovida polo goberno do Estado e que o único que fixo o Concello foi elixir o ano de aplicación, entre os catro propostos.
O alcalde ribadense manifestou: “en relación con estas incidencias das liquidacións derivadas da regularización catastral que a algunha xente lle foi notificada a través do Boletín Oficial do Estado, debo dicir que a xestión tributaria, desde hai moitos anos, non a leva o Concello senón que a leva a Deputación Provincial”.
Fernando Suárez dixo: “somos tamén dende o Concello sorprendidos de que tan alto número de notificacións non foran personalizadas a domicilio, senón que foran a través do Boletín Oficial do Estado, que sabemos que é un instrumento legal para notificar, pero que nos chama certamente a atención. De aí que lle acabamos de dirixir un oficio ao servizo de xestión tributaria e recadación provincial da Deputación de Lugo, para que nos aclare e nos informen á maior brevidade sobre o procedemento seguido para notificar estas liquidacións aos interesados, que non están en executiva senón que están en voluntaria desde logo, pero cales foron os motivos deste elevado número de notificacións e porqué foi imposible efectualas de xeito ordinario no seus domicilios”.
O rexedor ribadense sinalou que “unha vez dito isto quero contestar estas declaracións, estas soflamas que ás veces sen fundamento fai o Partido Popular de Ribadeo cun ánimo absolutamente político de liar e de enguedellar toda esta situación que se dá en Ribadeo, que se dá en todos os concellos de Lugo e que se dá en todos os concellos do Estado. Parece ser que Ribadeo para o Partido Popular é un triunfo moi importante porque só se centra en Ribadeo cando esta realidade está a pasar en todos os concellos do Estado”.
Fernando Suárez subliñou que “en Ribadeo quero deixar claro que nestes últimos anos non se subía a contribución para nada. Todo o que se incrementou o valor catastral, a través da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, foi na mesma proporción rebaixada no tipo, que é o multiplicador polo que o Concello si que ten potestade. Polo tanto a resultante final, se sube o valor catastral baixa o tipo, quedou igual nestes últimos anos. Remítome ás actas e aos acordos plenarios que fomos facendo ao longo destes últimos anos”.
O alcalde de Ribadeo engadiu que “no que ten que ver con esta regularización catastral feita polo Ministerio de Facenda a través da Dirección Xeral do Catastro, foi aprobada no Congreso dos Deputados de xeito que a través dun plan cuatrienal en todo o Estado se estivo a facer, un plan cuatrienal do 2013 ao 2016. O único que puidemos facer os Concellos, tamén o de Ribadeo, foi escoller o ano en que se faría esta revisión. No noso caso, dentro dese abano de catro anos, escollemos o 2015. Agora sabemos que houbo Concellos que non escolleron ningún ano e agora Catastro está metendo forzosamente para este exercicio no que estamos”.
Suárez Barcia indicou que “esta regularización catastral non é a toda a poboación, nin é a todos os propietarios de inmobles deste concello nin do resto dos concellos. Esta regularización estivo dirixida aos inmobles que sufriron alteracións e que nunca foron declaradas, por descoñecemento ou por non descoñecemento, polo que fose. O catastro fixo unha revisión e alí onde detectou que había alteracións, non dos últimos tempos, igual de había seis anos ou de había catorce ou dezaoito… alí onde viu que había alteracións non declaradas, rehabilitacións de inmobles, construción de elementos anexos á vivenda principal que non estaban declaradas, etc…, fixeron esa revisión, e os procesos de valoración foron realizados polo Catastro e non polo Concello, polo que as reclamacións deben ser ao Catastro”.
O alcalde rematou a súa intervención puntualizando: “outra cousa é que desde o Concello, como non pode ser doutro xeito, a través dos técnicos e dos funcionarios prestemos todo tipo de atención aos veciños para aconsellalos ou para dirixilos a quen deben facer as oportunas reclamacións. Non se trata de escorrer o bulto, trátase de chamar ás cousas polo seu nome e trátase de desmontar este engreño que dunha maneira malévola quere, como sempre ao seu xeito de oposición, facer o Partido Popular de Ribadeo”.























Foi promovida polo ximnasio ABFitness en colaboración co Concello de Ribadeo para promover a vida activa e o deporte neste municipio. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, declarou: “agardamos seguir a colaboración e que cheguen a este concello máis actividades e propostas para impulsar a vida activa e o estilo de vida saudable”.
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.
López Campos salientou o apoio da Xunta a esta cita pola súa relevancia cultural e polo seu papel na dinamización do rural, así como pola forte implicación veciñal que a sostén. Durante o acto, entregou un dos premios do concurso escolar de relato e debuxo, integrado nun programa que combina artesanía, produtos de calidade, obradoiros e música. Pola súa banda, Iria Castro percorreu os postos das filloeiras, que ofreceron centos de racións deste doce tradicional aos numerosos visitantes. A deputada tamén visitou o punto de degustación de xamón de porco celta do programa Un gusto de rural, un rural degusto e o posto de divulgación Lambiscadas Científicas, dúas propostas impulsadas coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación e integradas na programación da feira.
Carlos López destacou que a Deputación colabora con esta cita –a través dunha achega de 3.000€- porque é unha das celebracións gastronómicas máis coñecidas do norte de Galicia, capaz de poñer en valor a tradición culinaria e a riqueza natural do entorno. Durante toda a mañá tiveron lugar na contorna da Praza dos Fornos os concursos de lance e mosca, unha exhibición de pesca, a pesada e as clasificacións. Xa pola tarde, tras a entrega dos trofeos, tivo lugar a verbena a cargo de Suavecito e Pedro Bermdez.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA. O acto terá lugar o venres 8 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
A área de Deportes reforzará o seu respaldo ao club cunha subvención excepcional ligada á presenza neste torneo estatal. O vicepresidente Efrén Castro visitou este mércores o equipo en Castro Ribeiras de Lea para trasladarlles ánimo e destacar a importancia de competir a este nivel para dar visibilidade ao deporte feminino e avanzar na igualdade. Ademais deste apoio puntual, a Deputación financia de maneira estable a actividade do club cunha subvención nominativa de 70.000 euros, a principal achega institucional ao seu funcionamento.



