Para a semana, é primeiros de mes. Toca abrir todos os días a aplicación do Sergas agardando que abran a axenda das citas para o médico de cabeceira, como quen tenta mercar entradas para un concerto. Cando por fin aparece algunha dispoñibilidade, apenas hai tres días con poucas horas libres. Se non estás pendente ou non tes a suficiente rapidez, as citas desaparecen en cuestión de minutos. Como chegues tarde, a axenda xa está pechada para todo o mes. Téntalo en ventanilla e a resposta é a mesma: “axenda pechada”. Volves para casa sen cita, e toca agardar ao mes seguinte.
Mentres tanto, no Hospital da Mariña a situación non é mellor. Ana leva un ano agardando que a chamen para unha revisión que lle correspondía aos dous meses. Diego, con dores importantes e aínda sen un diagnóstico, acumula xa dous anos de espera para ser atendido por un especialista. María leva tres anos na lista agardando por unha operación.
E despois están quen sosteñen o sistema. Isa, médica, non quere traballar no centro de saúde de Viveiro porque as condicións laborais son insoportables. Marcha. Brais fai o mesmo e prefire desprazarse todos os días a Asturias antes que continuar traballando no Hospital da Mariña.
E podería seguir. Podería falar de moitos máis casos. De persoas reais ás que lles cambio o nome para preservar a súa intimidade, pero que existen. Persoas de carne e óso, con familias, con traballo, con proxectos de vida e con necesidades reais. Persoas que sofren dores mentres agardan unha consulta. Persoas que viven con incerteza mentres esperan un diagnóstico. Persoas que ven pasar meses e anos mentres a súa operación non chega.
Porque detrás de cada cifra das listas de espera hai unha persoa. E detrás de cada recorte hai alguén que o sofre.
Listas de agarda interminables, profesionais esgotados, pacientes desatendidos, cartos públicos que rematan en mans de empresas privadas e, como cada verán, o peche de camas hospitalarias precisamente cando a poboación da comarca se multiplica.
Mentres a cidadanía denuncia os recortes e sae á rúa para defender a sanidade pública, a señora Gueimunde vaise de papatoria co PP, e dedícase a facer política de favores.
Que levas anos agardando por unha cirurxía? Non pasa nada. Falas con Gueimunde, e ela xa se encarga de que te chamen á semana seguinte. Os recortes que o propio Partido Popular impón á sanidade pública, Gueimunde convérteos nunha ferramenta para vender influencias e gañar votos. O PP primeiro crea o problema, e logo presenta como un favor o que debería ser un dereito.
E mentres o PP celebra por todo o alto o 40 aniversario do Hospital de Burela, co conselleiro de Sanidade poñendo en valor a atención que presta o centro, chega a noticia de cada verán: 36 camas menos no Hospital da Mariña: 12 en Medicina Interna, 12 en Cirurxía e 12 en Traumatoloxía.
A Xunta di que non están pechadas, que estarán dispoñibles “se fan falta”. Claro que están dispoñibles. Tamén o están durante o resto do ano. O problema non son as camas, senón que o Sergas elimina o persoal para atendelas. Os profesionais que deberían estar asignados a esas unidades son destinados a cubrir vacacións e outras necesidades noutros servizos. Porque contratar máis persoal suporía investir máis recursos na sanidade pública. E iso non parece encaixar nas prioridades do PP na Xunta, que leva anos desviando cada vez máis recursos á sanidade privada.
Xa o vimos o ano pasado, cando se pechou unha planta enteira. Tamén daquela aseguraban que non habería problema ningún. Pero cando fixo falta utilizar as camas pechadas, os pacientes acabaron sendo derivados ao HULA. E con eles tamén se desprazaron as súas familias, obrigadas a facer quilómetros até Lugo para poder acompañar aos seus seres queridos.
O maltrato da Xunta á Mariña é alarmante. Sen estradas propias do século XXI, sen recursos suficientes nos centros educativos, sen investimentos acordes ás necesidades da comarca e cunha sanidade pública cada vez máis debilitada. O caso do centro de saúde de Viveiro e a situación do Hospital da Mariña son exemplos moi claros dese abandono.
Os datos son esclarecedores. A Área Sanitaria de Lugo será a que rexistre o maior peche de camas do Sergas este verán, cunha redución do 12 %. Pero se nos centramos exclusivamente no Hospital da Mariña, a realidade é moito peor: de 156 camas, péchanse 36. Iso supón o 23 % da súa capacidade. Unha porcentaxe escandalosa que non ten comparación en ningún outro hospital de Galiza.
Eu non sei vostede, pero eu estou xa moi farta de tanta mentira, de tanto favor particular vendido como xestión política e de tanto abandono da nosa comarca. Porque o problema non é só coa sanidade. É unha forma de gobernar que coloca por diante os intereses do Partido Popular e dos seus achegados antes que os intereses da cidadanía.
Moita xente pensou que, co Partido Popular gobernando tamén en Viveiro, remataría este maltrato da Xunta ao noso concello. Que por seren da mesma cor política chegarían os investimentos, os recursos e as solucións. Mais os feitos volven demostrar o contrario.
Porque ao PP non lle preocupa a Mariña. Nin lle preocupa Viveiro. O que lle preocupa é conservar o poder. O poder para repartir favores, para construír redes de influencia e para seguir fortalecendo os intereses dos seus. Nunca os da veciñanza. Nunca os de Viveiro. Nunca os da Mariña. E moito menos os das persoas reais que queremos desenvolver aquí o noso proxecto de vida.
Así que xa o saben: se levan tempo agardando por unha consulta ou unha operación, se o derivan ao HULA e quere que o atendan aquí, non chamen ao Sergas, chamen á señora Gueimunde. E a ver que pasa cando a chamen as miles de persoas que están nas listas de espera. Igual aí descubrimos que o problema non se resolve con favores, senón cunha sanidade pública ben xestionada. Quizais entón quede claro que a solución non é chamar a Gueimunde, senón sacar ao PP da Xunta.
Iria Cotelo Cociña.
Portavoz e candidata á alcaldía do BNG en Viveiro



















A actividade puxo o broche final ao Programa Integral de Envellecemento Activo Municipal cunha charla sobre a xestión emocional das enfermidades neurodexenerativas, impartida pola psicóloga Carmen Breijo, da Fundación Degén, quen ofreceu un espazo de reflexión, aprendizaxe e orientación. A sesión contou tamén coa presenza do concelleiro Alfredo Fernández, que destacou a importancia de crear espazos de participación, coidado e benestar para as persoas maiores. O Concello agradeceu a colaboración da Asociación de Xubilados Terramar e da Fundación Degén, así como a participación de todas as persoas asistentes.
Trátase dun proxecto educativo pioneiro en Galicia que traballa a autoestima, a motivación e as intelixencias múltiples. A directora, Raquel Hermida, salienta que o programa busca fomentar o talento infantil a través de experiencias novas, traballo en equipo, creatividade e proxectos de emprendemento. A escola funcionará de 8:00 a 15:00 horas para facilitar a conciliación e ofrecerá talleres de oratoria, comunicación e intelixencia emocional, ademais de reforzo escolar, novas tecnoloxías e mecanografía. As persoas interesadas poden obter máis información no teléfono 982 58 50 98 ou no correo raquel@amarina.org.
O cambio resulta necesario porque a instalación das atraccións impide o paso dos camións de recollida por estes puntos. O contedor situado na Travesía Granxas trasladarase á avenida de Vilalba, mentres que o instalado na rúa Antonio Roca pasará á rúa Suasbarras. Ademais, o Concello reforzará a dotación de contedores no Campo da Festa e no Campo da Pascua, onde se colocarán máis unidades para atender o incremento de residuos previsto durante a celebración. Desde o Concello agradécese a comprensión á veciñanza polos cambios realizados e lémbrase a importancia de depositar os residuos nos contedores situados nas novas localizacións, co fin de facilitar o correcto funcionamento do servizo de recollida.
O alumnado de 2º curso das familias profesionais de Instalacións e Mantemento, Imaxe Persoal e Administración e Xestión remataron o curso e a súa formación en centros de traballo co que xa conseguiron a súa titulación como técnicos de grao medio ou grao superior para incorporarse ao mercado laboral. Desde o IES Perdouro, destácase o alto grao de empregabilidade destas ensinanzas e a importancia que para o ámbito laboral ten a incorporación destes profesionais, ao mesmo que lles trasladamos os parabéns pola súa recente titulación.
O festival terá lugar os próximos 1, 2, 3 e 4 de xullo na parroquia de Celeiro do concello costeiro, que volverá acoller este popular evento cultural centrado na música punk, metal e hardcore.
Destacou o labor da asociación xuvenil A Rumboia, que en poucas edicións converteu o evento nun referente cultural da Terra Chá e nun motor para o turismo e a economía local. O cartel inclúe Caamaño & Ameixeiras, Ulex, La Txama, Boyanka Kostova, Bea Fernandes e Lucasiito B2B Somiiux. Haberá tamén actividades para todas as idades —xogos, obradoiros, contacontos e artesanía— no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.



