“O intruso”, de Miguel Baltar, gañou o primeiro premio e o Top Cervo xuvenís mentres “Presa dos lodos vermellos”, de Juan Antonio Fernández Vázquez foi a mellor fotografía na categoría de adultos
Cervo, 5 de xuño de 2013-O Día Mundial do Medio Ambiente que se conmemora hoxe foi a xornada elixida polo Concello para facer entrega dos premios do III Concurso fotográfico “Cervo respecta”. Un certame ao que nesta edición se presentaron un total de 18 autores e 52 fotografías e no que se estreou unha nova modalidade de premio no que se recoñece ás mellores fotografías tomadas no municipio cervense, chamado Top Cervo. Unha novidade que supuxo un engadido máis a este concurso fotográfico e que tivo boa acollida, cun total de 13 instantáneas sacadas nalgún punto identificable do concello.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, estiveron presentes no acto de entrega dos premios ao que tamén asistiron os propios galardoados, que nalgún caso xa gañaran en anteriores edicións. Así, na categoría xuvenil resultou gañador “O intruso”, en referencia a un insecto que busca un oco entre as flores, de Miguel Baltar Fernández, de San Ciprián, que tamén recibiu o Top Cervo. O segundo premio foi para “Non se come. Non se arrinca”, da burelense Daria Bakteeva, na que se pode ver un exemplar da seta tóxica amanita muscaria.
En canto ás mellores fotografías na categoría de adultos, o primeiro premio foi para unha imaxe nocturna da factoría Alcoa titulada “Presa dos lodos vermellos” do xovense Juan Antonio Fernández Vázquez. As “Ruinas” de Pedro Antonio Vicente Canoura, tamén de Xove, obtiveron o segundo premio. O Top Cervo neste caso foi para “Terra, mar e aire” composto por unha vista do faro de San Ciprián, o mar e o ceo, da xovense María Elena Fernández Vázquez.
Un xurado composto por profesionais especializados en fotografía foi o encargado de valorar todas as imaxes. Tal e como explica Alonso “el jurado destacó el creciente nivel que se registra edición tras edición, lo que queda demostrado en la clasificación final, con unas puntuaciones con escaso margen de diferencia”.
Xunto coa entrega dos premios, o Concello aproveitou para inaugurar a exposición con todas as imaxes participantes, que se pode ver ata o día 14 de agosto de luns a venres en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas. Unha mostra que é a máis rica e ampla dende que se puxo en marcha este concurso xa que conta con máis de 50 imaxes da natureza cervense e galega. “Queremos aprovechar para agradecer a todos los autores su participación en el concurso ya que son ellos los que año tras año nos muestran la belleza paisajística de Galicia a través de sus instantáneas” asegura Alonso.
Unha exposición que nuns meses tamén se trasladará á Casa da Cultura de San Ciprián de forma que o concurso “va más allá de la concesión de premios ya que además sirve para que contemplemos, pongamos en valor y cuidemos nuestro entorno por un lado y para potenciar el arte de la fotografía por el otro” remata a edil.