Lugo, 11 de abril de 2016- O subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e o secretario xeral da Subdelegación, Constantino Rodríguez, recibiron este luns aos tres alumnos (dous deles na foto que se adxunta) do Máster de acceso á profesión de Avogado -que imparten conxuntamente a Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio Provincial de Avogados- que completarán a súa formación con prácticas académicas externas na Subdelegación do Goberno, por un período de 75 horas.
Este convenio, que foi asinado o 25 de maio de 2015 polo secretario de Estado de Administracións Públicas, Antonio Beteta, o reitor da USC, Juan Manuel Viaño, e o decano do Colexio de Avogados de Lugo, José Félix Mondelo, tén por obxecto a realización de prácticas formativas na Subdelegación por parte de alumnos matriculados no Máster de acceso á Profesión de Avogado, permitíndolles completar os seus estudos universitarios, para unha futura incorporación ao mundo laboral.
EXPERIENCIA ENRIQUECEDORA
Ramón Carballo considera que este convenio de colaboración suporá unha “experiencia enriquecedora tanto para os estudantes, no que se refire á súa preparación como futuros xuristas, como para os empregados públicos, que poderán compartir experiencias laborais co mundo universitario. Un enriquecemento mutuo, dixo, que “redundará nun mellor servizo á cidadanía, pois seremos máis áxiles e aínda máis transparentes”.
Estas prácticas externas teñen como finalidade favorecer a adquisición de competencias por parte dos alumnos para o exercicio das actividades profesionais relacionadas cos seus estudos. Téntase deste xeito que obteñan unha experiencia práctica que facilite a súa inserción no mercado de traballo e mellore a súa condición de emprego futura, así como favorecer os valores da innovación, a creatividade e o emprendemento. Entre as tarefas que van desenvolver os estudantes e que se contemplan no proxecto formativo, están o seguemento de procedementos administrativos en materias de competencia da Subdelegación, a realización de informes xurídicos e outros cometidos de natureza homóloga vencelladas á súa formación académica.