Foz, 8 de agosto de 2018. Comezaron as obras para mellorar varias estradas municipais de Foz cun total de máis de dez quilómetros de extensión e un investimento que supera os 220.000 euros.
O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural e Obras, Pedro Fernández Manín, anunciou hoxe que “comezan obras en varias estradas de titularidade municipal. Estas suporán un investimento de preto de 225.000 euros procedentes do plan Único da Deputación, de subvencións da Xunta de Galicia e de fondos propios deste Concello”.
Pedro Fernández Manín explicou que “estas actuacións lévanse a cabo practicamente en todas as parroquias do concello. Na de Fazouro empezarán na ponte do tren camiño das Chaves por A Torre a Rúa e ata o polígono industrial. En Vilaronte mellorarase a estrada que sube á Casa de Chona, a estrada desde a fonte de Nogarido á da Deputación e desde a estrada da Rúa pola Casa do Montañés ata a estrada Reiriz-A Espiñeira. Na parroquia de San Acisclo as obras faranse desde a rotonda da estrada Ferreira-Foz ata pasar o cemiterio. En Nois, desde a ponte da vía ata Cabanas e O Outeiro, ademais do camiño de Pedrido e da estrada que une a dos Xuncos coa Nacional 642. Ademais vaise mellorar a estrada desde o alto de O Santo ata o cruce do barrio de Trasmonte, nas parroquias de San Martiño e Santa Cilla. E na parroquia de Cordido as obras serán no viario desde o barrio de Pumariño polo Sixto ata o Chao da Vila”.
Manín subliñou que “estas obras, tanto as subvencionadas polo plan Único da Deputación como pola Xunta de Galicia, son o resultado das xestións levadas a cabo polo equipo de goberno do Concello de Foz . A estas obras vanse destinar máis de 220.000 euros de diñeiro público, que ben o merecen todos estes veciños e veciñas destas parroquias que usan habitualmente estas vías de comunicación, que non se atopan en bo estado de conservación”.