Burela, 21 de xaneiro de 2014. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, participou na presentación que o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, fixo na localidade dos datos de tráfico comercial dos portos dependentes da Xunta durante o 2013.
O rexedor, que valorou moi positivamente as cifras referentes ó porto da localidade, puxo de manifesto que “o porto de Burela é xa un referente en Galicia en materia de tráfico comercial, xa que se ten situado no cuarto posto en volume total de tráfico de mercadorías en 2013. O incremento do tráfico de madeira nun 140%, chegando a máis de 250.000 toneladas, xunto co tráfico de caolín, fan do noso peirao un polo estratéxico de movemento económico”.
O alcalde burelés destacou tamén que Burela sexa o primeiro porto dependente da Xunta de Galicia en venta de peixe fresco: “o carácter eminentemente pesqueiro do porto non ten ningunha dúbida. Se a iso engadimos a importancia que vai collendo no tráfico comercial, estamos ante a consolidación dun peirao de enorme importancia estratéxica en canto ó movemento económico”.
González Barcia engadiu que “de aí que seguiremos a traballar con Portos de Galicia na planificación e realización das infraestruturas precisas para manter o porto burelés con plenas capacidades, tanto a nivel pesqueiro como comercial”.
O rexedor deixou clara unha realidade: “Burela en gran medida é o que é grazas ó porto, e aí están as décadas precedentes para demostralo; e Burela continuará medrando no futuro, tamén en gran medida, se somos capaces de manter o dinamismo do porto e do seu sector pesqueiro, á vez que seguimos abrindo as capacidades comerciais que ten o peirao”.