Alfoz, 29 de xuño de 2018. A exposición de acrílicos ‘Xurucido e Marquesado: Os zoqueiros de Valadouro’ de Xosé Blanco, poderá visitarse na primeira planta do Castelo do Castrodouro dende o venres 29 de xuño e durante todo o mes de xullo.
A mostra, composta por 15 obras, amosa unha recreación e interpretación do proceso e das ferramentas empregadas para a elaboración das zocas polos zoqueiros Eliseo Expósito “Marquesado”, natural de Recaré e o seu compadre e amigo Xosé Blanco Ares “Xurucido”, de San Tomé, avó do autor.
Sobre a obra
O autor, veciño da parroquia de Adelán de Alfoz, é fillo e neto de zoqueiros e explica o sentido da súa exposición nas seguintes liñas:
En verbas do etnógrafo e escritor ourensán Xaquín Lourenzo “Xocas” o oficio de zoqueiro é un “Oficio moi sinxelo, que non precisa ferramenta, case todos os campesiños foron zoqueiros e adicaban os finais do verán a facer os “paus” precisos para o seu calzado e o da súa familia”. Era un oficio de tempada, que se compaxinaba con outras tarefas do fogar, agrícolas ou gandeiras. Os zoqueiros facían as zocas, calzado habitual entre as xentes dun país húmido e aberto ás choivas e neves das longas invernías. Adoitaban traballar nos seus obradoiros pero ao remate do outono podían ser ambulantes e zoquear polas casas facendo os encargos que lles pedían.
Antes, ademáis das conversas entre os veciños que se levaban a cabo no adro da parroquia ao rematar a misa, tamén se facían as tertulias nas barberías, nos obradoiros dos ferreiros, ou dos zoqueiros… Estes lugares servían de centro de reunión onde se debatía entre os veciños os temas máis diversos.
Na primeira metade do século pasado, había obradoiros en todas as parroquias do Valadouro. En San Tomé, estaba o dos zoqueiros Xurucido e Marquesado, a comezos dos anos 30, onde facían unhas zocas tan ben feitas que seica acaían coma zapatos… foi o calzado que levaron algúns emigrantes do val ás Américas.
Alí, naquel obradoiro, no medio das zocas, dos tronzóns para cortar os bidueiros e facer as toradas, os machados, as llergas, os trades, goivas, bastréns e demais ferramentas, Xurucido e Marquesado, eran tamén músicos e tocaban tódolos días cos seus acordeóns as pezas que, nos días de festa, interpretaban nos salóns de baile.
Fíxose zoca chinela
a gracia da bidueira
E vai marcando na acera
os puntos da muiñeira!
Alí, aproveitando os días de choiva, xuntabanse os homes do lugar a parrafear e informarse do que pasaba polo mundo adiante, lendo as novas que traía “El Pueblo Gallego”, o xornal ao que estaban subscritos os dous zoqueiros. Nas longas noites de inverno, ao resplandor do lume e ao redor da lareira, limpaban as zocas colocándoas contra o prato ou “barrigueira” para darlles o remate definitivo co bastrén ou co rebocador e os sábados ían vendelas ao “mercado das zocas” en Ferreira. Así era este nobre oficio que cumpría tamén unha función social e servía de fonte de información moito máis veraz que outros medios de desinformación máis modernos que nos pintan o mundo ao revés.
Eliseo Expósito “Marquesado”, era natural de Recaré e o seu compadre e amigo Xosé Blanco Ares “Xurucido”, de San Tomé…o meu avó.
Sobre o autor
A Estivada (O Valadouro), agosto de 1955.
Os meus primeiros garabatos fíxenos, penso eu, sendo un neno, nas libretas, cadernos e pizarras da escola de Dna. Mercedes en San Tomé, ou nas paredes da miña casa, nas do muíño… A miña querencia por debuxar, naceu e medrou en min dun xeito natural e inconscente… Os primeiros estudos artísticos que fixen, foron por correspondencia, aos 13 ou 14 anos, nunha academia de Barcelona (CEAC). Aos 17 anos, matriculeime na Escola de Artes Aplicadas Pablo Picasso da Coruña, e ao rematar estes estudos (1977), participei nas Experiencias de Tecnoloxía e Escola Libre de Sargadelos. Desde o ano 1979 ao 2016, traballei e formei parte do seu “Gabinete de Deseño”. Foi a cerámica de Sargadelos a miña principal actividade durante eses anos. Paralelamente, participei en exposicións colectivas e individuais dentro e fóra de Galicia, expoñendo os meus traballos de debuxo, pintura, gravado, cartelismo, deseño gráfico, etc. As miñas temáticas preferidas son as recreacións e interpretacións en imaxes da poesía, da natureza, dos contos populares… da memoria e das lembranzas que levamos dentro de nós todos os seres humáns




















Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



