Ribadeo, 16 de abril de 2014. O alcalde, Fernando Suárez, referiuse hoxe á carta que a Xunta lle acaba de remitir ao Concello pedíndolle máis documentación sobre o plan de viabilidade da residencia de maiores. O rexedor asegura que non ter ningún problema en explicar e matizar todo o que queiran, pero amósase sorprendido porque tiveron tempo de pedir todos eses datos hai meses e fano agora. Para Suárez Barcia a Xunta nunca quixo nin quere esa residencia para a que comprometeu 500.000 euros. O alcalde pensa que a administración autonómica poñerá todas as trabas posibles con tal de non desembolsar esa cifra e subliña que a residencia de maiores de Ribadeo será unha realidade, lle pese a quen lle pese.
O rexedor explicou que “acabamos de recibir por parte da Consellería de Traballo e Benestar esa resposta na que dalgunha maneira nos piden máis documentación sobre o plan de viabilidade que temos previsto para a residencia de maiores de Ribadeo, unha vez que se remate a súa construción. Nós non temos ningún problema en matizar, en explicar, en que os técnicos lles aclaren todos os aspectos de qué é o que non entenden desde a Xunta de Galicia para que, en definitiva, nos poidan librar esa cantidade de diñeiro que se comprometeron a aportar. Vaia por diante a nosa intención aberta e lexítima”.
Fernando Suárez sinalou que “vaia tamén por diante tamén a nosa sorpresa porque ben tiveron tempo desde que a finais de 2013 lles enviamos toda a documentación que nos pedían, e aínda agora en abril de 2014 é cando se descolgan con estas circunstancias, que temos en conta para nós, pero cremos que non hai igualdade de trato con respecto a outros concellos. Por exemplo en Cervo a Consellería financiou o 100% da residencia e xa rematada aínda non sabe cal vai ser o modelo de xestión, que é o que nos piden a nós que digamos cando no caso de Ribadeo a infraestrutura aínda está sen facer. Co argumento que nos dan demostran que a Xunta nunca quixo a residencia de Ribadeo e segue sen querela”. Para o rexedor ribadense “a Xunta ten que aceptar e ten que tragar coa unidade de todos, tanto da Corporación Municipal como dos milleiros de persoas que en Ribadeo a queren. Aínda que de aí a poñer a súa exigua parte de 500.000 euros, xa advertimos moitas veces que van poñer todas cantas trabas poidan para non desembolsar esa cantidade, que é ben cativa comparada co 1.823.000 euros que sí puxo e sí se comprometeu documentalmente a Deputación de Lugo e non nos pediu ningunha documentación de toda canta agora se lle ocorre solicitarnos á Xunta”.
O alcalde de Ribadeo contou que “a técnica da Xunta que hai uns meses deu luz verde á construción da residencia, de aí que iniciaramos a licitación das obras, agora tenta recuar e empezan a ver problemas onde antes non os vían. A unidade de todas e de todos aquí en Ribadeo fará que, a pesares de que a Xunta non acabe dando a cifra comprometida no seu día, a residencia sexa unha realidade, aínda que inxustamente teña que aportar o Concello o que debería poñer a administración autonómica”.
Fernando Suárez Barcia engadiu que “o que nos piden, o que nos están a pedir, é que sexamos moi prudentes desde o punto de vista legal porque a día de hoxe nin eles nin nós sabemos quen pode acabar xestionando a residencia de Ribadeo. Segundo a legalidade vixente a día de hoxe, segundo a lei de bases de réxime local aprobada polo goberno de Rajoy, e si esta non cambia, todo indica que isto é unha competencia autonómica, polo que quizás sexa a Xunta a que acabe asumindo a xestión desta residencia de Ribadeo. Quizás todo isto que están a facer para chincharnos ocasione que acabarán sendo escravos das súas verbas e sobre todo sendo escravos dos seus escritos. En todo caso, que non se preocupen que por máis que lles doa a residencia de maiores de Ribadeo acabará facéndose”.

























O Grupo Sargadelos adquiriu todos os bens inmobles, maquinaria e fondo de comercio de Burelarte S.L. As naves, de máis de 3.000 m² e os terreos anexos, con máis de 4.000 m², destinaranse a ampliar e mellorar a capacidade produtiva das empresas do grupo. Ademais, Sargadelos integrará a maior parte da plantilla de Burelarte e tentará manter viva a marca BurelaRTe, recoñecida pola súa calidade no gres porcelánico, sempre que a autoridade laboral o permita.
A semifinal do Mundial poderá seguirse este martes ás 21.00 horas na Praza Maior.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro Adrián Arias non quixeron perderse a cita e foron os encargados de facer entrega dos premios ás persoas gañadoras, felicitando a todos os participantes polo seu esforzo e polo gran nivel demostrado durante a competición. Desde o Concello de Cervo expresaron o agradecemento á Asociación Cabaleiros da Bidueira polo excelente traballo de organización, así como a todas as persoas colaboradoras, participantes e público asistente que fixeron posible o éxito desta terceira edición.
Polos micrófonos pasaron entre outras as concelleiras de Cultura e Turismo: Begoña Sanjurjo e Marta Saíz; o alcalde, Dani Vega; a pdta de Acisa, Carmen Cruzado; a dtra da Coral Polifónica de Ribadeo, Mari Carmen Rdez Cancelo; a pregoeira, María Xosé Porteiro ou Ángel Terry, membro do afamado grupo de son cubano, Estrellas de Buena Vista y más que foron os encargados de pechar o evento na xornada do domingo.
Nesta ocasión contará, ademais de cos anfitrións A Subela, como grupo convidado ao Grupo Folclórico e Etnográfico do Cimeiro, procedente de Soure, en Portugal, que participa dentro dun intercambio cultural. A organización destaca que será unha edición especialmente significativa e anima ao público a non perdela. Terá lugar o 18 de xullo, ás 21:00 horas, na Praza Conde de Fontao, de Foz.
María José Gómez, participou este sábado nos actos de celebración do XI Ribadeo Indiano.
Con este xesto, o Concello quere expresar o seu máis fondo pesar e trasladar toda a súa solidariedade e apoio ás familias das vítimas, ás persoas afectadas e a toda a veciñanza, compartindo a dor por esta inmensa traxedia.



