COMPOSTELA .- Unha aberración manifesta, unha descarada ilegalidade e un escandaloso e indignante convenio que non poden quedar impunes, asegura ADEGA sobre o urbanismo no Concello de Barreiros e anuncia que impugnará o convenio e denunciará perante a Xustiza unha eventual retirada dos contenciosos interpostos pola Xunta
Nota de Prensa
O URBANISMO NO CONCELLO DE BARREIROS: Unha aberración manifesta, unha descarada ilegalidade e un escandaloso e indignante convenio que non poden quedar impunes
ADEGA impugnará o convenio e denunciará perante a Xustiza unha eventual retirada dos contenciosos interpostos pola Xunta
Compostela, 14 de abril de 2010. Crónica das ilegalidades e corruptelas do caso Barreiros:
UNHA ABERRACIÓN MANIFESTA:
As aberración urbanísticas e o escaso respecto polo territorio no concello de Barreiros non son de hoxe. Veñen xa de cando, en contra das disposicións da lei e Regulamento de Costas (Lei 22/1988 e Real Decreto 1471/1988) permitiuse a urbanización sobre o mesmo borde do litoral, e ao igual que hoxe, sen contar cos máis mínimos servizos de saneamento.
Con tais actuacións, se por unha parte, os propietarios vense obrigados a sufrir as consecuencias duns servizos de auga, luz e saneamento totalmente deficitarios, por outra, todos e todas, a cidadanía en xeral, vémonos privados do noso seu dereito a desfrutar do territorio, da paisaxe e do litoral en igualdade de condicións que calquer outro cidadán.
Este modelo de urbanismo que se limita a erguer vivendas en todas as parcelas, sen para nada ter en conta a cualificación do solo nin os servizos de que está dotado, fíxose extensivo en Barreiros a partir do 2004 ante a permisividade da administración autonómica, e actuou de reclamo da especulación urbanística até o punto que só durante o 2006 o Colexio de Arquitectos de Lugo chegou a visar proxectos de edificación para máis de 6500 novas vivendas nun concello de apenas 3.500 habitantes. Estas novas urbanizacións ou ben carecían de calquer servizo urbanístico (accesos, abastecemento de auga, saneamento ou subministro eléctrico), ou poñían en perigo os servizos e infraestruturas municipais, incapaces de soportar tan desaforado crecemento urbanístico: a empresa suministradora de electricidade reiteradamente advertíu ao concello de Barreiros de que non sería posible garantir o subministro a tan medrado parque de vivendas.
En suma unha aberración manifesta que non só amenazaba toda a rasa do litoral, senón que, ao sobrepasar con moito a capacidade das infraestruturas existentes, viña a constituír unha inaceptábel irresponsabilidade dos promotores e da administración cara os potenciais propietarios de vivenda que veríanse privados dos servizos urbanísticos máis básicos.
UNHA DESCARADA ILEGALIDADE:
A ilegalidade desta aberración urbanística en Barreiros aparece perfectamente descrita e detallada no Decreto 15/2007 da Consellería de Política Territorial que suspende o planexamento municipal de Barreiros e aproba unha ordenación urbanística provisional até a entrada en vigor do novo PXOM. Tal planeamento viña regulado por unhas Normas Subsidiarias de 1994, (polo tanto non adaptado á Lei 9/2002), e caracterizado por unha excesiva e non xustificada delimitación do solo urbano, apesar de carecer dos servizos básicos que xa se esixían na normas subsidiarias provinciais de 1991 ou na Lei do solo de 1992.
Se xa as Normas Subsidiarias do concello de Barreiros do 1.994 poderían ser tachadas de ilegais por non axustarse á normativa daquela vixente, tal ilegalidade pasaba a ser indiscutible unha vez transcorridos os 3 anos (xaneiro de 2006) para adaptación dos planeamentos municipais á Lei 9/2002, logo dos casi, as disposicións da Lei entraban directamente en vigor. Isto debería implicar, cando menos, que o solo que as Normas Subsidiarias do 1994 clasificaba como urbano pero carecía dos servizos urbanísticos básicos pasaba a ser urbano non consolidado (sempre que non estivese nos ámbitos de protección da Lei de Costas ou da Lei 9/2001, de Conservación da Natureza, nos que prevalecería esta protección), e necesitando xa que logo a delimitación previa dun polígono de actuación e equidistribución de cargas urbanísticas.
Toda licenza urbanística outorgada a partir de xaneiro do 2006 para solo calificado como urbano pero que non reunía os xa mencionados requisitos de servizos urbanísticos mínimos (artigo 12 da Lei 9/2002) é unha licenza manifestamente ilegal. E que estas licenzas puideran seguir sendo outorgadas polo concello de Barreiros, apesar da advertencia de ilegalidade por parte da Xunta (o 14 de marzo do 2006, segundo a denuncia do Fiscal) e, por riba, sen informe favorable da Secretaría do Concello, constitúe, ademais, por parte da Alcaldía un acto de prepotencia e irresponsabilidade que de ningunha maneira, debera poder consentirse. Tal acto implicou non só que as vivendas construídas non ían a poder desfrutar dos servizos urbanísticos básicos que explicamos, senón que, a maiores, redundaron nun detrimento do patrimonio público ao non obrigar ao promotor á cesión sen cargas do 10% do solo nin á cesión do solo para accesos, servizos, dotacións públicas e vivendas de protección oficial.
Os datos aportados na denuncia do fiscal contra do Alcalde de Barreiros por presunta prevaricación na concesión de 44 licenzas urbanísticas (máis de 3000 vivendas) son dabondo indicativos das dimensións desta aberrante ilegalidade urbanística que agardamos que a Xustiza non deixe impune.
E dende ADEGA, non podemos deixar de denunciar que, a situación de manifesta ilegalidade urbanística acontecida en Barreiros, a Xunta de Galiza poida agora anunciar a retirada dos contenciosos-administrativos interpostos, feito que en si mesmo constitúe, tan escandalosa arbitrariedade e tan desigual trato de favor para a cidadanía e os promotores que cumpriron coa legalidade, que merece ser investigado pola Xustiza no caso de chegar a consumarse.
UN ESCANDALOSO E INDIGNANTE CONVENIO:
Se a retirada dos recursos administrativos interpostos pola Administración para a reposición da legalidade urbanística constitúe, por elemental sentido da xustiza social, unha inaceptable e aberrante práctica administrativa dun goberno que está obrigado a tratar a todos os cidadáns por igual, resulta verdadeiramente indignante e escandaloso que se pretenda reparar tal ilegalidade a conta dos cartos públicos. Nisto consiste, precisamente, o Convenio de colaboración aprobado o pasado 8 de abril polo Consello da Xunta: unha aportación de 12.891.164,89 € de cartos públicos para as seguintes actuacións:
-URBANIZACIÓN, ABASTECEMENTO E SANEAMENTO PARA O DESENVOLVEMENTO DOS NÚCLEOS URBANOS DE SAN COSME (CONCELLO DE BARREIROS);
-URBANIZACIÓN, ABASTECEMENTO E SANEAMENTO PARA O DESENVOLVEMENTO DOS NÚCLEOS URBANOS DE SAN MIGUEL DE SAN PEDRO (CONCELLO DE BARREIROS);
-URBANIZACIÓN, ABASTECEMENTO E SANEAMENTO PARA O DESENVOLVEMENTO DOS NÚCLEOS URBANOS DE SAN MIGUEL DE REINANTE (CONCELLO DE BARREIROS);
-URBANIZACIÓN, ABASTECEMENTO E SANEAMENTO PARA O DESENVOLVEMENTO DOS NÚCLEOS URBANOS DE REINANTE (CONCELLO DE BARREIROS).
Pouco necesitamos engadir para cualificar a este Convenio de Colaboración de escandaloso e indignante, alén de constituir na nosa opinión, unha fraude de lei e unha malversación de cartos públicos. A súa propia formulación é proba evidente da situación de ilegalidade urbanística das edificacións ás que agora se lles pretende dotar de servizos a conta do diñeiro público e en detrimento do patrimonio municipal, que tampouco vai percibir as cesións do solo ás que os promotores estaban obrigados. Dende ningún punto de vista pode resultar aceptábel un convenio de colaboración con esta finalidade e estamos seguros de que é imposíbel que os tribunais de Xustiza poidan refrendalo.
AS ACTUACIÓNS DE ADEGA:
En ADEGA temos moi claro que, se todas as falcatruadas urbanísticas do Concello de Barreiros poden ser legalizadas impunemente, ben pouco van valer en adiante as disposicións de protección do solo recollidas na lexislación urbanística e en calquera outra lexislación. En consecuencia, ADEGA non vai escatimar esforzos no camiño de restaurar a legalidade urbanística. A este respecto:
a) Persoarémonos no Xulgado de Mondoñedo para acompañar a denuncia do Sr. Fiscal e procurar que a Xustiza chegue até as últimas consecuencias na depuración de responsabilidades.
b) Recurriremos o convenio de colaboración aprobado pola Xunta de Galiza se é que chega a ser definitivamente asinado.
c) Manifestamos a nosa disposición a levar ante a Xustiza a retirada dos recursos contenciosos interpostos pola Administración para a reposición da legalidade urbanística, no caso de consumarse a súa retirada, por constituir un claro exemplo de prevaricación e malversación de cartos públicos.






















Os Bombeiros de Vilalba excarceraron ao condutor ferido que quedou atrapado no interior do vehículo. O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 16:20 horas desta tarde. Un particular informaba a esa hora dun coche envorcado na LU-P 6501, quilómetro 40 en Rioaveso, ao seu paso por Cospeito (Lugo). Indicaba que no interior do vehículo había unha persoa ferida, consciente pero que non podía saír. Con estes datos, os xestores do 112 pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vilalba, á Garda Civil de Tráfico e ao persoal de mantemento da vía.Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron a excarceración do ferido para posteriormente ser trasladado polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Trátasde dun grupo coñecido pola súa posta en escena humorística e teatral, que combina música tradicional con estética de taberna e espírito festivo. O evento celebrarase o 22 de maio ás 23:00 horas na Rúa do Cobo nº 18, cun prezo de entrada de 5 euros. As persoas asistentes están convidadas a traer instrumentos para sumarse á foliada. A actividade conta con presenza en Facebook, Instagram e TikTok, onde se pode seguir a programación e novidades do espazo.
Será o sábado 23 de maio, nas Letras no Campo, Feira do libro ribadense, nun acto no que estará acompañado de Suso Fernández Acevedo.
O acto terá lugar o vindeiro luns 18 de maio, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos, unha data sinalada para poñer en valor o patrimonio cultural e mariñeiro do concello. Tras un período de traballos de mellora e adecuación, o museo —un referente na comarca— reabre para ofrecer ás persoas visitantes unha viaxe inmersiva a través da herdanza mariñeira, da industria conserveira e da estreita relación das súas xentes co Cantábrico.
O mozo ciclista continúa a demostrar o gran nivel desta tempada, na que suma xa un primeiro posto e un terceiro nas últimas probas das Escolas de Ciclismo da Federación Galega. Uns resultados que reflicten o seu esforzo, constancia e paixón polo deporte. O Concello tamén quixo poñer en valor o traballo do club Medela MTB, pola súa aposta pola formación e polo deporte base, acompañando aos máis novos no seu crecemento deportivo e persoal. Desde Cervo trasladan os parabéns a Mateo e á familia Medela, e destacan o orgullo polos éxitos e pola excelente tempada que están a realizar.
A participación estará aberta do 14 ao 18 de maio, e a persoa gañadora poderá escoller entre cinco modelos diferentes. A propietaria, Susana Moreira, fai un balance moi positivo desta década, na que o negocio evolucionou ata centrarse en mercería, venda de la e artigos artesanais elaborados por ela mesma. Ademais, ofrece arranxos de roupa e organiza cursos e talleres de ganchillo, calceta e bordado, como o previsto para o 23 de maio. A maior parte da clientela e das persoas que participan nas actividades son mulleres, aínda que tamén acoden nenos e mozos interesados en técnicas como os amigurumis.
O encontro incluíu sesión vermú amenizada polo Dúo The Poker e unha comida popular con empanada, embutido, croquetas, xamón cocido, tenreira asada e sobremesa. Pola tarde continuou a música e realizáronse sorteos de agasallos achegados polas asociacións colaboradoras. A iniciativa foi organizada pola Asociación O Castelo, en colaboración coas asociacións parroquiais e o Concello de Alfoz, que agradeceron a ampla participación. Durante a xornada tamén houbo un momento de lembranza para Jorge Val, exalcalde falecido hai un ano, destacando o apoio que brindou ás asociacións locais.



