Primeiro o disco de vinilo, despois (en menor medida) a cinta de cassette, e agora o carrete de fotos.
Dun tempo a esta parte por algún motivo, en principio en contra das correntes do mercado, non poucas persoas (négome a utilizar o termo consumidores) reivindican o imperfecto.
E si, se acaso chegou ese punto no que nos decatamos que a tecnoloxía non só veu para mellorar a nosa vida, senón tamén para condicionala. Somos ademais incapaces de avanzar ao ritmo que nos impón. Non podemos, e hai que dicilo: nin o necesitamos nin o queremos.
Absortos entre pantallas e redes de comunicación esquecemos que é mellor contemplar que gravar, falar que mensaxear, e vivir que amosar.
Poñemos cara de incredulidade cando coñecemos a alguén que non ten móbil. Considerámolo un ermitán a destempo, un asceta entre “postureos”, mais ao pouco imaxinamos con nostalxia unha vida onde o traballo non nos impón estar pegado a un aparello que secuestra a nosa intimidade e liberdade.
Como bobos asombrámonos da capacidade que ten de coñecernos, mais non ofrece máis do que lle amosamos cada día. O que buscamos, o que opinamos, mesmo o que pensamos. Sempre me quedará a dúbida de si en verdade o noso pequeno e brillante compañeiro é ata quen de intuír o noso estado de ánimo e ler os pensamentos. Senón, como aquel día que paseando pola praia, como sempre con música nun carrusel aleatorio de 200 cancións favoritas, seleccionoume “Heroes” de David Bowie, xusto despois de ver a uns surfeiros coa súa danza entre as ondas, e recitar mentalmente esa marabillosa frase da canción de “I wish you could swim like the dolphins, like dolphins can swim”?
Recordo nunha convención da cadea radiofónica musical na que traballaba a principios dos 90, como un dos temas centrais era a implantación sen retorno dos CDs nos estudios. Tras unha exposición na que se nos daba conta de todas as vantaxes do novo soporte dixital, na quenda de intervencións preguntei si nalgún intre se contemplara o elemento sensorial dos discos de vinilo, coas súas portadas insubstituíbles. Non souberon contestarme. Eu por fortuna nunca me desfixen deles. Non é doado explicar a sensación que me transmite sacar o disco da funda, o seu olor, o mimo co que o deposito nun prato que me ofrece, na maior parte das ocasións, unha leve “fritura” antes do comezo da música, que espantaría a calquera fundamentalista dixital.
Trato de entender que pasa pola cabeza dun “millenial” ao ver unha cinta de cassette, ao reproducila sen poder acceder automaticamente a un corte. Imaxinando ao primeiro “troglodita” que asociou un boli bic ao seus furados para avanzar ou retroceder manualmente a cinta. Polo que sexa, fillos do dixital ollan amables aos nosos queridos gadgets cos que medramos, amamos, e nos emocionamos. Agardo podan facer o propio e abrazar a música que protagonizou e trocou o século XX: Beatles, Dylan, Pink Floyd…
Leo estes días cunha mistura de nostalxia e esperanza, que Kodak tivo que contratar empregados para dar saída á crecente demanda de película para cámaras. Cústame crer que en tempos do xa é xa, poidamos ter a paciencia de non ver ao intre o que o noso obxectivo rexistra. Mais… aí está a nova.
Non se trata de renunciar aos avances. Spotify, as cámaras dixitais… e toda a tecnoloxía do noso século é magnífica sempre que non anule o aprecio ao artesán. Entre a beleza sempre convive o imperfecto por natureza.
Seguimos pensando que o ser humano é a máquina máis perfecta, malia que un PC lle dea un baño ao mellor xogador de xadrez do mundo. Non é predicible ao 100%, non segue pautas binarias e é capaz do mellor (e o peor). O ser humano é analóxico, emite sons desagradables, o seu sistema operativo non ten opción de reseteo, mais só el, a diferencia do metaverso e do procesador máis potente, é capaz de crear beleza, e o máis importante, de admirala.




















Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
Ocorreu pasadas as 15:30 horas. Un traballador tivo que ser evacuado ao hospital logo de caerlle o tronco dunha árbore enriba mentres realizaba tarefas no monte en Cervo. Aínda que estaba liberado e consciente, precisaba asistencia sanitaria. Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladárono finalmente ao Hospital de Burela. Neste operativo tamén participaron a Garda Civil e a Policía Local de Cervo.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.



