Desde o Sindicato CESM-OMEGA, sindicato de médicos plural, independente e sen ningunha vinculación política, queremos manifestar o seguinte:
Pasados 20 meses desde a creación do Área de Xestión Integrada Lugo-Cervo-Monforte (EOXI) denunciamos o deterioro xeneral na asistencia sanitaria da Mariña.
Congratulámonos do anuncio de “adxudicación da redacción do proxecto de ampliación do Hospital da Costa”. Iso non impide que manteñamos unha elevada desconfianza, dada a historia de Plans non levados a cabo con anterioridade, e á falta de concreción do proxecto actual, tanto en prazos de execución, como no de partidas orzamentarias para facelo.
Tamén nos congratulamos dalgún logro conseguido, ou en vías de consecución. Pero lonxe do triunfalismo con que o anuncian as autoridades sanitarias, e co que se enchen a boca algúns políticos locais, manifestamos que, sen ningunha dúbida, serían igualmente conseguidos e claramente superados na situación previa á implantación da Eoxi.
Fronte á promesa dun Plan Director, e duns logros que igualmente fosen conseguidos mantendo a anterior situación, o listado de feitos negativos é abafador.
Da situación actual da sanidade na Mariña queriamos destacar os seguintes datos.
– De modo xeral, é evidente a progresiva e radical perda de funcións no Hospital da Costa, ao cal estase baleirando continuamente de contidos.
– A situación dos órganos directivos do Hospital da Costa supón unha das máximas expresións do anterior.
A capacidade de decisión do Xerente é practicamente nula e iso conleva a que a súa operatividade e eficiencia se vexa moi limitada, malia posuír unha moi alta cualificación profesional.
A lamentable non substitución do Director Médico do Hospital é terrible. Dimitiu xa fai máis de 6 meses, e non se substituíu, malia as reiteradas solicitudes realizadas polos facultativos. A estratexia se antóxasenos moi clara, unha política de feitos consumados nun intento de demostrar que a súa figura non é necesaria.
Denunciamos a gravidade destes feitos, que se traduce nun moi mal funcionamento dos labores básicos e cotiás do hospital. E que demostran unha total falta de respecto cos traballadores e cos usuarios da sanidade mariñá.
– A nivel doutros servizos hospitalarios non asistenciais:
Nos Servizos administrativos desapareceu por completo contabilidade e no último concurso de traslados internos perdéronse outros tres postos.
En Mantemento perdéronse capacidade de xestión e competencias, e produciuse a privatización da electromedicina e da xestión da central térmica.
En Informática, a perda de capacidade operativa afecta a todos os usuarios.
Sobre os servizos asistenciais do Hospital da Costa, é obrigado referirse ao futuro Plan Director. Para coñecer claramente as intencións do Sergas con respecto á sanidade na Mariña, basta con acudir á recente presentación, con tanto bombo fai un mes.
O plan non contempla a ampliación do área quirúrgica, nin a adquisición dunha RMN fixa ou outras probas de imaxe, nin a ampliación do número de postos de diálise, fala vagamente da ampliación de camas de hospitalización, non contempla crear a hospitalización de día quirúrxica, nin outras moitas necesidades. Menos mal que polo menos se acordan da creación dun gran aparcamento, que por certo, todos esperamos sexa de carácter gratuíto.
– A actividade quirúrxica do Hospital vén condicionada polo insuficiente número de quirófanos, que limitan as operacións programadas en horario de mañá.
Desde a apertura da Eoxi o número de enfermos intervidos quirúrxicamente no Hospital da Costa diminuíu. Pasouse das 127 xornadas quirúrxicas extraordinarias do 2011, ou as 173 do 2012 -ambos anos en plena crise económica- ás 96 do 2013 e ás 67 deste ano, a 1 de novembro. Desde a implantación da Eoxi, este descenso do 50% en xornadas quirúrgicas extraordinarias, supón que máis de 400 enfermos ao ano deixáronse de intervir no Hospital da Costa. Xa que logo, aumentan os desprazamentos que os cidadáns da Mariña teñen que realizar para ser operados e, de non aceptar irse fóra, se lles penaliza nas listas de espera.
O Plan Director non contempla ampliar a área quirúrxica, evidencia de que o Sergas non só non ten intención de corrixir esta situación, senón de perpetuala ou empeorarla.
– Probas de imaxe. A Resonancia Magnética Nuclear (RMN) é unha ferramenta habitual e necesaria; o seu uso é e debe ser cotián, e abarca todas as xornadas tanto programadas como urxencias. O camión con RMN móbil limita esta necesidade do Hospital da Costa. E tradúcese outra vez máis, en innecesarios desprazamentos e nunha mala asistencia sanitaria. Moitos nenos deben ser trasladados a Lugo para facerlles unha RMN, debido a que no camión non poidan recibir a necesaria sedación.
A imposibilidade de realizar densitometrías óseas no Hospital obriga a desprazarse a máis de 700 cidadáns, maioritariamente mulleres, a Lugo.
E aínda por riba en outubro, 27 mulleres mariñás tiveron que desprazarse ata Lugo para unha mamografía de control solicitada polo programa de cancro de mama.
– Hemodiálise. A falta de postos de hemodiálise obriga periodicamente a desprazarse tres días á semana a Lugo a varios enfermos. E tamén impide acudir de vacacións á Mariña aos enfermos e as súas familias, que cada ano o veñen solicitando, e que necesitarían de dita técnica. O plan director non prevé ampliar postos de hemodiálise.
– As Probas de Laboratorio vense prexudicadas polo novo modelo de xestión. O afán centralizador e de control da Eoxi á hora de realizar algunhas compras, fai que sexa previsible a diminución de máis dun 30% dalgúns recursos tecnolóxicos, supoñendo ademais un incremento do gasto.
– Atención Primaria. A situación da Medicina Primaria na Mariña empeorou. A perda de postos de traballo, que comezaron ao non cubrirse as xubilacións de facultativos en Cervo e Xove, continúa. As protestas multiplícanse: recentemente perdeuse un facultativo en Riotorto. En Mondoñedo o goberno municipal solicita que se cubran as vacacións, baixas e permisos. En Foz claman porque só se pasa consulta tres días á semana e se recupere un posto de pediatra, etc. A escaseza de pediatras na Mariña é manifesta. E mentres, continúan as ameazas do Sergas no sentido de que non se descartan novos axustes nos persoais de primaria. A asunción de criterios economicistas e/ou estatísticos está levando a esta situación.
E non digamos da tan cacareada integración da medicina primaria e a especializada, que tanto ía mellorar e a afianzarse coa creación da Eoxi. Nunca existiu tanto distanciamento e descoordinación entre ambas como agora. O afán acaparador e intervencionista de Lugo é tremendo e favorece este alonxamento.
– Poderíase seguir falando de infinidade de temas. Do deterioro na mecánica de traslados interhospitalarios, obrigando aos enfermos a pasar pola “peaxe” de acudir ao Hula a que se confirme a necesidade dunha proba, unha consulta ou unha intervención noutro Hospital. Tamén, de como a perda de autonomía conlevou á perda de capacidade de decisión no Hospital: a EOXI sempre prioriza as necesidades do centro máis grande, sen ter en conta necesidades e forma de traballar do pequeno. Iso, sen esquecerse da perda da codificación hospitalaria, unha actividade fundamental na valoración da actividade do Hospital.
A lista de desvantaxes que supuxo para a sanidade da Mariña a Eoxi podería continuar. Non esquezamos unha fundamental, o profundo malestar, descontento e desmotivación entre a práctica totalidade do persoal sanitario e non sanitario, no Hospital e en Atención Primaria.
Por máis que se empeñen as autoridades sanitarias, fano estas e tamén o fixeron as anteriores, a distancia da Mariña con Lugo é enorme, e antóllase insalvable tanto en tempo de desprazamento como en quilómetros. Este foi, é, e será o gran problema.
A apertura do Hospital da Costa, fai xa 28 anos supuxo o achegamento dos habitantes da Mariña á sanidade. O principio do fin duns desprazamentos que eran e son unha lacra para uns cidadáns que teñen o mesmo dereito que os seus veciños da capital.
A creación da Eoxi supuxo unha volta ao pasado. As intencións do Sergas son cristalinas: perpetuar esta política de desprazamentos de cidadáns da Mariña a Lugo. Converter á Mariña nun caladoiro de pacientes que axuden a cubrir as necesidades da sanidade privada de Lugo, e as dun macrohospital deseñado en tempos do boom sanitario e que na actualidade conta con 200 camas sen utilizar.
En conclusión, existe un antes e un despois para a sanidade da Mariña desde a creación da Eoxi de Lugo-Cervo-Monforte. Este despois está sendo nefasto para os usuarios. Desde este Sindicato instamos ás autoridades sanitarias a modifiar o decreto de área integrada, devolvendo ao Hospital da Costa ó seu estatus anterior, dotándoo das características propias dun área única e asumindo e integrando competencias de Primaria e Especializada.
Burela, 4 de decembro de 2014.