Nota de prensa:
O NOVO PROXECTO MUSEÍSTICO POÑERÁ EN VALOR O MAR DE LUGO COMO UN DOS PRINCIPAIS ATRACTIVOS TURÍSTICOS E PATRIMONIAIS DA PROVINCIA
O proxecto dotará ao Museo do Mar dun novo espazo expositivo, e recuperará o patrimonio material e inmaterial vencellado á tradición mariñeira da comarca
CERVO, 2 de novembro de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, maila xerente da rede museística provincial, Encarna Lago, presentaron esta tarde o novo proxecto museístico e a ampliación do Museo do Mar de San Cibrao, que se levarán a cabo cun orzamento de 190.000 euros. A ampliación dotará ao centro dun novo espazo expositivo de preto de 200 m2, e o proxecto museístico ten por obxectivo a posta en valor do mar de Lugo como un dos principais atractivos turísticos da provincia, por medio da recuperación integral e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial vencellado á tradición mariñeira. A Mariña ten un litoral que comprende oito concellos e máis de 100 km de costa, cunha importante tradición mariñeira construída ó longo dos séculos, pero que a propia evolución económica da zona foi diluíndo no esquecemento.
O vicepresidente da Deputación comentou que “este proxecto ven a dar unha resposta, sin pechar outras portas e desde a austeridade, ás necesidades que levan manifestándose desde hai tempo”, explicou que “defendemos que por austeridade non debe entenderse o peche do grifo, e polo tanto, deixar de ofrecer servizos, senón que debe ser considerada como a procura da maneira de ofrecer os mesmos servizos con menos gasto, que é o que faremos nesta ocasión”. O novo espazo expositivo estará formado por 2 salas, 2 cuartos de baño, recepción e almacéns. Como explicou Encarna Lago, “os materiais cos que se construirá a nova estrutura serán pizarra, madeira ou cristal, procurando que pase desapercibida pero que conte con todas as facilidades en canto a accesibilidade e operatividade”. Lembrou que “este museo é un referente en canto a accesibilidade, e un verdadeiro exemplo de como desde algo pequeno se poden lograr cousas grandes”. Comentou a importancia de “reactivar os museos e facer que se poña de manifesto cada vez máis o carácter destes como intermediarios entre a sociedade e a súa historia”. A xerente da rede museística subliñou un dos obxectivos principais deste proxecto, que é “dar a coñecer ao mundo o mar de Lugo como un atractivo turístico patrimonial”.
Para poñer en marcha este proxecto, realizarase unha revisión da documentación escrita e as fontes gráficas e audiovisuais que existen sobre a materia. Establécese como prioridade a creación dun arquivo que recolla a tradición oral da comunidade mariñeira, para o cal adquire unha grande importancia a participación das xentes do mar na reconstrucción da súa propia historia, non so pola importancia das súas testemuñas vitais, senón como medio de transmisión a longo prazo dun patrimonio que forma parte da súa propia identidade como individuos e como membros da sociedade. O proxecto pretende subliñar o carácter didáctico do Museo do Mar, e o obxectivo do mesmo de facer as veces de intermediario e transmisor entre a sociedade e o patrimonio que preserva, custodia e difunde, sendo depositario, ademais de obxectos, da memoria histórica e das lembranzas que forman a identidade dun pobo.
O estudo ten a intención de integrar aos concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo, par o cal sería desexable unha coordinación operativa das labouras de investigación, buscando a colaboración das seis confrarías de pescadores nas que se agrupa o sector nesta comarca: Ribadeo-Rinlo, Foz, Burela, San Cibrao, Celeiro e O Vicedo. Estudaranse, en principio, temas como a historia da pesca, a construcción naval na Mariña , o patrimonio industrial, as confrarías de pescadores como institucións socio-asistenciais ou a elaboración dun arquivo de historia oral dos mariñeiros de Lugo, entre outras cousas. Destacan, por exemplo, a cetárea de Rinlo, o cargadoiro e as minas de Vilaodriz de Ribadeo, os asteleiros e as fábricas de salgazón e conserva de Foz, a pesca d bonito en Burela, caza da balea en San Cibrao, o cargadoiro de Viveiro e as minas da Silvarosa, ou os Moutillós do Vicedo.
PLANTEXAMENTO DE RECUPERACIÓN DE MEMORIA HISTÓRICA “MAR DE LUGO”
Lugo ten mar, é unha realidade obvia pero aínda ignorada por unha grande parte da sociedade. A Mariña de Lugo ten un litoral que comprende oito concellos e máis de 100 km de costa, cunha importante tradición mariñeira construída ó longo dos séculos, pero que a propia evolución económica da zona foi diluíndo no esquecemento.
O proxecto implica unha recuperación integral e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial vencellado á tradición mariñeira, sexa directamente relacionado coa propia actividade extractiva da pesca como dos oficios derivados da mesma (redeiros, cestería, cordelería, asteleiros, etc.), ó igual que as industrias de transformación, dunha intensa presencia na nosa comarca (industrias conserveiras e de salazón, aproveitamento da alga, etc.).
A metodoloxía a empregar implica unha total revisión documental sobre a materia, o que inclúe tanto a documentación escrita, como as fontes gráficas e audiovisuais: revisión hemerográfica, recompilación fotográfica e audiovisual (catalogación de filmes documentais, por exemplo NODOS, que traten sobre as materias incluídas na nosa investigación). Nembargantes o éxito deste traballo depende case que enteiramente da participación das xentes do mar na reconstrucción da súa propia historia, , non so pola importancia das súas testemuñas vitais, senón como sostén e medio de transmisión a longo prazo dun patrimonio que forma parte da súa propia identidade como individuos e como membros da sociedade. Débese establecer como prioridade a creación dun arquivo que recolla a tradición oral dunha comunidade, a mariñeira, que teceu con historias e lendas a súa loita cotiá cun mar, as máis das veces propenso ó anoxo.
O Museo Provincial do Mar de San Cibrao naceu cunha vocación eminentemente didáctica, e entre os seus obxectivos como institución está a de exercer como instrumento de intermediación e transmisión entre a sociedade e o patrimonio que preserva, custodia e difunde, un medio para o intercambio recíproco de coñecemento, depositario non só de obxectos sen vida, senón da memoria histórica e das lembranzas que constitúen a identidade dun pobo.
A UNESCO establece que son as propias comunidades as que desempeñan un papel importante “na producción, a salvagarda, o mantemento e a recreación do patrimonio cultural inmaterial, contribuíndo con isto a enriquecer a diversidade cultural e a creatividade humana”.
Asimesmo, establece que “o patrimonio cultural inmaterial está integrado polos usos, representacións, coñecementos e técnicas -xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espacios culturais que lle son inherentes- que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural”. “Este patrimonio cultural inmaterial, transmítese de xeneración en xeneración, sendo recreado constantemente polas comunidades en función do seu entorno, a súa interacción coa natureza e a súa historia, infundíndolles un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo así a promover o respecto da diversidade cultural e a creatividade humana”.
Este proxecto vai encamiñado á salvagarda, conservación e difusión do enorme patrimonio que os nosos maiores gardan nas súas memorias e na bagaxe das súas vidas. Seguindo coas definicións da UNESCO, entendemos por salvagarda “as medidas encamiñadas a garantir a viabilidade do patrimonio cultural inmaterial, comprendidas na identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión –a través da ensinanza formal e non formal- e a revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos”. Para isto é necesario concienciar á poboación sobre a importancia que a cultura tradicional e popular ten como elemento cohesionador da propia sociedade e como factor de acercamento, intercambio e entendemento con outras culturas, porque, en definitiva, o coñecemento dos demais comeza por coñecerse a un mesmo.
O noso estudio integraría ós concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo. Para establecer unha coordinación operativa das labouras de investigación, sería necesario buscar a colaboración das seis confrarías de pescadores nas que se agrupa o sector nesta comarca: Ribadeo-Rinlo, Foz, Burela, San Cibrao, Celeiro e O Vicedo.
Estableceríanse unhas liñas de investigación aplicables á comarca en xeral para establecer unhas pautas comúns no noso patrimonio marítimo pesqueiro, e afondaríase particularmente naqueles que fosen puntualmente relevantes en cada un dos concellos mencionados.
Así pois, como temas xerais a compilar habería que tratar a historia da pesca (evolución as artes de pesca, especies tradicionais, etc.); a construcción naval na Mariña e tipoloxías de embarcacións tradicionais na comarca; patrimonio industrial vencellado ás industrias transformadoras ou directamente vencelladas ós productos do mar (portos, cargadoiros, fábricas de salgazón, fábricas de conserva, baleeiras, cetáreas, etc..); a caza da balea nos portos da Mariña desde a Idade Media (Rinlo, Foz, Nois, Burela, San Cibrao, Vicedo); as confrarías de pescadores como institucións socio-asistenciais; patrimonio subacuático na Mariña, naufraxios e outras historias; elaboración dun arquivo de historia oral dos mariñeiros de Lugo; a linguaxe do mar: o léxico mariñero da Mariña; as mulleres e o mar, o traballo feminino no mundo do mar (peixeiras, redeiras, empregadas das fábricas, mariscadoras, etc.).
Concello por concello, destacaríamos os seguintes temas:
RIBADEO:
Como principal porto de mercadorías na Idade Moderna.
O cargadoiro de Ribadeo e as minas de Vilaodriz
Asteleiros
Fábrica de transformación de algas
Cetáreas de Rinlo
Porto de saída na época da grande emigración (1880-1930)
BARREIROS:
Marisqueo
FOZ:
Asteleiros
Fábricas de salgazón e de conserva, especialmente Conservas Galbán e Industrias Dalo.
Caza da balea (Foz e Nois)
Escola Náutico Pesqueira de Foz
BURELA: contamos xa cun bo punto de partida posto que xa hai un proxecto de investigación en marcha que comezou coa constitución por parte da Confraría de Pescadores de Burela dun Arquivo Histórico da institución.
Historia da pesca do bonito (Barco Museo Reina del Carmen)
CERVO / SAN CIBRAO:
Museo Provincial do Mar.
A construcción naval en San Cibrao: as carpinterías de ribeira.
A caza da balea.
As fábricas de salgazón.
XOVE:
A factoría baleeira de Moras (Massó, posibilidade de establecer unha colaboración puntual ou permanente co Museo Massó de Bueu)
VIVEIRO / CELEIRO:
Xacemento arqueolóxico de area: vila medieva con posibles factorías salazoneiras e porto de comercial de exportación.
O cargadoiro de Viveiro e as minas da Silvarosa.
As conserveiras.
O VICEDO:
– Marisqueo
– Os Moutillós: posible emplazamento do único asentamento normando de España.
Este listado é susceptible de ser modificado, pois as investigacións acostuman a descubrirnos novos camiños que a priori nunca imaxinaríamos posibles, pero para isto cómpre empezar e facer da nosa historia e da nosa memoria unha prioridade.






















Dezaoito locais hostaleiros de Ribadeo, Rinlo e Vilaframil ofrecerán diversas preparacións ata o vindeiro domingo: en escabeche, en salpicón, en empanada, ao allo, á prancha, en albóndega, etc… Todas as propostas poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo, que agradece “unha vez máis o apoio da OPP do Porto de Burela, que nos doou 90 quilos de cabala para estas xornadas, produto que entregamos de xeito gratuíto aos locais participantes. Achegámoslles así unha parte do peixe que empregarán nesta nova cita gastronómica na que tamén colabora o Concello de Ribadeo”. Ata o porto, ao restaurante Marinero, se achegaron este mediodía o director territorial da Consellería de Mar, Alexandre Piñeiro, as concelleiras ribadenses Montse Seijo, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, e o técnico de Acisa, Jorge Fernández, que puideron degustar as elaboracións realizadas por este establecemento hostaleiro.
Durante a xornada Lionel compartirá a súa experiencia no mundo da escrita, dando a coñecer os seus procesos creativos e as temáticas que caracterizan os seus libros. O acto incluirá un coloquio participativo cos asistentes do club onde poderán preguntar e intercambiar opinións co autor sobre o libro lido “A raíña das velutinas”.
Ao longo desta semana, máis de 40 científicas, divulgadoras, xornalistas e activistas participan nunha campaña simultánea en todo o Estado para achegar á cidadanía as consecuencias que os recentes ataques a Irán poden ter na vida cotiá. No marco desta iniciativa, celebrarase en Ribadeo un acto informativo o venres 17, na Escola Municipal de Música, ás 19:00 horas. Toda a información sobre o No Normal Tour está dispoñible en:
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
O acto está organizado pola A.C. Francisco Lanza e contará coa participación de Dores Fernández Abel, en representación da entidade, xunto co autor da obra. Duarte Correa xa visitara Ribadeo no ano 2022 para ofrecer unha charla sobre a situación política internacional, centrada daquela na guerra de Ucraína. Nesta nova ocasión, o público poderá volver seguir a súa capacidade de análise e síntese, que lle permitirá ofrecer unha visión actualizada dun contexto xeopolítico en constante transformación.



