Lugo, 04 de setembro de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, anunciou que durante a Xunta de Goberno deste venres se aprobou unha declaración institucional de apoio ao sector lácteo “pedindo solucións urxentes para rematar con esta situación de crise que vive un dos sectores máis importantes da nosa provincia”.
Nesta declaración institucional, o Goberno provincial comprométese “firmemente” coa defensa do sector lácteo e diríxese ás administracións central e autonómica ás que lle pide unha serie de actuacións para finalizar con esta situación orixinada a consecuencia da sobreprodución e dun desaxuste entre a oferta e a demanda.
En concreto, na declaracións institucional o Goberno da Deputación:
1º.- Comprométese firmemente coa defensa do sector lácteo, co dereito a producir dos e das gandeiras e coa garantía de prezos en orixe xustos, para o cal adopta posicións contundentes na consecución destes obxectivos, situándose do lado do sector produtor asumindo as súas demandas nesta crítica situación.
2º.- Insta ao Goberno Galego e ao Goberno do Estado a fin de que a través de todos os mecanismos de que dispoñan apremen ás industrias e aos primeiros compradores a garantir a recollida de todo o leite que se produza nas explotacións galegas.
3º.- Urxe ao Goberno Galego a que realice unha campaña de inspección no ámbito das súas competencias, e instar ao Estado a que faga o propio no ámbito das súas, para perseguir e sancionar as prácticas de dumping nas grandes áreas de distribución evitando a banalización do leite e a súa utilización como elemento de reclamo mediante a súa venda a perdas.
4º.-Pide que a Xunta de Galicia e o Goberno Central teñen que facer xestións necesarias para poñer na axenda europea de inmediato o problema do sector lácteo galego co impulso de medidas concretas que adaptan a regulación do mercado europeo á realidade do sector produtivo
5º.-Colaborará na promoción e potenciación do consumo do leite de orixe 100% galego e se implique coa campaña da Xunta, Galega 100%
Traballar na mesma dirección
O Goberno provincial intentou chegar a un acordo coas outras forzas políticas para aprobar unha declaración institucional conxunta, xa que, segundo matiza Candia, “debemos traballar todos na mesma dirección, é vital o consenso e a unidade de todos os partidos na defensa do sector lácteo”. De feito, a declaración aprobada pola Xunta de Goberno inclúe os puntos do acordo ao que chegaron os populares cos nacionalistas no pleno celebrado en xullo e onde “dende o Goberno da Deputación xa solicitaramos unha declaración institucional que os socialistas se negaron a aceptar”.
“Deberíamos trasladar dende esta institución o apoio unánime a todos os gandeiros, así como o noso compromiso na toma de decisións en beneficio do sector. Lamentamos que as pretensións dos socialistas por obter réditos electorais lles impidan chegar a un acordo. Non se trata de quen sae máis diante das cámaras ou detrás das pancartas, senón que queremos un esforzo común”, matizou a popular.
A implicación dende a Deputación
Na Xunta de Goberno, a presidenta da Deputación tamén explicou que na liña de traballo da campaña que anunciamos o venres pasado en colaboración coa Asociación Provincial de Hostalería, “solicitamos dende o Goberno provincial a nosa adhesión á campaña Galega 100%, que está a promover a Xunta de Galicia. Dende o Goberno provincial queremos promover a marca de leite Galega 100% (selo que distingue aos produtos lácteos galegos de calidade superior) na provincia e así incentivar o produto galego”.
Candia asegurou que “con máis apoio institucional o alcance tamén será maior” e recordou que o “compromiso do Goberno provincial co sector é claro e intentamos axudalo na medida das nosas posibilidades e segundo no lo van pedindo, pese a non ter competencias”. Neste senso, a presidenta lembrou que “cursamos as demandas da Granxa Gayoso Castro a través do peche da unidade de leite, para non facerlle competencia desleal ao gandeiros”.
Teletraballo
A Xunta de Goberno de hoxe tamén acordou dar inicio ás actuacións tendentes a que se leve a cabo a efectiva implantación do teletraballo no eido da Deputación de Lugo. A presidenta da institución adiantou que esta iniciativa do Goberno se dirixe principalmente aos traballadores que teñen ao seu cargo a persoas dependentes, así como aos pais e nais que, máis aló dos permisos de paternidade e maternidade, atópanse con que os seus fillos non acadaron a idade de escolaridade obrigatoria e non teñen praza nun centro público de escolaridade infantil.
Esta proposta marcará un pequeno impulso á necesidade de conciliar a vida laboral e familiar, asegurou Candia, quen engadiu que “houbo unha proba piloto previa que non tivo éxito e agora queremos pasar a unha implantación de carácter efectivo deste réxime de prestación do traballo a aqueles colectivos que, polas súas especiais circunstancias, acreditan dificultades de conciliación”
Esta “modesta medida”, segundo explica a presidenta, pretende converterse nun “grao de area de cara a atallar o problema do envellecemento da poboación e da baixa natalidade, creando unha cultura e unhas expectativas sociais que, a súa vez, faciliten a súa extensión no futuro no eido laboral privado”.
Comisión de seguimento das obras de Piornedo
Elena Candia tamén anunciou que convocará a próxima semana unha comisión de seguimento do convenio subscrito entre a Deputación e a Xunta de Galicia para actuacións de arranxo dos teitos das pallozas e de obras de saneamento e de iluminación en Piornedo. A presidenta solicitará esta reunión xa que a Deputación de Lugo non ten acreditada a dispoñibilidade dos terreos dado que o Concello de Cervantes non remitiu á administración provincial as licencias e autorizacións obrigatorias.
Candia explica que o feito de que o Concello non envíe a documentación fai perigar que se cumpran os prazos establecidos para a xustificación das obras e ponse, polo tanto, en risco o financiamento achegado dende a Xunta de Galicia con fondos europeos.
A presidenta da Deputación defendeu a actitude colaboradora para resolver problemas e, por iso, “estamos preocupados pola lentitude na que se están a desenvolver as obras, especialmente nas de saneamento e iluminación ao estar pendentes da documentación do Concello de Cervantes”.


















Este lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
Durante a xornada realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.



