Ribadeo, 10 de novembro de 2022. No pleno ordinario celebrado onte no Concello aprobouse por unanimidade consignar no presuposto de 2023 o investimento total para proceder ao amaño do Hospital Asilo. Trátase de 1.600.000 euros, a través dun préstamo. Logo xa se verá cómo participan o resto das administracións. O equipo de goberno comprométese para que Ribadeo siga contando con dúas residencias públicas, segundo subliñou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor contou que “foi moi produtivo e moi instrutivo o pleno ordinario de onte. Case todos os puntos saíron adiante por unanimidade e algún, moi importante, só cos votos do BNG e do PSOE, coa abstención do PP. Expedientes de recuperación e deslindes de camiños públicos e suba do IPC nas taxas da auga, do saneamento e da piscina, e outros menores económicos foron aprobados por unanimidade”.
Houbo novos acordos firmes para o presente e futuro do Hospital Asilo: “o tocante ao Hospital Asilo, debemos dicir que o pleno de onte marcou xa por fin un rumbo fixo e determinado do presente, do futuro inmediato e do futuro en xeral dese centro. Tal e como propuxemos, aprobáronse tamén por unanimidade as varias propostas técnicas a ter en conta: consignar no presuposto do 2023 toda a inversión para amañalo, máis de 1.600.000 euros, a través dun préstamo, reasignar transitoriamente ao seu persoal a cometidos similares no Concello, coordinar e colaborar como sempre o facemos coa congregación relixiosa que o xestiona moi ben, e trasladarlle todo isto ás outras administracións, nomeadamente a Xunta de Galicia, para a derivación dos usuarios e usuarias aos Centros de Maiores públicos e de proximidade durante o tempo das obras”.
Suárez Barcia subliñou: “polo tanto, o Concello manifesta e comprométese formalmente con toda esta tarefa titánica que ten por diante, as demais administracións verán o que fan. Nós temos o norte de que queremos que ese centro asistencial teña unha nova vida, remozado, actualizado, e que Ribadeo manteña dúas residencias públicas”.
Renovación do Padroado da Fundación Escola Pedro Murias
O alcalde relatou que “outro dos asuntos foi unha Proposta da Alcaldía para demandarlle á Xunta de Galicia a renovación da cesión do Padroado da Fundación da Escola Agrícola Pedro Murias. De xeito moi acertado en 1991 foi asinado un convenio entre a Xunta e o Concello para a cesión á Xunta durante 25 anos das instalacións e terreos dese centro. Iso expirou no 2016 a pesar das reiteradas comunicacións formais desta alcaldía aos distintos conselleiros de Medio Rural. É unha evidencia que o que podería ser un centro referencial para o medio rural, non xa en toda a comarca, senón en todo o país, está a funcionar a mínimos, nunha situación de inacción, cando non sendo utilizado para cuchipandas varias que nada teñen que ver co Medio Rural nin co que Galicia necesita”.
Fernando Suárez dixo: “por iso queremos que se renoven estes órganos porque temos moito que propoñer e moito que aportar: Sen ir mais lonxe deberase facer unha infraestrutura colectiva de transformación que facilite as esixencias sanitarias ás persoas produtoras contando cun rexistro sanitario; ou formación continuada ao longo do ano, ou poñer en valor toda esas aulas de lácteos que están esmorecendo sen case uso. Necesitamos que a Escola Pedro Murias, responda ao que o seu fundador quixo hai máis de cen anos. Esiximos que se cumpran as normas, e ofrecemos lealdade e colaboración para facelo”.
Mocións e outros acordos
O rexedor sinalou que “aprobamos unha moción coa abstención do PP para pedirlle á Xunta que teña en conta as lexítimas reivindicacións do persoal que forma parte do Consorcio da Igualdade e dos Servizos Sociais en todo o país e que aquí en Ribadeo desempeña magnificamente a xestión do Centro de Día A Concordia. Tamén concretamos por unanimidade o espazo público con que se lembrará ao ribadense, bo e xeneroso, de Víctor Moro Rodríguez. Así acordamos que a parte do Peirao de Porcillán desde o baixo relevo de Calvo-Sotelo até o restaurante San Miguel, pase a chamarse Peirao de Porcillán Víctor Moro Rodríguez. E logo no apartado de Rogos e Preguntas, coma sempre foron atendidos todos os que son positivos e produtivos e foron matizados ou explicados aqueles outros que resultan moi difíciles de cumprir”.

























Unha peza de teatro físico e manipulación de obxectos para público infantil e familiar que aborda a meta máis soñada polo ser humano: voar sen ás. Venda de entradas: no teléfono 982560162, en horario, de 9 a 14,00 horas, ou no correo electrónico cultura@viveiro.gal ou na taquilla unha hora antes da función. A cita será ás 18h.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xives dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falará coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.



