A Asociación de Mujeres en Igualdad Burela, reuniuse este xoves cos directores dos dous colexios de Burela, así coma con membros representantes das súas ANPAS, para ofrecerlles a implantación por parte desta asociación do Programa Madrugadores a ambos centros.
Desde Mujeres en Igualdad Burela, resaltan a importancia deste proxecto co fin de conciliar a vida familiar e laboral. Así, o Programa Madrugadores, constaría dun servizo de almorzo nos propios colexios en horarios de 07:45 a 09:00 horas da mañá, durante o cal dúas coidadoras en cada centro, se encargarían de darlle aos nenos e nenas o almorzo e posteriormente acompañalos ás súas respectivas filas para acceder ás aulas.
Este programa, xa implantado en diversos centros da nosa comunidade, ten unha excepcional acollida xa que facilita moito aos pais a conciliación da vida laboral e a familiar, solucionando en moitos casos a problemática existente co horario de entrada dos pais nos seus postos de traballo e a entrada do alumno no seu colexio respectivo.
Despois de informar aos directores de ambos colexios de Burela así coma ás súas ANPAS as cales colaborarían na selección do persoal conxuntamente con Mujeres en Igualdad Burela aínda que será esta última a que correrá coa súa xestión e posta en funcionamento proporcionando os medios humanos así coma os recursos necesarios para o seu desenvolvemento, desde a asociación agardan unha resposta favorable ao Programa Madrugadores tanto dos centros coma dos pais, xa que para que este proxecto se puidera levar a cabo, sería necesario un mínimo de 10 alumnos por centro.
Mujeres en Igualdad Burela quere resaltar que de ser aceptada a súa proposta, o Concello de Burela sería o único en toda a Mariña, que ofertaría este servizo en todos os seus colexios, axudando a evitar así o desvío de matrículas de nenos e nenas a outros concellos pola carencia do mesmo.