Ribadeo, 8 de agosto de 2018. O Partido Popular de Ribadeo fai públicas hoxe as queixas de veciños de varias parroquias ribadenses polo mal estado no que quedaron estradas municipais reparadas recentemente.
O portavoz popular no Concello de Ribadeo, Jesús López Penabad, declara: “escoitamos á Alcaldía dicir que este ano para arranxo de pistas e camiños nas parroquias ían investir 255.000 euros. É unha cifra que a priori parece importante, pero despois de escoitar aos veciños, e insisto nisto porque non o dicimos nosoutros pois en distintas parroquias, tanto na costa como no interior, dinnos que o que se está a facer é un bacheo, cousa que é necesaria, pero un tanto estraño porque tápanse tres fochancas e déixanse seis”.
O voceiro popular pregunta se “esta é a forma de traballar deste equipo de goberno, se nisto se van investir os 255.000 euros. Espero que non, que haberá algún tipo de asfaltado, incluso con aglomerado en quente, posterior, porque esta forma de traballar non nos parece a máis correcta. E os baches hai que tapalos todos. A min o que me están dicindo por aí é que é unha vergoña o que se está facendo. Xa non imos dicir se leva máis alquitrán ou menos, pero de tapar facelo en todas as fochancas”.
O portavoz do PP en Ribadeo lembra que “cando se amañou a estrada desde Ribadeo a Porto saíu o alcalde dicindo que aquilo non era a maneira de arranxar unha estrada, pero pódese pasar por ela porque foi arranxada en dúas fases, bacheada que non leva capa de rodadura, pero creo que dunha maneira importante e correcta”.
Jesús López Penabad engade que “podía tomar un pouco nota cando o fai o Concello de Ribadeo porque se o que pretenden é facerse ver e quedar ben diante dos veciños eu creo que é todo o contrario. A ver se eses 255.000 euros son efectivos e se notan de verdade, porque fai moita falta nos camiños municipais de Ribadeo, nas parroquias e en todos os camiños de titularidade municipal”.
