Lourenzá, 29 de setembro de 2022. Mañá, venres, comezan as actividades da trixésima edición da Festa da Faba de Lourenzá, declarada de Interese Turístico Galego. Os actos desenvolveranse ata o domingo, 2 de outubro.
A alcaldesa, Rocío López, anuncia que “os actos arrancan o venres ás 19:30 horas cun espectáculo de maxia de Cayetano Lledó no Claustro do Mosteiro. A continuación terá lugar a tradicional cata de viños, este ano a cargo da adega Fanrelo, da Denominación de Orixe Monterrei; e para acompañar haberá unha degustación de tapas con fabas preparadas pola Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo. O toque musical virá da man do grupo Diavolinos”.
A rexedora engade que “o sábado a tarde haberá unha actuación do grupo de música tradicional Osorio Gutiérrez, seguido dun concerto do grupo Airiños da Freba. A orquestra Principal será a encargada de poñer o toque musical na sesión vermú e na verbena do sábado, no Campo dos Bolos. Temos unha edición da Festa da Faba con moita música e moito baile, que continuará na xornada do domingo cunha actuación das rondallas Trovadores de Ares e Mugardesa; e xa pola tarde coa actuación da Banda de Música de Lourenzá, seguida do recital poético musical Rosas Negras, de Marina Oural e Chefa Alonso. A clausura desta XXX edición virá da man de Queiman e Pousa co seu espectáculo Un verso, un cantar. Non faltarán tampouco os pasarrúas a cargo do cuarteto Catro Canos e as charangas Mekánica e Louband. E os tres días da festa teremos tamén música para a xuventude coa actuación de varios DJ no Campo dos Bolos, coa colaboración da asociación Conde Santo”.
Rocío López explica ademais que “haberá a tradicional degustación e venda de fabas, produtos de artesanía, concentración de vespas e vehículos clásicos, exposición de automoción e vehículos agrícolas, obradoiros, … Todo iso e moito máis poderano desfrutar os visitantes que se acerquen aquí, a Lourenzá. E, tratándose da festa gastronómica da nosa leguminosa, algo que non pode faltar son as distintas receitas elaboradas con fabas e que se poderán degustar en tapas nos locais de hostalería da zona ó longo de toda a fin de semana”.
A alcaldesa destaca tamén que “o pregón, que terá lugar o sábado ás 12 do mediodía virá da man dunha muller: é Marina Oural, unha laurentina de pura cepa, cunha longa traxectoria no mundo artístico e cun profundo agarimo e sentimento pola súa terra”.
Rocío López engade que “non faltará tampouco a programación deportiva para esta fin de semana coa gran coñecida carreira do Val das Fabas. Haberá tamén xogos tradicionais para todos os públicos da man de Xotramu, que serán os encargados de poñer o toque de diversión. Ademais contaremos con varios membros da Asociación de Cociñeiros de Lugo, que nos teñen preparado un showcooking para as xornadas do sábado e do domingo. Tamén volveremos ter o tren turístico, que fará un percorrido atravesando as distintas parroquias que forman o Val de Lourenzá. Nese paseo os turistas poderán ver as terras nas que se cultiva a faba e recibirán explicacións de todo o proceso produtivo desta leguminosa. Para nós isto é algo moi importante xa que nos permite dar a coñecer ao visitante a riqueza paisaxística e o patrimonio arquitectónico que temos neste concello”.
A rexedora explica tamén que “este domingo, 2 de outubro, celebrarase o primeiro mercado de venda de fabas ao por maior desta tempada. As expectativas son boas pois a pesares de que se espera menos produción que o ano pasado, por mor das desfavorables condicións meteorolóxicas, a calidade da faba vai ser moi boa”.
Para rematar a alcaldesa de Lourenzá anima “a todos os veciños e xentes da Mariña e doutras comarcas e lugares a facer un oco na súa axenda e vir desfrutar das actividades que temos preparadas nesta trixésima edición da Festa da Faba de Lourenzá. Estou segura de que van marchar cun bo sabor de boca e cun fermoso e grato recordo dos recunchos e marabillas que esconde este pequeno pobo da Mariña lucense”.
Concentración de vehículos clásicos
As actividades da concentración de vehículos clásicos empezarán o sábado cunha exposición de scooters e motos clásicas desde as 10 da mañá na rúa, “onde haberá probas de habilidade, carreiras de lentos e máis sorpresas sobre dúas rodas, como a presentación do invento Vespa-bici. Tamén teremos uns pinchos a media mañá e a saída de ruta está prevista para as 13.30 horas. O xantar será en Lourenzá ás 14.30 e despois celebrarase a entrega de premios e sorteos. Haberá tempo tamén para unha charla coloquio cos aventureiros da Lourenzá – Nordkapp, Jorge Aguirre e Cefe Martínez, que nos contarán e proxectarán moitas aventuras e anécdotas da viaxe”, explican os organizadores. Tamén anuncian que o domingo “terá lugar a exposición de vehículos dende as 10.00 horas, na que se espera a participación de coches espectaculares chegados de diferentes puntos de Galicia, Asturias e León. Segundo van as inscricións prevese que haberá preto dun centenar de vehículos. Ás 13.30 horas será a saída da ruta para xantar ás 14.30 horas e posteriormente regresar a Lourenzá para a entrega de premios e os sorteos”.























En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Onte, martes, estiveron operativos pola tarde e hoxe, mañá e o venres estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a achegarse á praia dos Bloques a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. Hóuboas para todos os gustos e idades tanto na pista multideporte como na praia dos Bloques. Agardamos que disfruten estes días cos deslizadores acuáticos, xogando e pasando un mes de agosto o máis divertido posible”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



