CERVO .- O delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, participou este sábado na inauguración da exposición “Ás portas de Rinlo” do artista Fernando F. Páez quen tamén estivo presente no acto. A mostra, composta dunha escolma de 12 imaxes, pretende amosar a beleza do vernáculo e da paisaxe histórica reclamando actuacións que respecten a memoria e manteñan viva a identidade local dos núcleos máis tradicionais do país. Unha proxección audiovisual e a edición dun catálogo no que se inclúen 50 imaxes deste autor completan a oferta divulgativa dunha exposición fotográfica que permanecerá no Museo do Mar ata o vindeiro 10 de xaneiro.
De xeito informal, Antonio Veiga lembrou que foron os propios veciños desta aldea de Ribadeo quen colaboraron neste proxecto artístico desenvolto pola iniciativa cidadá “A prol de Rinlo BIC” que persegue a difusión, defensa e conservación dos valores patrimoniais deste lugar e tamén a súa declaración como Ben de Interese Cultural na categoría de “Lugar Etonográfico”. Tanto Veiga coma Páez coincidiron en resaltar o interese e a disposición dos veciños de Rinlo a participar activamente neste proxecto expositivo. Como agradecemento a esta colaboración, o nacionalista visitou hai tan só uns días este lugar para entregarlles aos habitantes desta aldea un bo número de exemplares do catálogo desta mostra.De xeito directo ou indirecto, todos eles están presentes nas 50 imaxes que conforman este documento gráfico de gran interese para a Comarca da Mariña, asegurou o delegado da Área de Cultura da Deputación.
A través destas 12 instantáneas, o espectador é quen de afondar nun excelente rexistro etnográfico e arquitectónico da atmosfera e psicoloxía do pobo de Rinlo. Coa escolma que se presenta no Museo do Mar, o fotógrafo ofrécelle á sociedade a posibilidade de percibir doutro xeito as marcas que o paso do tempo deixa nas persoas e nos lugares da Comarca da Mariña. Alén disto, Antonio Veiga salientou que esta mostra reflicte o xeito de vida dos veciños dun lugar peculiar da costa lucense a través dos rostros dos seus mariñeiros, das súas mariscadoras, das súas casas ou das paisaxes que definen esta zona. Para o nacionalista, este proxecto expositivo é un exemplo máis do amplo e variado patrimonio cultural inmaterial que existen e Galiza e que “debemos preservar e potenciar” en favor da identidade cultural do propio país.
Ata hai tan só uns días a exposición “Ás portas de Rinlo” podía visitarse no Museo Provincial de Lugo. No mes de outubro, esta escolma de instantáneas permaneceu na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza, situada na Casa da Conga, acadando un gran número de visitas durante a súa estancia en Compostela. Dous meses antes esta mostra fotográfica estivo exposta no Forte de San Damián, por iniciativa da Concellería de Cultura de Ribadeo, sobrepasando as 1500 visitas nun prazo inferior aos 15 días.





















Os Bombeiros de Vilalba excarceraron ao condutor ferido que quedou atrapado no interior do vehículo. O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 16:20 horas desta tarde. Un particular informaba a esa hora dun coche envorcado na LU-P 6501, quilómetro 40 en Rioaveso, ao seu paso por Cospeito (Lugo). Indicaba que no interior do vehículo había unha persoa ferida, consciente pero que non podía saír. Con estes datos, os xestores do 112 pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vilalba, á Garda Civil de Tráfico e ao persoal de mantemento da vía.Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron a excarceración do ferido para posteriormente ser trasladado polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Trátasde dun grupo coñecido pola súa posta en escena humorística e teatral, que combina música tradicional con estética de taberna e espírito festivo. O evento celebrarase o 22 de maio ás 23:00 horas na Rúa do Cobo nº 18, cun prezo de entrada de 5 euros. As persoas asistentes están convidadas a traer instrumentos para sumarse á foliada. A actividade conta con presenza en Facebook, Instagram e TikTok, onde se pode seguir a programación e novidades do espazo.
Será o sábado 23 de maio, nas Letras no Campo, Feira do libro ribadense, nun acto no que estará acompañado de Suso Fernández Acevedo.
O acto terá lugar o vindeiro luns 18 de maio, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos, unha data sinalada para poñer en valor o patrimonio cultural e mariñeiro do concello. Tras un período de traballos de mellora e adecuación, o museo —un referente na comarca— reabre para ofrecer ás persoas visitantes unha viaxe inmersiva a través da herdanza mariñeira, da industria conserveira e da estreita relación das súas xentes co Cantábrico.
O mozo ciclista continúa a demostrar o gran nivel desta tempada, na que suma xa un primeiro posto e un terceiro nas últimas probas das Escolas de Ciclismo da Federación Galega. Uns resultados que reflicten o seu esforzo, constancia e paixón polo deporte. O Concello tamén quixo poñer en valor o traballo do club Medela MTB, pola súa aposta pola formación e polo deporte base, acompañando aos máis novos no seu crecemento deportivo e persoal. Desde Cervo trasladan os parabéns a Mateo e á familia Medela, e destacan o orgullo polos éxitos e pola excelente tempada que están a realizar.
A participación estará aberta do 14 ao 18 de maio, e a persoa gañadora poderá escoller entre cinco modelos diferentes. A propietaria, Susana Moreira, fai un balance moi positivo desta década, na que o negocio evolucionou ata centrarse en mercería, venda de la e artigos artesanais elaborados por ela mesma. Ademais, ofrece arranxos de roupa e organiza cursos e talleres de ganchillo, calceta e bordado, como o previsto para o 23 de maio. A maior parte da clientela e das persoas que participan nas actividades son mulleres, aínda que tamén acoden nenos e mozos interesados en técnicas como os amigurumis.
O encontro incluíu sesión vermú amenizada polo Dúo The Poker e unha comida popular con empanada, embutido, croquetas, xamón cocido, tenreira asada e sobremesa. Pola tarde continuou a música e realizáronse sorteos de agasallos achegados polas asociacións colaboradoras. A iniciativa foi organizada pola Asociación O Castelo, en colaboración coas asociacións parroquiais e o Concello de Alfoz, que agradeceron a ampla participación. Durante a xornada tamén houbo un momento de lembranza para Jorge Val, exalcalde falecido hai un ano, destacando o apoio que brindou ás asociacións locais.



