Ribadeo, 10 de novembro, 2023. Este xoves celebrouse á segunda charla realizada pola A.C. Francisco Lanza con motivo da exposición “Deportados da Mariña luguesa e do Occidente asturiano aos campos de concentración nazis”. O seu título: “Asalto de Ribadeo polas tropas golpistas o 23 de xullo de 1936”. Miguel Freire, con orixes en Ribadeo, relatounos como se produciu o asalto a Ribadeo por parte das tropas sublevadas do xeneral Franco. Froito das testemuñas da época, o acto supuxo unha ocasión ben acaída para render homenaxe ás vítimas de dito asalto:
Justo Fernández Suárez, natural de Vilaronte e veciño da Veiga; 26 anos, solteiro; de profesión, chofer.
Casimiro Pérez Martínez, nado en Mondreganes (León); 43 anos, carabineiro casado con Isabel Vázquez Fernández, coa que tiña 5 fillos.
Ramón Crespo Rodas, de Ribadeo; 26 anos, solteiro; zapateiro.
Rosalía Alonso Lastra, natural de Mourisco (A Fonsagrada); 60 anos, solteira.
Manuel Tella, natural de Navia de Suarna; 60 anos, casado e cun fillo; xornaleiro.
Manuel Mon Miranda, natural de Luanco (Asturias), de ascendencia burelá; 44 anos, casado con Joaquina Expósito Baño e con 4 fillos; carabineiro.
Vicente Muiño Tojeiro, natural e Cedeira; 26 anos, solteiro; xornaleiro labrego e mariñeiro.
E tamén houbo ocasión para lembrar os nosos veciños ribadenses que foron fusilados posteriormente en Lugo tras un consello de guerra sumarísimo:
Dositeo Álvarez Seivane; natural de Ribadeo; 32 anos, labrego. Condenado a morte e executado en Lugo.
Fernando Bellón Fernández: natural das Figueiras (Castropol); 30 anos; mariñeiro. Xulgado por rebelión e executado en Lugo.
Antonio Fernández Sánchez: natural de Ribadeo; 55 anos, mariñeiro. Xulgado por rebelión militar e executado en Lugo.
Antonio García Fernández: natural de Ribadeo; 46 anos, zapateiro. Xulgado por rebelión e executado en Lugo.
Ramón Lorenzo Fernández: natural de Barreiros, veciño de Ribadeo; 48 anos, tenente de carabineiros da praza de Ribadeo. Xulgado por traizón e executado en Lugo.
Luciano Martínez Piñeiro: natural de Ribadeo; 55 anos, mariñeiro. Xulgado por rebelión militar e executado en Lugo.
Faustino Penedo García: natural de Baleira, veciño de Ribadeo; 46 anos, bedel da Academia de Santo Tomás de Aquino. Xulgado por sedición e executado en Lugo.
Manuel Soliño Medina: natural de Ribadeo; 18 anos, xornaleiro. Xulgado por rebelión militar e executado en Lugo.
Antonio Trujillo Rodero: natural de Salamanca, veciño de Ribadeo; 48 anos, alférez de carabineiros da praza de Ribadeo. Xulgado por traizón e executado en Lugo.
Manuel Fernández Piñeirúa: natural de Ribadeo, veciño de Castropol; 46 anos, garda municipal do concello de Castropol. Xulgado por rebelión militar e executado en Lugo.
O resto das vítimas mortais da represión franquista vinculadas a Ribadeo figuran tamén cos seus nomes nas “Pedras da Memoria” sumando un total de 40 persoas.
Para todos eles, veciños e veciñas de Ribadeo, houbo unha lembranza e unha merecida homenaxe na charla de onte, impartida por Miguel Freire, na Casa do Viejo Pancho: a memoria feita lembranza presente e proxectada cara ao futuro para que ninguén esqueza a barbarie. É de xustiza que os seus descendentes poidan atopar os restos dos seus antepasados e darlles unha sepultura digna.

























Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.
A actividade permitiu aos nenos e nenas gozar dun espectáculo de maxia pensado para transmitir, dun xeito ameno e divertido, valores relacionados coa igualdade, o respecto, a convivencia e a eliminación de estereotipos. Con iniciativas como “Abrazando a igualdade”, o Concello de Xove continúa apostando por achegar aos máis pequenos actividades educativas diferentes, propostas culturais e de lecer nas que a cultura, a diversión e a transmisión de valores van da man.
Félix Jorquera conversou co alcalde, Fran Cajoto; coa concelleira de Cultura e Facenda, Inés López; con Pura García, que é directiva de Acia Foz-CCA; con Carmen Alonso, presidenta do Celtas de Foz; e coa dona da cafetería Marexada, Palmira Andrade. Con eles fixo balance do verán, que todos valoraron de xeito positivo, e analizou os proxectos para os vindeiros meses.



