Xove 8-8-18. O sábado 11 de agosto vaise abrir na Sala de Exposicións do Centro Cívico unha nova edición de XOVE 360º.
Esta mostra, que o Concello organiza cada ano xunto co Colectivo de Fotógrafos de Xove, vai xa pola undécima edición. O título escollido para edición deste ano foi “FERVENZAS”, sección na cal se presentan 13 fotografías. Esta sección é escollida cada ano polos fotógrafos participantes, elixindo un tema específico sobre o que cada un deles presenta unha ou dous propostas fotográficas.
O resto da exposición, con 34 das 47 fotografías totais que a conforman, é de tema libre, de aí a gran variedade existente nas obras presentadas: paisaxes, retratos, flora, composicións, etc.
As fotografías teñen un tamaño de 50×40 cm, maquetadas sobre un fondo negro.
Os participantes na edición deste ano, son: Alberto Rapa, Andrés García, Diego Fanego, Javier Sánchez, Javier Villares, José Emilio Gómez, José Manuel Blanco, Mateo Guerreiro, Pedro Antonio Vecente, Rubén Pico, Santos Cordovilla e Carolina Moreira.
A exposición vai estar aberta ininterrumpidamente ata o vindeiro 2 de setembro en horario de 18:00 a 22:00 horas e está dentro do amplo Programa Festivo que o Concello preparou para o San Bartolo 2018.