NOTA DE PRENSA
Balseiro Orol lamenta a actitude alarmista dos alcaldes de Ribadeo, A Pontenova, Monterroso e Sarraia e censuran que pretendan sementar incerteza sobre a continuidade dun servizo esencial para a xestión das emerxencias en gran parte dos concellos lucenses e de Galicia
UN ACORDO ACADADO A PETICIÓN DAS TRES FORZAS POLÍTICAS ENTRE A XUNTA E A FEGAMP GARANTE A CONTINUIDADE DOS GRUMIR
* O Goberno de Feijoo aposta polo mantemento destes grupos de xestión de emerxencias grazas a contratación dos seus traballadores con cargo as axudas de varias consellerías, o que dista da postura do anterior Executivo bipartito que pretendeu suprimilos e reducir o seu número de efectivos
* O director xeral de Emerxencias e Interior confirmou a Balseiro Orol que os GRUMIR estarán operativos a finais do mes de marzo “en iguais condicións, nos mesmos concellos e cos mesmos efectivos que os habilitados polo bipartito durante o 2009”
Santiago, 12 de xaneiro de 2010.- As tres forzas políticas maioritarias –o Partido Popular, o PSOE e o BNG- promoveron no seo da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) un acordo coa Xunta de Galicia polo que se garante a continuidade dos Grupos Municipais de Intervención Rápida -coñecidos como GRUMIR- e polo tanto a plena operatividade destes servizos ao longo do ano que comeza.
Así o explicou o deputado autonómico e secretario xeral dos populares lucenses Jose Manuel Balseiro Orol tras manter unha entrevista co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, quen tamén lle ratificou a plena operatividade dos GRUMIR a finais do mes de marzo. “En iguais condicións, nos mesmos concellos e cos mesmos efectivos que os habilitados polo bipartito durante o 2009”
SEMENTAR INCERTEZA
Os populares lamentan, en consecuencia, a actitude alarmista dos alcaldes de Ribadeo A Pontenova, Monterroso e Sarria que nos últimos días pretenderon sementar incerteza respecto da continuidade dos GRUMIR nos seus respectivos concellos. O Goberno Feijoo aposta polo mantemento destes grupos de emerxencia e, tal e como se fixo ata o de agora, financiará a través de varias consellerías a contratación do persoal necesario para cubrir este servizo: tanto do denominado GRUMIR estable –capataces- como do resto do persoal (cuadrillas)
O BIPARTITO PRETENDEU SUPRIMILOS
A postura do novo Executivo galego contrasta coa mantida polo anterior Goberno bipartito que, como recordarán, pretendeu sen éxito suprimir este servizo e reducir o número de efectivos dispostos en moitos concellos da Mariña e do resto de Galicia. Por fortuna no seu día a acción política do Partido Popular -oposto á supresión deste servizo- e a constatación de que este persoal contratado estaba a desenvolver unha labor indispensable na xestión das emerxencias nos nosos concellos obrigou a rectificar ao Executivo de PSOE e BNG, que desbotou os seus plans iniciais.
CENSURA Á ACTITUDE DOS ALCALDES
En todo caso desde o Grupo Popular se preguntan cal pode ser a intención oculta dos rexedores de Ribadeo, A Pontenova, Monterroso e Sarria. Porque de descoñecer a existencia e contido deste acordo acadado no seo da FEGAMP polas tres forzas políticas están a evidenciar un grave descoñecemento e falta de dilixencia no exercicio do súa función pública, algo impropio dun alcalde. E se pola contra o coñecían e malia iso o ocultaron, e preferiron sementar alarma e incerteza entre o persoal que pode participar nos procesos de selección do GRUMIR e entre os veciños, pois estarían a actuar irresponsablemente e con ánimo de enganar.
Os populares sospeitan que o que de verdade acontece é que tanto o alcalde de Ribadeo como o de A Pontenova, Monterroso e Sarria non consultaron cos seus representantes na FEGAMP como consecuencia das liortas internas que afectan ao BNG e ao PSOE en Galicia, e que leva a moitos dos seus responsables a non manter contacto cos seus compañeiros de partido. “Uns non se falan cos outros, e parece ser que estes dous alcaldes non se enteran da nada”
Finalmente Balseiro Orol subliña que a continuidade do GRUMIR aparece avalada non xa polo acordo da FEGAMP senón pola propia Dirección Xeral de Emerxencias e polos compromisos adquiridos para financiar a contratación do persoal polas Consellerías de Traballo, Presidencia e Medio Rural.
















Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.



