Ribadeo 5 de novembro de 2018. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo deu inicio, ao longo deste pasado mes de outubro, a un dos seus cursos máis especiais: o da celebración do seu vixésimo quinto aniversario. Pasou xa un cuarto de século dende que, no serán do 4 de novembro de 1993 e baixo a dirección de Hernán Naval Parapar, comezaba a funcionar un centro educativo musical que axiña se ía converter nunha referencia no conxunto do país.
“O nacemento da Escola en Ribadeo, así como outros proxectos que se estaban xestando daquela noutros concellos galegos, marcaron un punto de inflexión no mapa de centros educativos musicais do país daquel entón. Hernán Naval, que era un visionario para este tipo de proxectos, o que fixo foi tirar do fío da proposta innovadora que a Loxse poñía sobre a mesa para as escolas de música, facendo delas centros de ensino musical amateur, pero tamén espazos para a difusión cultural, encadrados no tecido comunitario das vilas e cidades que as acollían”, lembra Hugo García Presno, arestora responsable da EMMeD de Ribadeo e alumno do centro na década dos 90. “Era unha época na que o apoio institucional da administración autonómica a este modelo era escaso pois primábase aos conservatorios pero, co tempo, o das escolas de música foi unha proposta que callou. Podemos estar ben orgullosos porque Ribadeo foi vila de referencia en innovación de cara a posta en marcha deste tipo de centros”, engade.
Unha Escola en crecemento constante
Vintecinco anos despois, a EMMeD de Ribadeo non deixa de medrar curso tras curso e suma xa 378 alumnos e alumnas de entre 4 e 70 anos, o que a sitúa como o centro destas características con maior número de persoas matriculadas na comarca da Mariña e no occidente de Asturias. Para atender ao alumnado que asiste ás aulas da EMMeD, o centro conta cun claustro formado por 13 docentes, o que garante que o alumnado disporá dunha “atención especializada en cada un dos instrumentos ou das materias que se imparten”, apunta García Presno.
O aumento de disciplinas que ofrece a EMMeD de Ribadeo foi unha constante ao longo destes 25 anos. Se dende a súa posta en marcha ata finais dos anos 90 se foron consolidando as familias de vento madeira, vento metal, guitarra, piano e percusión así como as clases de linguaxe musical ou os primeiros pasos da disciplina de música e movemento, a primeira década dos anos 2000 significou a entrada, e consolidación cun grado moi alto de aceptación, da danza clásica e contemporánea no currículo da Escola. Nos últimos cinco anos a ampliación de materias ofertadas non parou e permitiu a apertura da escola a materias vinculadas á música tradicional (gaita, pandeireta…) que tamén gozan dunha acollida moi aceptable. O aumento de materias impartidas comporta tamén un crecemento no espazo que ocupa a Escola na Casa do Mar. De feito, este curso 2018-19 comeza con dúas novas aulas, unha específica e moi ben equipada para danza e ballet, e unha segunda para clases instrumentais que, segundo Hugo García “permiten gañar en comodidade á hora de impartir clases e que axudan a consolidar a Casa do Mar como o epicentro da vida musical ribadense ao compartir unha mesma ubicación a Escola, a Banda e máis a Coral”.
Unha Escola aberta á vila
A filosofía da EMMeD de Ribadeo permanece intacta dende a súa posta en marcha. “Hai tres piares fundamentais cos que naceu a escola e que seguen vivos no noso traballo diario: o alumnado debe gozar e pasalo ben coa aprendizaxe musical, o traballo que facemos no centro debe saír destas catro paredes e interactuar coas actividades comunitarias que pasan en Ribadeo (Entroido, Ribadeo Indiano, actos do 8 de marzo ou do 25 de novembro…) e a Escola debe ser un punto de encontro da música con outros aspectos que entendemos centrais no proceso de formación das persoas que pasan pola Escola, xa sexan a recuperación da memoria, os feminismos, a solidariedade, etc.”, sinala Hugo García. Esta maneira de facer vese reflectida no programa da Escola. Un programa que combina as clases convencionais, con concertos xa imprescindibles na programación cultural de Ribadeo (Santa Cecilia, Nadal, concertos didácticos, fin de curso, etc.) e máis con actividades e campañas transversais nos que, dun xeito ou outro a Escola é partícipe (“En Negro contra a Violencia”, campañas de fomento do comercio de proximidade, entre outras).
Un curso de celebracións
O curso 2018-19 será un ano académico de celebracións na EMMeD de Ribadeo. “Andamos artellando algunha celebración especial destes 25 anos porque non queremos que o aniversario pase desapercibido, pero consideramos que o mellor recoñecemento que podemos facer a este tempo é manternos fieis ao estilo que marcou e marca a EMMeD de Ribadeo e que fan dela un centro de referencia no ensino musical do país”, comenta Hugo García. Durante o curso iranse anunciando aquelas actividades que se organicen co gallo do 25º aniversario da EMMeD de Ribadeo.




















Os traballos, cun orzamento de case 190.000€, afectan aos catro primeiros quilómetros da vía. Habilitaranse desvíos alternativos, que estarán debidamente sinalizados.
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
De 12:30 14:00 horas no CEIP Juan Rey farán actividades e demostracións. E de 18:00 a 21:00 horas na Praza do Concello haberá unha exposición estática e mini relevos. O Concello de Lourenzá destaca que é “unha oportunidade única para coñecer de preto o labor da Garda Real. Animámosvos a participar!”.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.



