Lugo, 3 de abril de 2018.- A Executiva Provincial Socialista mantivo este martes unha reunión de traballo na que, entre outros asuntos, abordaron o Orzamento do Estado para 2018. Os socialistas explicaron que no 2011, co PSOE no Goberno Central, os investimentos na provincia de Lugo superaban os 178 millóns de euros. Este ano, co PP no Executivo do Estado, recórtanse ata os 60 millóns de euros. Esta cifras oficiais constatan unha redución de máis de 118 millóns de euros nos últimos 7 anos. “O PP inviste tres veces menos na provincia de Lugo que o PSOE en 2011. Cos populares os lucenses recibimos do Estado un terzo do que recibíamos cos socialistas. Todo isto, cando no 2011 se alertaba sobre a difícil situación económica en España e hoxe se presume da súa recuperación”, destacaron.
A Executiva Provincial Socialista acordou trasladar aos seus compañeiros en Madrid que “non apoien un orzamento que claramente volve a castigar á provincia de Lugo, pois impide o seu desenvolvemento económico e social”.
“O PP de novo nega aos lucenses o AVE, a imprescindible Estación Intermodal para chegada da alta velocidade á provincia, a Autovía Lugo-Ourense, a Rolda Norte, a comisaria na capital, a mellora e humanización da N-V ou o arranxo da A-6”.
Os socialistas explicaron que no Presuposto Xeral do Estado de 2018 non existen partidas para estes proxectos, máis alá de “ridículas cantidades” como os 100.000 euros para os treitos Taboada-Narón e Narón-Guntín da A-56, sendo exactamente a mesma cantidade prevista no orzamento do ano pasado que non se executou; e outros 50.000 euros para a alta velocidade Ourense-Lugo, cando tamén se deixaron sen executar os 100.000 euros do presuposto de 2017 para este mesmo fin”;.
Sen AVE e 24 millóns para melloras ferroviarias
“O PP deixa a Lugo sen AVE, sendo a única provincia galega nesta situación, ao tempo que pide aos lucenses que nos satisfagamos con melloras ferroviarias que nin tan sequera leva a cabo”. Os socialistas explicaron que o PP inclúe nas contas deste ano partidas de 2,6 millóns e 1 millón para arranxos (renovación de variantes e electrificación) na conexión en tren Ourense-Lugo. Pero a previsión oficial para este ano era de 11 millóns e deixáronse sen executar os 13 millóns do Orzamento 2017. Faltan 24 millóns.
Recortes nas previsións para 2018 e sen executar os fondos de 2017
“O PP eterniza a chegada de infraestruturas vitais para a provincia, pois recorta todas as partidas oficiais previstas para este ano ao tempo que nin tan sequera executou as do Orzamento de 2017”, salientaron.
Neste senso, explicaron que “a autovía Lugo-Santiago, que prometían xa para 2015, pospóñela para máis alá do 2022. Os populares inclúen unha partida de 4,8 millóns para o treito Melide-Palas de Rei, cando a previsión oficial para este ano era de case 12 millóns e cando non executaron os 5 millóns do presuposto do ano pasado”.
“Dotan a circunvalación da A-76 en Monforte de Lemos de pouco máis de 335.000 euros cando deixaron sen executar os 400.000 euros de 2017”.
“Cando a previsión oficial para este ano na A-74 era de 5,6 millóns de euros e cando non executaron os case 2 millóns de 2017, agora inclúen 3,6 millóns para a Autovía da Mariña, que realmente representan un recorte de máis de 3,7 millóns”.
“A A-72 tamén segue acumulando retrasos, pois entre o que non executaron e tendo en conta a previsión oficial para este ano, o recorte orzamentario é de 3,7 millóns de euros”.
“O Intercomunicador Guntín conta co mesmo presuposto sen executar do ano pasado, que é de 2,5 millóns de euros, cando a previsión oficial para este ano é de 6 millóns”.