A Mariña, 22 de decembro de 2018. A Mancomunidade de Municipios da Mariña celebrará pleno o día 8 de xaneiro. Esta sesión estaba prevista para o pasado luns, 17 de decembro, pero as axendas dos Concellos, cheas de actos nestas datas, non o permitiron, segundo Alfredo Llano. Nesa vindeira sesión a Mancomunidade aprobará os orzamentos e os plans de turismo e emprego para 2019, ademais de tratar a súa presenza en Fitur.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, explicou que “tíñamos previsto facer o pleno da Mancomunidade para rematar o ano o pasado día 17, pero por circunstancias de que agora son malas datas porque hai moito compromiso dos alcaldes e concelleiros xa que hai moitas actividades nos diferentes Concellos, foi imposible facelo ese día”.
Alfredo Llano dixo que “faremos o pleno da Mancomunidade o día 8 de xaneiro, no mesmo sitio e á mesma hora, no Vicedo, ás oito da tarde. Vanse aprobar os orzamentos e os proxectos de turismo e o plan integrado de emprego, no que a xente xa está traballando para seleccionar ás persoas que van formar parte deste programa. É unha pena que non tivéramos ocasión de facer este pleno para poñer a andar unha serie de proxectos que estamos esperando a decidilos entre todos e así ser aprobados para que se poidan aplicar inmediatamente”.
O presidente da Mancomunidade subliñou que “outra cousa importantísima que temos que tratar nese pleno é a nosa participación en Fitur. Supoño que estaremos a tempo de preparar unha boa actuación e unha boa defensa do turismo na nosa Mancomunidade en Madrid”.