Lugo, 27 de Marzo de 2018. Logo que no pleno celebrado hoxe 27 de marzo fose rexeitada a proposta de aprobación definitiva da Relación de Posto de Traballo e a consolidación da carreira horizontal cos votos en contra dos deputados do grupo popular e do deputado do grupo socialista Manuel Martínez Núñez e ca abstención do BNG, as catro centrais sindicais que representan o persoal da entidade UGT, CC OO, CSIF e CIG queremos manifesta o seguinte.
A RPT, aprobada inicialmente polo Pleno da Deputación, é produto dun acordo unánime da Mesa Xeral de Negociación asinado polas catro centrais sindicais con delegados nos órganos de representación dos empregados públicos provinciais (Xunta de Persoal e Comité de Empresa).
As modificacións da RPT foron aprobadas inicialmente polo Pleno do 21 de decembro de 2017, cos votos a favor dos grupos Socialista e do BNG e a abstención do grupo Popular, sen que houbera ningún voto en contra.
No período de alegacións presentáronse unhas trinta reclamacións individuais á valoración inicial, todas elas referidas a postos de traballo concretos, das cales foron estimadas, total ou parcialmente, o cincuenta por cento.
Cómpre sinalar que na proposta de aprobación definitiva das modificacións da RPT recóllense doce melloras á proposta inicialmente aprobada, contando de novo coa aprobación unánime de todas as centrais sindicais.
Os sindicatos asinantes do acordo non entendemos o cambio de criterio político ó respecto da aprobación definitiva da RPT, na que solo cumpría debater as alegacións antes sinaladas, tendo en conta que na aprobación inicial ningún grupo político votou en contra da RPT que contaba con tódolos avais legais.
¿Que cambiou para que se modifiquen os criterios de votación?
¿Cal e o trasfondo político?
As centrais sindicais non estamos dispostas a aceptar a utilización das melloras do persoal da Deputación como moeda de cambio nas liortas políticas, non se pode poñer en risco un acordo que supón a mellora da maioría da plantilla, despois de moitos anos de recortes.
Diante desta situación esiximos a todos os deputados provinciais coherencia a hora de votar sobre asuntos que afectan o persoal.
Non se pode atacar o equipo de goberno dándolle unha patada no cú ós traballadores, que son os únicos perxudicados con estas decisións.
As catro centrais sindicais manifestamos a firme vontade da defensa do acordo, e estudiaremos todas as medidas legais para a sua aplicación efectiva.