RIBADEO .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, realizou este mediodía á tradicional ofrenda á Virxe dos Remedios en Mondoñedo. Trátase dun acto que se ven realizando desde o ano 1938 e no que participan os rexedores dos Concellos que naquel momento eran cabeza de partido xudicial na Diocese Mondoñedo-Ferrol: Mondoñedo, Ferrol, Ortigueira, Ribadeo, Vilalba e Viveiro.
Este ano a quenda foi para o alcalde de Ribadeo que se pronunciou do xeito que segue:
“Señor bispo da diocese Mondoñedo – Ferrol, señor alcalde de Mondoñedo, estimados compañeiros das corporacións municipais mindoniense e ribadense, Alcaldes e representantes municipais dos outros Concellos aquí presentes, señores doutores e cóengos da Santa Igrexa Catedral Mindoniense, señor Reitor do Santuario dos Remedios, amigos todos, BOS DÍAS:
É para min unha honra na miña condición de alcalde de Ribadeo estar hoxe aquí continuando cunha tradición secular na que a Galiza britoniense, aquela que se estende desde os ríos Eume e Xubia ata as terras do Eo, realiza esta ofrenda dos Remedios lembrando tempos pretéritos que, permitídemo así, actualizamos conforme ao avance das sociedades democráticas quedándonos co valoroso legado de sabermos nelas parte do que fomos e do que somos.
A Ferrolterra, a Mariña luguesa e a Terra Cha, o norte da nación dos galegos e galegas, que tivo de seu bispado galaico en Bretoña, Mondoñedo e -deixádeme aquí reivindicalo lembrando ao historiador Francisco Lanza- tamén, aínda que brevemente, Ribadeo, está aquí hoxe presente a través dos seus representantes electos polo pobo soberano nun acto de fermoso valor simbólico que lembra a nosa historia compartida dentro do antigo Reino de Galicia, que naceu suevo sendo o primeiro reino da Europa medieval e morreu finiquitado en 1833, pola cegueira dun liberalismo que sempre confundiu progreso con centralismo estatal, receita que como é sabido a este noso país nunca lle acaeu ben.
Mais estando hoxe nas terras do norte que souberon de Maeloc e de san Rosendo, de Pardo de Cela e dos Irmandiños, da beleza escrita de Noriega Varela, Leiras Pulpeiro, Díaz Castro, Alvaro Cunqueiro, Xosé Crecente Vega, Iglesia Alvariño, Nicomedes Pastor Díaz ou Luz Pozo Garza e da calidade musical e patriótica –pois el foi quen puxo a música ao noso himno nacional- de Pascual Veiga, deixádeme dicir primeiro que un sente neste lugar o peso fermoso dos séculos, e non precisamente coma unha lousa, senón como unha alta responsabilidade cara o presente e cara o futuro. Na nómina de figuras citadas sobrancea a filiación de moitos deles, por certo, á fértil Escola Literaria da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, algo que de seguro non pode seguir pasando inadvertido para os membros da Real Academia Galega, á que tamén desde aquí lle pedimos o tan agardado Dia das Letras para os Poetas do Seminario de Mondoñedo.
Os devanceiros, amigos e amigas, cumpriron coa súa terra e co seu tempo, e así hoxe temos que facelo nós, con fe, con entrega e con compromiso cuns valores que non admiten relativismos: a honradez, o traballo, a solidariedade, a fraternidade. A Galiza do Norte precisa avanzar cara un futuro mellor, economicamente máis próspero e social e culturalmente rico, vizoso e pensado non para o enriquecemento rápido duns poucos a costa do que somos como fusión de terra, paisaxe e pobo. Ogallá nos guíe a intelixencia e a lealdade aos que van vir despois de nós habitar estas vilas, aldeas e cidades e construamos hoxe o tesouro dun porvir feliz para as terras do norte da nosa Fisterra atlántica.
Pido pois aquí o que é de xustiza: as infraestruturas que as nosas comarcas precisan para avanzar, o respecto á nosa historia e ao noso patrimonio natural e cultural, a intelixencia de entendermos que na nosa identidade está o alicerce do noso progreso. Mais quero lembrarme tamén aquí das nosas xentes do mar que arriscan a vida en duro traballo lonxe da casa, dos mozos e mozas que atopan nas estradas unha cruel navalla para as súas vidas e dos homes e mulleres que viven, por unha ou outra razón, a pobreza, a dor e o sufrimento.
A Virxe dos Remedios e a fe ilustrada dos seus crentes axuden a guiarnos a todas e a todos, coma mulleres e homes, por unha lealdade irrenunciábel: que ela faga que o noso corazón estea sempre do lado dos humildes, dos marxinais, dos que menos teñen. Desa comuñón fraterna participa o meu corazón e alenta desde aquí e desde hoxe para seguir camiñando cara a utopía.



















A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A saída será ás 10:00 desde El Bao, con autobuses ás 9:00 desde Navia, e a chegada arredor das 16:30 seguida dunha festa na dársena. As inscricións estarán abertas do 31 de maio ao 12 de xuño na Casa do Deporte ou en liña por 7 €. O Concello anima a participar nesta cita que combina natureza, deporte e convivencia.



