BURELA, 6 de setembro de 2017.- O secretario de Organización do PP de Lugo e deputado autonómico, Daniel Vega, considera que, logo das últimas manifestacións realizadas pola plataforma sanitaria, este colectivo queda claro que este colectivo “está facendo política, primeiro, ao servizo dos partidos de esquerda e, segundo, para desprestixiar ao Goberno galego”. Neste senso, indica que así o reflicten as últimas fotografías publicadas nos medios de comunicación ou as concentracións que están impulsando, coas que, asegura, “volven enganar ao conxunto de A Mariña, a base de render pleitesía con pancartas á esquerda e ao nacionalismo”.
Fronte a este proceder inaceptable, advirte que dende o Partido Popular e a Xunta de Galicia seguirase traballando pola Sanidade pública; cuestión que “é imposible pór en dúbida”, dado que as obras de ampliación do Hospital da Costa continúan a bo ritmo. Suman un total de 20 millóns de euros de investimento e permitirán dotar ao centro de 6.000 metros cadrados máis, que albergarán 45 camas novas para os doentes, así como ampliar a sala de quimioteratipia, entre outros servizos e dotacións.
“Estamos facendo entre todos un traballo importante por mellorar a calidade asistencial do noso Hospital. A Xunta de Galicia está apostando por esta comarca e por un centro que é para todo, malia que a algún semella que se lle esquece esta cuestión”. É é que, precisa, “ninguén se ten que sentir dono da Sanidade e moito menos estes Partidos ou certos colectivos que o único que queren é un asento quente e cómodo”.
“Que traballen como o está a facer o PP”
Dado que, coa reforma, non se perde autonomía nin capacidade de decisión, nin tampouco se recorta ningún servizo, senón todo o contrario, o deputado autonómico pídelle a esta plataforma “oportunista e demagoga que deixe de mentir ao cidadáns e se aplique o conto”. “En definitiva, que traballen pola Sanidade pública como así o está a facer a Xunta de Galicia”, destaca.
Para o popular, “non ten ningún sentido que falen de recortes cando hai máis servizos no hospital”. É o caso dos de oncoloxía ou a hospitalización a domicilio. Tampouco se pode dicir, lembra, que se perden consultas cando son os facultativos do HULA os que se desprazan a Burela e, entre os anos 2012 e 2016, atenderon máis de 8.500 consultas, evitando así o desprazamento dos doentes.