O proxecto foi executado integramente con fondos propios , cun orzamento próximo aos 100.000 euros, anta a falta de investimento doutras administracións e das operadoras privadas
Cervo, 9 de febreiro do 2026. O Concello de Cervo vén de finalizar na súa totalidade o plan municipal de despregue de fibra óptica, cumprindo así o compromiso adquirido coa veciñanza: que non quede nin unha soa zona escura no municipio. O obxectivo está hoxe plenamente acadado.
Tras meses de planificación técnica, estudo das necesidades reais e diálogo continuo coa cidadanía, o goberno local completou a conexión con fibra óptica na Senra, Castelo, Trasbar e en puntos de San Román e Río Cobo, áreas que carecían dun servizo estable. O proxecto foi financiado integramente con fondos municipais, ante a falta de resposta doutras administracións e da operadora privada que deixara sen cobertura varias zonas.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro Adrián Arias reuníronse con representantes das asociacións veciñais implicadas para informar da finalización do despregue e explicar as actuacións realizadas. No encontro participaron entidades da Senra, Castelo e Trasbar, ás que o Concello agradeceu o seu papel clave na detección das necesidades e na defensa dun servizo esencial.
A rexedora destacou que “a conectividade é unha necesidade básica e unha prioridade absoluta para este goberno”, lembrando que o Concello estivo desde o primeiro momento analizando opcións técnicas, mantendo contactos coa veciñanza e mesmo ofrecendo solucións temporais ás operadoras para minimizar o impacto do corte de servizo.
Caramés lamentou que nalgúns momentos non se tivese a paciencia necesaria para agardar pola execución do proxecto, e que se recorrera a críticas cando o Concello xa estaba a asumir un despregue que non era competencia municipal. Con todo, recoñeceu o malestar xerado pola falta de conexión e puxo en valor a importancia de garantir un servizo estable para estudar, traballar e desenvolver a vida diaria.
O plan municipal supuxo un investimento próximo aos 100.000 euros en melloras e ampliación da rede en diferentes parroquias. O proxecto naceu tras meses de escoita activa, estudo das zonas escuras e análise de alternativas técnicas para levar a fibra onde non chegaba. Durante todo o proceso mantívose un diálogo constante coa veciñanza afectada, incorporando as súas achegas ao deseño final.
Hoxe, tras un longo traballo de coordinación e planificación, o compromiso inicial faise realidade. O despregue municipal permite reducir a fenda dixital, garantir igualdade de oportunidades e situar a Cervo nunha posición máis moderna e preparada para o futuro dixital.
“Dixémoslles que non ían quedar atrás, e hoxe podemos dicir que cumprimos. En Cervo xa non hai zonas escuras”, concluíu a alcaldesa.





















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



