Mondoñedo, 2 de maio de 2019.- Mondoñedo acolle o IV Ciclo ‘Camiños de Coñecemento e Experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento’. Trátase dun programa universitario, dirixido a persoas maiores de 50 anos, impulsado pola Vicerreitoría de Titulacións da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración tanto dos concellos onde se oferta, como da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e agardase que se sume tamén da Deputación de Lugo.
Trátase dunha iniciativa que pretende ser un pulmón de osíxeno do coñecemento tamén no rural galego e achegar deste xeito a formación universitaria e as diferentes disciplinas e áreas de investigación aos concellos que así o demanden. Este programa potencia tamén a formación entre as persoas maiores de 50 anos.
Vínculo entre Mondoñedo e a formación universitaria
A alcaldesa asegurou que dende o Goberno local queremos que se estableza “un vínculo entre Mondoñedo e a formación universitaria”. Neste obxectivo, segundo precisou a rexedora, “estamos a traballar, coa idea de ser capaces de crear nun futuro na localidade unha sede con referencia comarcal onde se poidan impartir este tipo de cursos ou iniciativas semellantes”.
En referencia ao programa, Elena Candia destaca o interese que suscita esta iniciativa para o Concello de Mondoñedo. Na localidade desenvolverase un programa a través do que “se revaloriza o noso patrimonio cultural, a riqueza e a biodiversidade da zona e recoñece tamén o valor da disciplina artística teatral”.
“Agradecemos que dende a USC se desenvolva este programa de enorme interese” e destaca a importancia de que “a colaboración entre institucións permita dar esta oportunidade de achegar a formación universitaria a persoas que igual non teñen a posibilidade ou se atopan con dificultades para desprazarse a outras cidades pese a que o desexan”.
A matricula, de carácter gratuíto, efectúase a través do Concello de Mondoñedo tanto no telefono 982 524 003 como no correo electrónico concellomondonedo@gmail.com. Nestas dúas vías os interesados poderán obter máis información.
Programa
Este programa universitario para maiores dará comezo o vindeiro día 6 de maio e continuará durante os días 7, 8, 9 e 13 de maio. Inclúe varias sesións teóricas, que se impartirán na Aula Losada Quiroga do Seminario Santa Catalina, así como dúas clases máis prácticas con visitas ao exterior, o que permite poñer en valor os recursos e o patrimonio físico e material que ten a propia cidade e comarca.
En concreto, o 6 de maio, entre as 16:30 e as 18:00 horas, a profesora da Facultade de Veterinaria (USC), Teresa Rodríguez López e o mestre da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (USC), Emilio Carral Vilariño, impartirán un seminario que versará sobre biodiversidade e conservación.
O día 7 de maio, tamén entre as 16:30 e as 18:00 horas, a profesora Carolina Casal Chico, licenciada en Historia da Arte e investigadora da Rede de Estudos Medievais da USC, será a encargada de desenvolver o seminario ‘Das mouras ás mámoas, das mámoas ás penas sacras, das penas sacras aos toques douro…Do inmaterial ao material do patrimonio cultural mindoniense’. Ao día seguinte, o día 8 de maio, as persoas inscritas nesta programa formativo participarán, coa profesora Carolina Casal Chico, na visita da Fonte de Recadieira á Pena do Unto e ao Castro de Zoñán.
Para o 9 de maio programase a saída á Praia de Abrela cos profesores universitarios de Veterinaria e da Polítécnica Superior de Enxañería, Teresa Rodríguez López e Emilio Carral Vilariño.
Por último, esta iniciativa inclúe o día 13 de maio o Seminario ‘O Corpo do Teatro’, impartido pola Directora da Compañía de Teatro da USC-Lugo, Paloma Lugilde Rodríguez.
Democratizar o coñecemento
Polo tanto, democratizar o coñecemento é o obxectivo desta iniciativa que chega a varios Concellos galegos se así o demandan. Este programa universitario para maiores impulsado pola Vicerreitoría de Titulacións da Universidade de Santiago de Compostela, ofertarase tamén en Ribadeo, Viveiro, Monterroso e Folgoso do Courel.