Ribadeo, 12 de maio de 2017. O portavoz do Partido Popular no Concello de Ribadeo, Jesús López Penabad, critica ao equipo de goberno municipal porque “cada vez que presentamos unha moción o único que fan é atacarnos incluso con insultos, como ocorreu no pleno de onte cando se debateu a nosa iniciativa para facer o saneamento en San Julián, na parroquia de Vilaframil”.
Ao facer unha valoración da sesión da corporación municipal ribadense celebrada onte, Jesús López Penabad explicou hoxe que “este pleno que en principio tiña que ser tranquilo, porque era simplemente para aprobar unhas modificacións de crédito, no cal non houbo discusión e nosoutros votamos en contra das que tiñan reparos de Intervención ata que estes se solucionen. Pero había unha moción presentada por nosoutros para facer o saneamento na parroquia de Vilaframil, en concreto na zona de San Julián ou San Xillao. Pois sorprendentemente, aínda que xa empeza a ser unha tónica habitual, cando o PP presenta unha moción recibimos ataques continuos e tírase para atrás a iniciativa. Teño que dar as grazas ás representantes do PSOE de Ribadeo, que secundaron e apoiaron a nosa moción. Pero parte do equipo de goberno e tamén de Ciudadanos, que se poden unir cando queiran porque sempre opinan o mesmo, sorprendeunos moito, porque chamáronnos oportunistas por presentar esta moción, cando nosoutros actuamos porque nos chamaron os veciños desa zona e fixérono porque previamente foron falar co Concello e non lles deron solución algunha por falta de presuposto. Tanto que se presume de que as contas están saneadas e de que hai superávit, pero á hora de facer obras todo son problemas”.
O voceiro municipal dos populares engadiu que “os veciños de San Julián teñen un problema grave pola falta de saneamento e por iso presentamos esta moción. O equipo de goberno chámanos oportunistas e tírana para atrás, incluso chegando aos insultos. Cada vez que oen falar do PP ou da Xunta perden o norte e insúltannos, motivo polo cal dous dos nosos concelleiros abandonaron o pleno xa que se sentiron ofendidos”.
López Penabad considera que, ante estas situacións, “os realmente prexudicados son os veciños porque son eles os teñen o problema que queríamos solucionar. A moción o único que propoñía e facer un proxecto e dar os permisos pertinentes para poder realizar esta obra. Pero o equipo de goberno pretende facer alí un apaño con fondos propios, en concreto 60.000 euros, para o tramo desde a estrada Nacional 634 cara abaixo, por onde pasa a liña que fixera a Xunta de Galicia na época de Barreiro como conselleiro. O que piden os veciños, e creo que é o máis normal, é que se faga o saneamento integral de San Julián, que suporía un presuposto aproximado de 160.000 euros. Pero agora vemos que quedará discriminada a parte de arriba con respecto á de abaixo, se se chega a facer o que din os membros do equipo de goberno”.
O portavoz do PP tamén comentou: “nosoutros non vivimos da política, somos 4 concelleiros, que estamos na oposición, elixidos polos veciños e estamos para axudarlles. Eu como concelleiro cobro 50 euros cada dous meses, cada vez que asisto a un pleno, e incluso estou disposto a doar ese diñeiro para temas sociais ou para o que queiran porque non vivo da política. Estamos para atender as necesidades dos veciños, pero cada vez que presentamos unha iniciativa dannos para atrás, tírana, esgrimindo que somos oportunistas. Pero nós estamos para intentar solucionar os problemas e eles, con ese victimismo e esa tirria que lle teñen á Xunta non van gañar nada. Din que se gobernáramos nosoutros chegarían os cartos da Xunta e eu digo que si, pero sería porque faríamos o traballo que hai que facer para conseguilo. É necesario elaborar un plan de saneamento integral para toda a zona rural do municipio de Ribadeo, de carácter plurianual para ir facendo investimentos todos os anos ata conseguir completalo todo. E con ese proxecto hai que dirixirse á Xunta para lograr o financiamento necesario para facer o que non se poida acometer con fondos propios. O alcalde di que a Xunta non lle dá ao Concello de Ribadeo, pero o certo é que se quere recibir algo a maiores do que xa concede por lei, como a nova traída de auga, hai que facer algo por parte do Concello. O que non se pode facer é poñerse enfronte e por ser do PP tirar todo para atrás”.
Jesús López manifestou que esta postura do goberno local “é lamentable e quen perden son os veciños, que deben xulgar o que está pasando, porque cada iniciativa que presentamos rexéitana. Pasou antes coa da Ponte e agora coa de San Julián. Lévanas ao pleno para discutir e onte o final do pleno realmente foi moi bronco, ata o punto que dous concelleiros do PP sentíronse ofendidos e saíron da sesión. Quen sae perdendo son os veciños. Eu vexo que concellos próximos están en continua actividade, pero Ribadeo está en calma chicha total e sempre co victimismo e dicindo que non necesitan axuda de ninguén. Como son 10 teñen maioría absoluta e poden facer o que queiran, pero creo que todos podemos colaborar e iso é o que queremos polas necesidades que teñen os veciños. A pesar destes rexeitamentos continuos nosoutros, desde a oposición, seguiremos traballando con gañas para intentar axudar a resolver as deficiencias que ten Ribadeo, porque para iso nos elixiron”.
Ademais o voceiro do Partido Popular deu a coñecer que “no pleno de onte o responsable de Intervención aclarou que o período medio de pago a provedores por parte do Concello de Ribadeo son 41 días, e non os 11 que dixo o alcalde recentemente”.