Participa, coño!
Coido que pode verse claro que o título leva en si unha contradicción. Dende a historia do regulamento de participación cidadá en Ribadeo ata as alegacións que deberan terse en conta, tentarei esbozar en varias entregas algo do que significa unha normativa que é, para a cidadanía, mesmo máis fundamental que o estado de contas do concello, algo dunha relevancia que está fóra de toda dúbida. E isto é así porque se non hai participación, se os cidadáns estamos á marxe, limitados a votar cada certo tempo por unhas listas cerradas que non confeccionamos, entón non hai democracia e tampouco importará o que pase coas contas municipais, pois sinxelamente non será cousa nosa. A participación non se pode impor dende arriba, e en cambio, si que se pode tentar desincentivala -algo que está a suceder-.
1.Introducción
Din que estamos en democracia, no goberno do pobo, un réxime político no que a soberanía reside no pobo e é exercida por este de xeito directo ou indirecto. Si? O caso é que se non se participa, non se pode exercer a propia soberanía, o propio poder, o goberno. E isa participación está baixando dende hai tempo, como pode verse a pouco que se mire, non só na porcentaxe de participación eleitoral, senón tamén no interese polos asuntos públicos fóra das charlas do café ou o que non vai ó bolsillo.
Visto doutro xeito, calquera que tente seguir a vida municipal téno difícil se non é a traverso da imaxe nos medios dos enfrontamentos dos políticos nos diferentes temas. Se se quere enterar de algo do que pasa no concello de primeira man, lévao cru. Unha mostra? Mesmo o acceso ó texto do Regulamento de Réxime Orgánico de Participación Cidada do Concello de Ribadeo, aprobado inicialmente no pleno de xaneiro, ata agora non está dispoñible en internet, nin foi anunciada polo concello a publicación da súa aprobación inicial no BOP (de día 1 de febreiro) e polo tanto comezo do período de alegacións … e iso despois de que o único punto no que tivo participación a cidadanía dun xeito directo fóra precisamente o da publicitación de acordos, normativas e demáis en internet (diso falarase máis adiante).
2.Unha historia ata o 2010
Aló hai vinte anos, cando aínda coleaba o impulso da democratización en España despois de anos de ditatura, houbo unha aprobación inicial, por parte da corporación municipal de Ribadeo, dun estatuto de participación cidadá. A cousa quedou aí, de cara á galería, xa que non houbo unha aprobación definitiva nin intento dela.
Os anos pasaron, e novas leis e normativas de rango superior fixeron xa imposible a aprobación definitiva.
Así chegamos ó anterior mandato municipal, no que a avv O Tesón deu un tímido paso pedindo o desenvolvemento da normativa de orde superior para aproveitar posibilidade de ter unha mínima participación nos plenos. Outorgouse unha pequena compensación, de xeito que no Pleno do Concello o 13 de setembro de 2004 aprobouse un regulamento para permitir a contestación de preguntas formuladas polas asociacións, ‘despois’ dos plenos.
Dende aquela, na case totalidade dos plenos ordinarios houbo preguntas, contestadas sen ningún tipo de levantamento de acta oficial, sen posibilidade de reprantexamento, explicación da propia pregunta ou detalles, … e con respostas ás veces adiadas, ás veces sen efectividade. Se ben tamén as houbo que foron contestadas de xeito adecuado, a canle aberta no 2004 pronto se manifestou totalmente insuficiente.
E volta a comezar. No seo na Mesa de Asociacións veciñais plantexouse non só a petición dun regulamento de participación, senón que, en vista do pouco entusiasmo dos munícipes, estudouse e presentouse un borrador de regulamento. Tempo despois de ter desesperado unha resposta, recibiuse nunha xuntanza co alcalde un novo texto de borrador para que se estudara. Do antigo, nada.
Estudouse, viuse que estaba feito de anacos doutros regulamentos, con diferentes formatos, e que deixaba diversas cousas mal conectadas, ou sen canles efectivas, ou sen posibilidades de desenvolvemento. Por iso, en setembro pasado, despois de varias xuntanzas da Mesa de Asociacións, foi remitida ó concello unha nova versión cun escrito de acompañamento no que se dicía claramente que aínda cos cambios propostos, o documento era farragoso, pero tentábase variar o menos posible na procura dun entendemento, e pedíase unha xuntanza co alcalde para facer as aclaracións pertinentes.
A xuntanza non chegou.
3.O 2011 xa é historia.
No Pleno de 17 de xaneiro fíxose a aprobación inicial do regulamento orgánico. Aprobación unánime, despois de pasar pola comisión previa. Comisión que deixou pasar cousas como un ‘Santiago’ onde tiña que poñer ‘Ribadeo’. Aprobación que contou con detalles como un comentario de que se as asociacións de veciños -e O Tesón máis en concreto- querían participar, que se presentaran ás eleccións; algo que deixa ás claras a idea de participación cidadá que teñen algúns políticos.
Sería lóxico supoñer, despois da unanimidade na votación, que a versión se manifeste como definitiva próximamente, aínda que haxa alegacións (… tamén pode ocorrer que haxa cambios de voto como ten pasado outras veces). Fóra das propias alegacións que se fagan, pouco queda por explicar. Quizáis unha precisión: a letra aprobada non implica que se teña en consideración despois, como xa ten ocorrido tantas veces, deixando cousas aprobadas en letra morta. Aprobar é doado, e máis se hai un consenso de atribución ó tema de pouca ou nula importancia.
Antonio Gregorio Montes



















Será o sábado 23 de maio, nas Letras no Campo, Feira do libro ribadense, nun acto no que estará acompañado de Suso Fernández Acevedo.
O acto terá lugar o vindeiro luns 18 de maio, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos, unha data sinalada para poñer en valor o patrimonio cultural e mariñeiro do concello. Tras un período de traballos de mellora e adecuación, o museo —un referente na comarca— reabre para ofrecer ás persoas visitantes unha viaxe inmersiva a través da herdanza mariñeira, da industria conserveira e da estreita relación das súas xentes co Cantábrico.
Nesta ocasión participará Susana Vázquez Fernández, coach de saúde emocional e facilitadora en procesos de duelo e perda, que impartirá o faladoiro “Xestión do ánimo”, centrado en técnicas de relaxación, pensamento positivo e coidado da saúde mental para mellorar o benestar emocional. A actividade está aberta á veciñanza e busca crear un espazo para compartir, aprender e coidarse en comunidade. Conta co apoio e colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
Unha obra para todos os públicos. Hora: 20.00. Entrada libre ata completar aforo, non é necesario facer reserva de entradas.
O mozo ciclista continúa a demostrar o gran nivel desta tempada, na que suma xa un primeiro posto e un terceiro nas últimas probas das Escolas de Ciclismo da Federación Galega. Uns resultados que reflicten o seu esforzo, constancia e paixón polo deporte. O Concello tamén quixo poñer en valor o traballo do club Medela MTB, pola súa aposta pola formación e polo deporte base, acompañando aos máis novos no seu crecemento deportivo e persoal. Desde Cervo trasladan os parabéns a Mateo e á familia Medela, e destacan o orgullo polos éxitos e pola excelente tempada que están a realizar.
O encontro incluíu sesión vermú amenizada polo Dúo The Poker e unha comida popular con empanada, embutido, croquetas, xamón cocido, tenreira asada e sobremesa. Pola tarde continuou a música e realizáronse sorteos de agasallos achegados polas asociacións colaboradoras. A iniciativa foi organizada pola Asociación O Castelo, en colaboración coas asociacións parroquiais e o Concello de Alfoz, que agradeceron a ampla participación. Durante a xornada tamén houbo un momento de lembranza para Jorge Val, exalcalde falecido hai un ano, destacando o apoio que brindou ás asociacións locais.
Celebrarase o venres 29 de maio ás 17:00 h e será gratuíta. Abordará o papel dos poliquetos no ecosistema mariño, as súas características e os riscos do uso de especies exóticas, con proxeccións e maquetas de varias especies empregadas como cebo. Impartiraa o grupo BIOCOST da Universidade da Coruña e está organizada por Posta de Encontro xunto con RedeMar, Xunta de Galicia, Federación Galega de Confrarías e a UDC. Reservas: WhatsApp no 634 97 08 86; 982 13 19 23; buenas@capturaspesca.com ou directamente na tenda Capturas Pesca, onde se celebrará o evento (Av. Leopoldo Calvo Sotelo 49, Ribadeo).



