A institución provincial iniciou a contratación por preto de 800.000€ do servizo que mantén e dá soporte a infraestrutura sobre as que se apoian os diferentes sistemas informáticos e de telecomunicacións da Deputación de Lugo
Lugo, 17 de outubro de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investimentos por 1M€ para mellorar infraestruturas e servizos en 5 concellos da provincia. Así o informou a Voceira socialista, Pilar García Porto, tras a reunión semanal celebrada no Pazo de San Marcos. “Un orzamento co que sacaremos adiante, por unha banda, a mellora de dúas estradas provinciais ao seu paso por Lugo, Outeiro de Rei e Castro de Rei; e a subministración de equipos, dotacións, infraestruturas e servizos básicos nos concellos de Cervantes e Barreiros”.
Empezando pola mobilidade, García Porto sinalou que cada semana o Goberno provincial aproba destinar importantes fondos a mellorar a rede de estradas do territorio porque é un investimento “que redunda na cohesión e no equilibrio territorial, mellora as comunicacións da provincia e tradúcese nunha mellor calidade de vida da veciñanza”.
Nese sentido, informou que a Xunta de Goberno aprobou hoxe mobilizar preto de medio millón de euros máis a dous novos proxectos que se enmarcan no Plan de Estradas provinciais 2025.
O primeiro para mellorar en Lugo os tres primeiros quilómetros da LU-P-2902, entre a capital e Ponte de Ombreiro. “Unha estrada importante porque une a vía de Marqués de Ombreiro, na zona das Saamasas, con Ombreiro e dá servizo directo aos máis de 300 veciños e veciñas que viven nesta parroquia luguesa”. As obras, que se licitan por 241.724,4€, afectarán ao tramo comprendido entre o inicio da vía e a potabilizadora de augas, do punto quilométrico 0 ao 2,58 e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal.
Entre Castro de Rei e Outeiro de Rei acondicionaremos tamén preto de 9 quilómetros da LU-P-1107, a vía provincial que vai de Castro a Rábade. “Trátase doutra vía de gran importancia para a nosa provincia, porque dá acceso a servizos tan importantes como a Casa das Insuas”, valorou a Deputada. Neste caso os traballos contarán cun investimento de 182.198,07€ e afectarán ao treito comprendido entre Castro, á altura da parroquia de San Xiao de Mos –punto quilométrico 4,3- e a Fonte da Pinguela, ás portas do concello de Rábade, no quilómetro 13,22. As obras consistirán tamén na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal.
Convenios de colaboración con Cervantes e Barreiros
No que ten que ver coa Cooperación cos Concellos, anunciou tamén Pilar García Porto que a Xunta de Goberno aprobou dous convenios de colaboración: un co concello de Cervantes e outro co de Barreiros. “Demostramos semana a semana que ser o Concello dos concellos é a idea vertebradora de toda a nosa acción de Goberno. Fixádevos que con estes dous convenios que sacamos hoxe adiante imos mellorar o servizo que prestan estes dous Concellos a máis de 4.200 persoas”.
Comezando na Montaña, a Deputación investirá en Cervantes algo máis de 250.000€ para levar a cabo un total de 9 actuacións:
Adquirir un grupo electróxeno con remolque. “Unha subministración que dará servizo nos eventos que non se celebren no polideportivo municipal e tamén nas obras, reparacións de camiños ou servizos municipais. Evitando ademais gastar os cartos no seu alugueiro”, explicou a Deputada.
Instalar unha cuberta no merendeiro de San Román, que protexerá as mesas e a churrasqueira deste espazo. “Esta actuación aumentará as prestacións deste espazo público, dando sombra no verán e protexéndoo da chuvia e a neve”.
Colocación de varandas, biondas e malla nos núcleos de Noceda, Santalla, A Lama, Casas do Río, Ponte de Cubelas e Villaver. “O que aportará seguridade a todos estes lugares que conservan un importante número de veciños”.
Seis acondicionamentos de camiños e vías. Concretamente:
Na parroquia de Donís, este investimento servirá para mellorar os accesos a Robledo e os camiños en Vilar de Donís.
No Cereixido, para executar uns pequenos muros no desnivel do camiño da Freita para dar estabilidade e evitar desprendementos.
En Cancelada, acondicionar o acceso a Santo Tomé, co acondicionamento do firme e a instalación de reixas.
En Mosteiro, actuar no acceso a Queirugal.
En Ribera, no de San Martín.
E en Quindous, no de Sevane.
Ademais, entre as parroquias de Dorna e Quindous melloraremos a estrada que vai de Folgueiroa por Savane.
Na Mariña, a Deputación de Lugo achegará a Barreiros 230.000€ para acadar un orzamento de 237.135,91€ que contempla tres actuacións:
A mellora das infraestruturas de abastecemento. Explicou García Porto que “este verán volveron darse situacións de falta de subministración no barrio de Merille, en San Cosme, e no barrio da Ínsua, en San Xulián de Cabarcos”. E que para solucionar este problema axudarán a financiar a execución dunha nova rede de distribución de auga en Merille, o que permitirá eliminar a conexión entre ambos barrios e así, a Ínsua recibirá un maior caudal de auga, dando solución ó problema en ambos núcleos.
Modernizar a EDAR. O investimento da Deputación financiará cinco traballos encamiñados á modernización, reparación e dixitalización que inclúen a substitución de equipos, instalación de elementos auxiliares e integración no sistema de xestión municipal. “Estas dúas primeiras actuacións teñen que ver coa situación que aparellou para este concello o desenvolvemento dun urbanismo descontrolado, autorizando a execución de vivendas sen garantir a dotación dos servizos básicos necesarios”, valorou.
A terceira actuación ten que ver coa crecente demanda dos servizos sociais por parte dunha poboación cada vez máis envellecida e dependente –no caso de Barreiros, o 34% da poboación ten máis de 65 anos- e consistirá na dotación de material ortopédico. “Un material que servirá para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que en Barreiros dá servizo a preto de 70 fogares, e o servizo de préstamo que presta o Concello”, explicou.
Infraestrutura do sistema informático e as telecomunicacións da Deputación
A Xunta de Goberno licitou ademais por 789.525€ a contratación dos servizos para o mantemento e adaptación ao Esquema Nacional de Seguridade dos centros de proceso de datos da Deputación de Lugo. “Trátase dun servizo de moitísima importancia para a provincia, porque é o que mantén e dá soporte á infraestrutura sobre as que se apoian os diferentes sistemas informáticos e de telecomunicacións da Deputación de Lugo. O que permitirá optimizar e actualizar os sistemas existentes”, valorou a Deputada.
O contrato terá unha duración de tres anos sen posibilidade de prórroga, “e impactará directamente na modernización da administración provincial, no reforzo da seguridade e na protección de datos, o que se traducirá tamén nunha optimización dos recursos públicos”. Explicou que no cidadán “suporá que lle poderemos ofrecer servizos públicos máis fiables e accesibles, maior seguridade e confianza na súa percepción dunha Administración máis próxima e eficiente”.
Maquinaria do Parque Móbil e da Granxa Gayoso Castro
A Deputación aprobou tamén un investimento de 380.490€ para adquirir maquinaria para os servizos do Parque Móbil e a Granxa Gayoso Castro da Deputación. Para o Parque Móbil a Xunta de Goberno sacou adiante a licitación de tres máquinas, dúas retrocargadoras novas por 266.200€, cun prazo de entrega de 40 días; e tamén unha compactadora tandem usada por 64.130€ e un prazo de entrega de 30 días.
“Son tres máquinas que son fundamentais para o servizo que presta o Parque Móbil nas estradas da provincia. A retrocargadora úsase para mover e escavar os materiais e a compactadora para apertar e consolidar eses materiais”, explicou a Deputada.
Na Granxa Gayoso Castro quedou licitado o servizo de ensilado de herba por algo máis de 50.000€ (50.160€). Este é un servizo esencial para garantir unha alimentación adecuada do gando, especialmente durante o inverno, cando o pasto natural é limitado.
20 prazas de Administrativo e Traballador Social
A Xunta de Goberno aprobou tamén a convocatoria e as bases específicas para o ingreso como persoal funcionario da deputación en 14 prazas de administrativo e 6 prazas de traballador social. No que ten que ver coas prazas de Administrativo a convocatoria será libre polo sistema de oposición e no que ten que ver coas de Traballador ou Traballadora social, polo sistema de concurso-oposición. E en ambos procesos haberá unha praza da cota de reserva a persoas con discapacidade.





















Subliñou o traballo colectivo, o papel do voluntariado e a participación de arredor de mil corredores. Tamén puxo en valor o impacto económico e social da proba e o apoio institucional que permite o seu crecemento, incluída a difusión en streaming que levou a CAMOVI e a Viveiro a todo o mundo.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.
Viveiro, 20 de abril, 2026. A proba volveu converter Viveiro nun punto destacado do deporte e da convivencia, ademais de supoñer un impulso económico para o municipio. María Loureiro destacou que a Camovi “é un exemplo de colaboración e esforzo colectivo, que sitúa Viveiro no mapa e dinamiza a economía local”. O Partido Socialista lembra o seu apoio histórico á carreira e reafirma o seu compromiso para seguir contribuíndo ao seu crecemento. O PSOE agradece tamén á veciñanza a súa acollida e implicación, fundamentais para que o evento continúe medrando ano tras ano.
Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada



