Santiago de Compostela, 04 de setembro de 2015.- As xornadas “Xuventude, medio rural e cooperativismo: Promoción do emprego cooperativo xuvenil no ámbito rural” promoven as iniciativas de emprendemento levadas a cabo por mozos e mozas que desexen incorporarse ao mundo laboral seguindo o modelo de negocio cooperativo.
A primeira das iniciativas terá lugar o día 17 de setembro no Centro da Rede Eusumo Os Irmandiños (no lugar de A Rochela, en Devesa- Ribadeo). O día 24, do mesmo mes, será a segunda das xornadas, no Centro da Rede El Plantel Comarcal de Betanzos (no lugar de Villozas- Paderne).
O programa formativo –-a cargo de David Vila, e Carlos Ares, técnicos da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias— incidirá na promoción do emprego cooperativo xuvenil no eido rural, na incorporación á actividade agrogandeira xa sexa a tempo completo ou parcial, ou nos distintos tipos de axudas e apoios públicos a mozos e mozas, encamiñados ao inicio de actividades profesionais.
Tanto Os Irmandiños (especializada en vacún, subministracións e servizos agrícolas) como El Plantel (centrada en subministracións e servizos agrícolas) están abertas á incorporación de socios entre a xente nova do contorno, de xeito que, como parte da súa xornada, cada unha delas presentará os seus servizos de apoio á incorporación.
Co obxectivo de ilustrar a viabilidade dos novos proxectos cooperativos e servir de motivación e exemplo, as xornadas rematarán cunha mesa redonda que presentará algúns casos de éxito de cooperativas iniciadas por persoas mozas no medio rural.
As iniciativas enmárcanse na Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, impulsada pola Consellería de Traballo e Benestar e con financiamento do Fondo Social Europeo.
Os interesados poden inscribirse gratuitamente chamando ao 981 584783