Lugo, 9 de marzo de 2015. O Museo Provincial de Lugo acollerá este sábado o recital foto-poético Os Camiños da Brétema, co que 18 escritores e escritoras queren chamar a atención sobre o despoboamento do rural galego nun acto que incluirá tamén música ao vivo sobre unha selección de imaxes do fotógrafo cántabro asentado na Pontenova Vicente Ansola.
O acto, que terá lugar no refectorio do Museo de Lugo a partir das 18.00 horas, foi presentado este luns polo responsable de Cultura da Deputación e do Museo Provincial de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, na compaña de María José Fernández, do colectivo poético A Porta Verde do Sétimo Andar, e do propio Vicente Ansola, autor das fotografías, que permanecerán no Museo Provincial até final de mes.
Pode situarse na década dos cincuenta o punto de partida dun proceso de despoboamento dos núcleos rurais galegos que continuou ata hoxe, deixando un saldo de máis de 3.000 aldeas deshabitadas, o 50% das aldeas abandonadas de todo o Estado. “É neste contexto no que xorde a idea de levar a cabo o proxecto de intervención foto-poética Os Camiños da Brétema, que integra nun único corpo a fotografía de Vicente Ansola e a poesía dun total de 18 poetas que formamos parte do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar”, explica María José Fernández, que afirmou que “quixemos trazar con este recital camiños entre a néboa para denunciar esta situación”.
Así pois, palabra e imaxe atópanse e mistúranse en Os Camiños da Brétema. As e os poetas poñen voz a través dos seus poemas a unha selección de fotografías escollidas polo propio Vicente Ansola para a ocasión, todas elas tomadas no concello de A Pontenova e pertencentes aos seus traballos O pobo das néboas e A última polavila. Este acto multisensorial contará ademais con música en directo, a do cantautor ferrolán Miguel Alonso e a do grupo astur-galaico de acordeón e voz Green Label.
Os Camiños da Brétema convértese deste xeito nun espazo de confluencia de poesía, fotografía e tamén música xirando en torno á realidade rural galega, ó valioso patrimonio cultural que as nosas aldeas atesouran e, como non, ás mulleres e homes que aínda viven nelas e que son, dalgún xeito, gardiáns da memoria deste pobo.
“A idea xorde a partir de dúas realidades: todos os galegos e galegas temos algunha vinculación co rural e este morre e esvaécese ante os nosos ollos de xeito silencioso, os pobos vanse quedando sen nenos, as casas vanse pechando, as fincas fican abandonadas e a nosa aldea de referencia vai morrendo pouco a pouco, co que se desploma o esqueleto que sostén a nosa identidade colectiva”, explica María José Fernández.
“O esvaecemento do noso rural non só supón a desaparición dun xeito particular e único de relacionarse coa terra, senón tamén a perda dun importante patrimonio arquitectónico e cultural. Con el esvaécese un rico cosmos de valores, usos e costumes que constitúen a cerna da nosa identidade colectiva, o que implica que os individuos que compoñemos dita colectividade ficamos dalgún xeito privados da memoria da orixe, absolutamente orfos das raíces necesarias”, afirma.
*Vicente Ansola Trueba
Vicente Ansola, fotógrafo cántabro residente en Vilaeimil, A Pontenova (Lugo), leva anos mostrando tanto dentro como fóra das fronteiras de Galicia a realidade de moitas das nosas aldeas. Tanto no premiado O pobo das néboas como no seu último traballo A última polavila, reflexa a xeito de melodía fotográfica o canto de cisne do noso rural. Pero a súa non é unha perspectiva deprimente, nin sequera pesimista. Nas súas imaxes aparece o innegable abandono, pero cada rincón convírtese baixo a súa mirada nun lugar máxico poboado por trasgos e fadas que se insinúan constantemente entre unha néboa que matiza obxectos e cores. Dalgún xeito, esta peculiar visión rescata do esquecemento aldeas, momentos e persoas, posto que as dota dun encanto que atrae sobre elas a mirada curiosa de quen, nun momento dado, se detén a contemplar as instantáneas. E é precisamente esta capacidade de poñer en valor lugares e historias a que provocou que os integrantes do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar decidisen no seu momento achegar poesía ás súas fotografías.
A mostra, que se poderá ver no Museo de Lugo até final de mes, está constituída por imaxes de xentes e exemplos da valiosísima arquitectura popular galega. As fotografías representan momentos da vida cotiá dalgunhas aldeas da Pontenova e as súas xentes. Aldeas como Vilarxubín, Bogo, San Paio, Herbelle, Vilargondurfe ou Vilaeimil sobreviven grazas á mostra deste artista ao esquecemento e a ruína. Vicente Ansola gañou no ano 2011 con este traballo sobre as aldeas da Pontenova o prestixioso Premio Hasselblad Masters Adwars, un dos galardóns de fotografía máis prestixiosos a nivel mundial.
A Porta Verde do Sétimo Andar
Foi en maio do ano 2005 cando, froito da confluencia das inquedanzas e experiencias vitais compartidas de diferentes creadores, nace a Porta Verde do Sétimo Andar. Vigo foi o epicentro dunha idea colectiva que se materializou en forma de espazo creativo aberto a todo tipo de expresión artística. Un espazo poético de encontro e coincidencia, galego, comprometido coa cultura galega e coa nosa lingua como alicerce que é da nosa cultura.
O ámbito de acción poética de A Porta Verde abrangue toda Galiza e norte de Portugal, mais tamén existen importantes conexións con comunidades galegas de Barcelona ou Madrid. A actividade en forma de recitais, presentación de libros, etc… é constante e lévase a cabo contando case sempre coa colaboración e participación de moi diversos colectivos e entidades.
Tamén é intensa a presenza de A Porta Verde no ámbito virtual. O blogue creado dende o momento da posta en marcha do colectivo ten acadado xa as 48.000 visitas, con procedencias de todo o mundo e unha destacada participación de seguidores do Brasil e Portugal.
Hogano, A Porta Verde conta xa cun bo número de publicacións. Son seis os anos transcorridos dende que o primeiro libro colectivo de poesía vise a luz baixo o título de A Porta Verde do Sétimo Andar e catro do nacemento dos Q de Vian cadernos, unha iniciativa do colectivo que busca establecer un punto de encontro entre distintas disciplinas artísticas e incidir na visibilidade da produción artística galega.
Alberte Momán, Alba Pérez, Rosa Enríquez, Rochi Nóvoa, Miguel Ángel Alonso Díz, Alfonso Láuzara, Xosé Iglesias, Ramiro Vidal Alvariño, José Estévez, María José Fernández, Lino García Salgado, Marilía Miranda son só algúns dos e das creadoras que nalgún momento cruzaron o espazo da Porta Verde, construíndo coa súa poesía a xa gran biblioteca da Porta. Eles e elas son o soporte colectivo que permite que, dez anos despois do seu nacemento, A Porta Verde continúe a ser un espazo vivo e dinámico, sempre en constante transformación e atento a novas voces e formas de expresión.
*Fotografía de Vicente Ansola Trueba pertencente ó traballo “O Pobo das Néboas”.





















A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



