José Ramón Gómez Besteiro chamou a manter a cohesión e o traballo territorial para defender os intereses de Lugo “fronte ao abandono do PP”
Lugo, 29 de novembro de 2025. O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo celebrou este sábado o seu Comité Provincial no Hotel Torre de Núñez, nunha xuntanza marcada pola cohesión interna, o balance do proceso congresual e a activación do traballo político de cara ás municipais de 2027. O Secretario Xeral Provincial, José Tomé Roca, chamou a “reforzar a acción territorial e o traballo municipal” e defendeu que o socialismo “é máis necesario que nunca para garantir igualdade e servizos públicos fortes”.
Peche do ciclo congresual e comezo dun novo tempo político
Durante a súa intervención, José Tomé Roca puxo en valor que este Comité Provincial “pecha un longo proceso congresual iniciado en 2024” e que permitiu renovar órganos, reforzar equipos e incrementar o peso político da provincia en órganos nacionais e federais. “Remata un período longo e comeza un novo tempo político coa vista posta nas eleccións municipais do ano 2027”, indicou.
“Queremos relanzar o proxecto socialista en toda a provincia”
O Secretario Provincial marcou como prioridade inmediata reforzar o traballo territorial e a coordinación municipal. “Poñemos a disposición das estruturas orgánicas e institucionais todo o potencial político e o traballo do partido”, explicou, subliñando que a nova etapa require unha acción planificada, coordinada e con mensaxes claras: “cunha mensaxe única, sinxela, directa e reiterada”.
Tomé defendeu un proxecto que cualificou de “feminista, medioambiental e galego”, orientado a mellorar os servizos públicos, defender a lingua, esixir melloras nas infraestruturas viarias e ferroviarias e garantir condicións de vida dignas en toda a provincia.
“Defendemos uns servizos públicos fortes porque son a garantía de igualdade. O contrario é a lei do máis forte, que converte dereitos en negocios duns poucos”, advertiu.
Presenza nos grandes debates: sanidade, SAF, Alcoa, Altri e violencia machista
Tomé afirmou que o PSdeG estará “onde hai que estar” nos principais conflitos políticos e sociais que afectan á provincia e a Galicia. “Imos estar na defensa da sanidade e ensino públicos, contra a violencia machista, contra o canon de Sogama, en defensa do financiamento autonómico do SAF, na permanencia de Alcoa e fronte á gran mentira do PP con Altri”, destacou. Tamén reivindicou unha “RTVG galega e pública, ao servizo da cidadanía e non do Partido Popular”.
“As agrupacións son a columna vertebral do partido”
O líder provincial puxo en valor a forte implantación municipal do PSdeG en Lugo, sinalando que “goberna a maior parte dos cidadáns da provincia, incluídas as principais vilas, a capital e a Deputación”. Subliñou que o partido “non parte de cero” e que nos últimos meses percorreu comarcas, reuniuse con agrupacións e cargos públicos e coñece “de primeira man” as necesidades de cada concello.
“Ese coñecemento é hoxe a nosa principal fortaleza para o que vén. As agrupacións son a columna vertebral do Partido Socialista”, afirmou. Tomé trasladou un agradecemento especial aos grupos que traballan desde a oposición: “Tamén desde aí se constrúe partido e futuro. A Executiva Provincial vai seguir ao voso carón”.
Obxectivos para 2027: “Ambición e realismo”
De cara ás eleccións municipais de 2027, Tomé chamou a actuar con ambición e realismo. “Queremos acadar representación en todos os concellos, manter e reforzar as alcaldías actuais, recuperar as que se perderon polas malas artes do PP e sumar novas alcaldías”, explicou. Tamén subliñou a importancia de garantir a continuidade dun goberno progresista na Deputación: “Contamos cunha forza institucional preparada, entusiasta e cuns militantes que son o motor deste proxecto”.
“Queda moito por facer e moito por conseguir. Imos traballar, imos ilusionar e imos seguir construíndo provincia”, concluíu.
Besteiro chama á cohesión e a defensa dos intereses de Lugo
O Secretario Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, abriu o debate político cunha mensaxe de unidade e ánimo dirixida a toda a organización. Subliñou que o PSdeG afronta “un novo tempo político cunha estrutura renovada, unha militancia comprometida e proxectos municipais sólidos”, e apelou a seguir reforzando o traballo territorial en toda a provincia.
Besteiro chamou a “defender os intereses de Lugo fronte ao abandono do PP” e reivindicou o papel das alcaldías socialistas como exemplo de boa xestión e servizo público. Animou a organización a avanzar “con cohesión e confianza” de cara ás municipais de 2027.
Comisión de listas
O Comité Provincial pechou a sesión coa renovación da Comisión de Listas do PSdeG na provincia de Lugo, ratificada por aclamación. Os membros deste órgano son Mª del Pilar García Porto, Ana María Abelleira, José Luis Pajón, Gloria Prada, Miguel Ángel Crende, Marina Ramudo, Roberto Fernández Rico, Silvia Rodríguez Díaz, Darío Antonio Piñeiro, Sonia Verdes e Miguel González Vilela.


















A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Ao acto están convidadas a directora xeral de Desenvolvemento Rural e Industrias Agrarias, Mª Begoña López Fernández; o director xeral do Medio Natural, David Villar García; así como as alcaldías dos 14 municipios que forman parte da Reserva, entre outras autoridades.
O Concello destaca que este logro é resultado do esforzo, da dedicación e da paixón polo deporte que o arqueiro demostra en cada competición, levando o nome de Cervo e do seu club ao máis alto. A administración local subliña o orgullo que supón contar con deportistas que representan valores como o traballo, a constancia e a superación.
Tras o éxito das edicións anteriores, poderán participar maiores de idade e asociacións sen ánimo de lucro con polo menos 25 artigos usados, como roupa, libros, mobles ou electrodomésticos.
A iniciativa forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Xacobeo 2021, financiado con fondos europeos Next Generation. No acto proxectouse o tráiler e un capítulo completo. Tras a estrea, os contidos difundiranse nas redes sociais e no YouTube municipal, e no verán organizarase un novo evento para ver a serie íntegra.
Non deben prematricularse quen continúe co mesmo instrumento nin quen opte a talleres, Música e Movemento, Pandeireta ou Instrumentos Tradicionais, que se inscribirán en setembro. As solicitudes presentaranse no rexistro do Concello ou na sede electrónica, sen garantir praza. O alumnado xa matriculado mantén a súa praza se formaliza a matrícula entre o 1 e o 9 de setembro. A Escola contactará na primeira semana de setembro para confirmar dispoñibilidade segundo o Regulamento interno.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



